Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 2 de maio de 2023 Páx. 27167

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

ANUNCIO do 17 de abril de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, de alleamento polo procedemento de poxa pública de diversos bens inmobles de titularidade autonómica situados nos concellos das Pontes de García Rodríguez, A Coruña e Neda.

Ás 11.00 horas do 14 de xuño de 2023 terá lugar, sucesivamente e de non existiren persoas postoras para as anteriores, a primeira, segunda e terceira poxa dos lotes de bens patrimoniais, cuxo alleamento foi acordado polas ordes da Consellería de Facenda e Administración Pública do 30 de setembro de 2021, 8 de febreiro de 2023 e 13 de abril de 2023. A poxa celebrarase no salón de actos da Delegación da Axencia Tributaria de Galicia na Coruña, situado na praza de Pontevedra, 22-2º desa cidade, perante a mesa presidida polo secretario xeral técnico e do Patrimonio, ou persoa en quen delegue, coa asistencia dun letrado da Asesoría Xurídica, un representante da Intervención Xeral e un funcionario da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, que actuará como secretario. Os bens patrimoniais obxecto da poxa son os que a seguir se describen:

Lote 1º. Conxunto de dous locais comerciais situados no concello da Coruña:

Inmoble nº 1: local na avenida de Fisterra, 233, baixo:

Urbano. Número 3. Local sinalado co número 1 dos existentes na planta baixa da edificación en construción con fachada ás rúas avenida de Fisterra, Antonio Carballo e Tornos, sen número de policía, desta cidade. É un local destinado a usos comerciais ou industriais, sito en parte da dita planta baixa que ten a súa fachada e acceso directo e independente pola avenida de Fisterra, ocupa a superficie útil aproximada de sesenta e tres metros e setenta decímetros cadrados e linda, tomando como referencia a súa fachada á avenida de Fisterra: fronte, a dita rúa; dereita entrando, o local número 2 desta mesma planta; costas, patio do rueiro deste inmoble; á esquerda, portal e canón da escaleira de acceso ás plantas altas do corpo da esquerda con relación á avenida de Fisterra. Inscrita no Rexistro da Propiedade da Coruña núm. 1 como predio 68.480, libro 1.152, folio 200. Referencia catastral 7210301NJ4071S0149PQ.

Inmoble nº 2: local na rúa Tornos, 14:

Urbano. Número 12. Local sinalado co número 10 dos existentes na planta baixa do edificio sen número con fachada á avenida de Fisterra e ás rúas Antonio Carballo e Tornos desta cidade. Destínase a usos comerciais, e ocupa a superficie útil aproximada de oitenta e nove metros e vinte decímetros cadrados. Linda, tomando como referencia a súa fachada á rúa Tornos: fronte, a dita rúa, e interiormente, canón de acceso ás plantas altas do corpo da dereita da rúa Tornos; dereita entrando, portal e canón de escaleira de acceso ás plantas altas do dito corpo da dereita e casa número 231 da avenida de Fisterra; e costas, patio de rueiro; e esquerda, local nº 11 da división desta planta. Inscrito no Rexistro da Propiedade da Coruña núm. 1 como predio 68.498, libro 2640 e folio 101. Referencia catastral 7210301NJ4071S0081RK.

Tipo de licitación, primeira poxa: 170.382,64 €.

Tipo de licitación, segunda poxa: 144.825,24 €.

Tipo de licitación, terceira poxa: 119.267,85 €.

Lote 2º. Inmoble situado no concello das Pontes de García Rodríguez:

Terreo de 529 m2 de superficie, que contén unha edificación duns 106 m2, situada ao carón da estrada autonómica AC-142 As Pontes de García Rodríguez-O Piñeiral, no lugar de Saa do termo municipal das Pontes de García Rodríguez. Lindeiros: sur, estrada de titularidade autonómica (AC-142), tratada como zona de desconto e non dotada de referencia catastral propia; oeste, camiño público, con igual tratamento; norte e leste, predio de Francisca Couto Lage, con referencia catastral 8318002NJ8181N0001DA. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Narón ao tomo 2940, libro 203, folio 129, como predio 19224. Referencia catastral: 8318001NJ8181N0001RA.

Tipo de licitación, primeira poxa: 24.426,74 €.

Tipo de licitación, segunda poxa: 20.762,73 €.

Tipo de licitación, terceira poxa: 17.098,72 €.

Lote 3º. Inmoble situado no concello de Neda:

Predio constituído por un terreo de 270 m2 sobre o que se asentaba unha edificación que fora caseta de legoeiros xunto á estrada C-641 (hoxe AC-125 de Igrexafeita-Vista Alegre), no lugar de Cobeluda, no concello de Neda. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Narón como predio 8869, ao tomo 2.916, libro 116, folio 206. Lindeiros: polos ventos norte e leste, Celsa Monteiro Meizoso; polo vento sur, Sergio Pico Romero; e polo oeste, estrada autonómica AC-125. Referencia catastral 15056A013001380000HQ.

Tipo de licitación, primeira poxa: 3.175,20 €.

Tipo de licitación, segunda poxa: 2.698,92 €.

Tipo de licitación, terceira poxa: 2.222,64 €.

Para tomar parte na poxa é requisito indispensable consignar o 20 % da contía sinalada como tipo de licitación do inmoble perante a mesa, ou acreditar que se depositou tal contía na Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia á disposición da Secretaria Xeral Técnica e do Patrimonio.

Serán por conta das persoas adxudicatarias os custos dos anuncios (rateados segundo os tipos dos lotes), así como os orixinados pola adxudicación e formalización da escritura pública de venda; os demais gastos e impostos derivados da transmisión serán de aplicación conforme o disposto na lei.

O prego de condicións que rexe este alleamento está á disposición das persoas interesadas na páxina web da Consellería de Facenda: (http://www.conselleriadefacenda.es/a-conselleria/transparencia/contratacion-patrimonial/poxas/vendas).

Teléfonos de información: 981 54 41 51 ou 981 54 44 27.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública