Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2023 Páx. 27759

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023 pola que se dá publicidade da encomenda do Servizo Galego de Saúde á Axencia Galega de Infraestruturas da preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras da fase 2 do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda coas seguintes características:

– Resolución do 20 de abril de 2023, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, pola que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras da fase 2 do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.

– Actividade:

A Axencia Galega de Infraestruturas asumirá a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras da fase 2 do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e con este fin obrígase a realizar as seguintes actuacións:

1. De ser o caso, e en relación coa obtención dos bens e dereitos necesarios para a execución de todas as actuación vinculadas ás obras da fase 2 do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol correspóndenlle á Axencia Galega de Infraestruturas o exercicio da potestade expropiatoria, ao abeiro do disposto na disposición adicional primeira do Decreto 118/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que indica que lle corresponde a esta consellería o exercicio da potestade expropiatoria nos supostos en que esta ou as súas entidades públicas instrumentais reciban encomendas ou encargas que requiran o exercicio desta potestade para a súa execución.

2. Realizar os labores de supervisión, implantación e aprobación dos correspondentes proxectos, así coma a realización dos actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos de obras e dos contratos dos servizos complementarios ás mesmas para o cumprimento do obxecto da encomenda, e nomeadamente os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. asumirá a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras e con este fin obrígase a:

1. Elaborar os informes técnicos e realización daquelas actuacións de carácter técnico necesarios na fase de adxudicación dos contratos derivados das actuacións obxecto da referida encomenda, nomeadamente, os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

2. A dirección da redacción do proxecto en base ao Plan funcional redactado polo Servizo Galego de Saúde.

3. As funcións de responsable do contrato da obra e, de ser o caso, dos contratos dos servizos complementarios obxecto do referido contrato.

4. A xestión daquelas autorizacións e permisos que sexan necesarios durante as obras, así como para a recepción destas.

5. Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante que asistirá ao acto de recepción das obras no que se levará a cabo a súa entrega.

– Natureza e alcance das funcións encomendadas: a encarga ten natureza de encomenda intersubxectiva a medio propio, segundo o disposto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao ter a Axencia Galega de Infraestruturas e a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a consideración de medios propios e servizos técnicos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Financiamento: a realización das actividades e/ou actos e negocios xurídicos necesarios para a execución desta encomenda de xestión por parte da Axencia Galega de Infraestruturas e a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.

– Prazo de vixencia: a eficacia da encomenda estenderase desde o día seguinte a súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía dos contratos obxecto desta.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade