Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 2 de maio de 2023 Páx. 27170

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 17 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública a proposta de modificación de límites do monumento natural Costa de Dexo e a memoria inicial do seu plan de xestión.

A Costa de Dexo representa un lugar de grande importancia ecolóxica tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe. Esta zona esténdese pola franxa litoral comprendida entre o cabo de Mera e o porto de Lorbé (aproximadamente 11 quilómetros de costa), cun rango altitudinal que vai dos 0 aos 38 m sobre o nivel do mar.

Trátase dunha fronte costeira aberta entre as rías da Coruña e de Ares-Betanzos, cunha importante extensión de acantilados mariños, illotes e vexetación de herbais e matogueiras costeiras en bo estado de conservación, de grande interese pola súa xeomorfoloxía e alto valor paisaxístico.

Desde o punto de vista xeolóxico, a zona encádrase totalmente na unidade de xistos cristalinos de Bergondo, rochas metamórficas moi sensibles á meteorización física, o que se reflicte na paisaxe de acantilados fortemente erosionados e con perfil costeiro serrado, con numerosas calas e enseadas, algunhas terminadas en pequenas praias encaixadas (Fontenla, Canabal, Porto de Dexo, A Garroteira, entre as maiores), furnas (covas mariñas) e algúns illotes (Insua do Seixo, O Marolete, A Marola, Serrón da Torrella), de altura en xeral media ou baixa e sen apenas afloramentos rochosos por encima dos cantís. Como excepción, na punta do Seixo Branco chama a atención unha veta de pórfiro granítico que lle dá nome a este lugar.

Derivado dos seus valores naturais, este espazo foi declarado monumento natural mediante o Decreto 101/2000, do 31 de marzo (DOG núm. 89, do 10 de maio).

O artigo 2 desta norma establece que o monumento natural alcanza unha extensión de 266,7624 hectáreas, das cales 265,3868 corresponden á zona terrestre e 1,3756 á zona insular. O decreto tamén indica que os límites xeográficos se corresponden cos do espazo definido na ordenanza 12 de conservación de costas e praias, do Plan xeral de ordenación urbana do concello de Oleiros e que no seu anexo I figura un plano cos seus límites.

Esta mención fai referencia ao anterior Plan xeral de ordenación municipal do concello de Oleiros, aprobado no ano 1997 (DOG núm. 142, do 24 de xullo de 2007). O ámbito afectado pola ordenanza delimítase nos planos de ordenación e é coincidente coa cartografía actual do espazo incorporada no anexo I do seu decreto de declaración.

Os límites terrestres do espazo, definidos na década de 1990, presentan unha escala de pouco detalle e tampouco responden claramente a criterios xeográficos, ambientais, parcelarios, de infraestruturas ou calquera outro que permita establecer referencias que delimiten con claridade o espazo sobre o terreo.

Tendo en conta a dispoñibilidade de ferramentas cartográficas moito máis precisas que as existentes no momento de definición dos límites deste monumento, proponse a realización dun axuste cartográfico dos ditos límites.

Así mesmo, o artigo 59 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece que os monumentos naturais contarán cun instrumento de planificación propio denominado plan de xestión, en que se establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación dos hábitats e especies.

O artigo 61 desta lei establece que a tramitación do plan de xestión lle corresponde á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural e a súa aprobación efectuarase consonte o disposto nos artigos 40 e 41.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre un plan, programa ou disposición de carácter xeral en relación con asuntos de carácter ambiental.

Por outro lado, o artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que, con carácter previo á elaboración dun proxecto ou anteproxecto de lei ou de regulamento, se realizará unha consulta pública a través do portal web da Administración competente, en que se recollerá a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma acerca:

a) Dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.

b) Da necesidade e oportunidade da súa aprobación.

c) Dos obxectivos da norma.

d) Das posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

En relación cos problemas que pretende solucionar, o Plan de xestión, tras un diagnóstico da situación actual do monumento natural, determina as presións e ameazas que está a sufrir o espazo. O Plan busca a redución destas presións e ameazas a través do desenvolvemento de actividades humanas compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable dos elementos considerados como claves para a declaración como espazo protexido.

A elaboración do Plan de xestión deste espazo protexido é unha obriga recollida na Lei 5/2019, do 2 de agosto.

Visto o anterior e conforme o establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, e 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación pública das memorias iniciais do Plan de xestión e da proposta de modificación dos límites deste espazo protexido, durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderanse consultar as memorias na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/consulta-publica-previa/consultas-abertas

Así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden tamén enviar as súas alegacións:

1. Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto Plan de xestión do monumento natural de Costa de Dexo.

2. Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin no enlace do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural