Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2023 Páx. 24806

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de abril de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Carballeira, a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Vicente de Oitavén, na parroquia de San Vicente de Oitavén, do concello de Fornelos de Montes.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra reuniuse en sesión que tivo lugar o 1 de marzo de 2023, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial, coa asistencia dos seguintes vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes; Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das comunidades de montes veciñais en man común da provincia; Xesús Santaló Ríos, representante do Colexio de Avogados da provincia; Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia; Mª Jesús Lago Feijoo, representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Oitavén, así como do secretario do Xurado José Alberto Cousido, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o citado Xurado adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 15.4.2020 a CMVMC de San Vicente de Oitavén, do concello de Fornelos de Montes, solicita a clasificación como monte veciñal en man común (en diante, MVMC) da parcela Carballeira, a favor dos veciños da parroquia de San Vicente de Oitavén, no concello de Fornelos de Montes, provincia de Pontevedra:

Parcela: Carballeira.

Referencia catastral: 36019A005005000001 e IVG núm. BKHS24M1Q1SWZM9E.

Superficie: 12.464 m2.

Linde norte: río de San Benito.

Linde sur: concello de Fornelos de Montes, diocese de Tui-Vigo e camiño público.

Linde leste: en investigación, Leonor Pérez Garrido, Consuelo Rodríguez Rivas, Alfredo García Bouzón, Camilo Lorenzo Casqueiro, Armando García Bouzón e María Balbina Fernández Fernández.

Linde oeste: Camilo Casqueiro Lorenzo, Digna Fernández Casqueiro, Delfín Pérez Pérez, Manuel Fernández Bouzón e Consuelo Rodríguez Rivas.

Coa solicitude xúntase a seguinte documentación:

• Escrito do 15.4.2020 do presidente da CMVMC de San Vicente de Oitavén, que expón que na asemblea xeral do 6.12.2019 acordan solicitar a clasificación da parcela Carballeira; que os veciños veñen gozando e aproveitando esta parcela desde tempo inmemorial; que figuran como titulares catastrais; que se fixo o levantamento dos límites para poder representala coa máxima precisión e que se encargaron durante anos da limpeza e mantemento para evitar o seu abandono e a propagación de lumes.

• Certificado da secretaria da CMVMC de San Vicente de Oitavén coa conformidade do presidente de que na Asemblea xeral do 6.12.2019 acordan solicitar a clasificación da parcela Carballeira.

• Informe técnico da solicitude de clasificación da parcela Carballeira, parroquia de San Vicente de Oitavén, concello de Fornelos de Montes, Pontevedra. Asinado en abril de 2020 pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 908.

• Informe de validación gráfica catastral segundo medición topográfica. Foto do Catastro de rústica de 1982, certificación catastral da titularidade da parcela e fotografías da parcela.

Durante a tramitación do expediente non achegan documentación para acreditar o aproveitamento veciñal en man común por parte dos veciños da parroquia de San Vicente de Oitavén.

Segundo. O 25.6.2020 o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación da parcela Carballeira e que se encontra fóra do esbozo do estudo previo da clasificación como MVMC.

Terceiro. O 23.11.2020 o Xurado de MVMC de Pontevedra acorda incoar expediente de clasificación da parcela Carballeira e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícaselle o 24.11.2020 á CMVMC de San Vicente de Oitavén e ao Concello de Fornelos de Montes.

Cuarto. O 16.7.2021 a xefa da Área de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra emite informe preceptivo do Servizo de Montes:

«(...) É un terreo cunha morfoloxía irregular, que presenta unha acentuada pendente natural desde a estrada de Fornelos ao sur e cara ao norte, onde acaba lindando co río de San Benito. No seu interior alberga un cemiterio a nome da Diocese de Tui-Vigo, pero propiedade da CMVMC de San Vicente de Oitavén.

Na cabeceira que dá á estrada de Fornelos presenta un gran noiro que ocupa unha boa parte desta cara ao sur, e que está separado da estrada por unha barreira de seguridade en todo o seu percorrido. Limítao cara ao seu interior unha pista parcialmente asfaltada que dá acceso á parcela.

Este noiro presenta algúns pés do xénero Quercus, Acacia e Castanea, e está ocupado na súa meirande parte por pés do xénero Betula. Termina nun muro de pedra duns dous metros de altura, que continúa cerrando a parcela en dirección suroeste. Neste tramo e no seu pé, o muro presenta unha presa sen limpar que non está sendo empregada. Na metade do noiro localízase encaixada unha fonte de auga potable en boas condicións de acondicionamento.

Ademais, nesta cara sur dáse entrada, a través dunha gran cancela, á igrexa parroquial de San Benito de Oitavén, da cal a separa outro muro de pedra por toda esta fronte de aproximadamente 4 m de altura nalgúns dos seus treitos. Ten así, para poder salvalo e darlle acceso directo ao cemiterio que se encontra dentro da parcela, outra pequena cancela cunha escalinata.

Na cara leste ten un peche cun muro de pedra menos consolidado có anterior e derruído a tramos, de entre medio metro e un metro de altura noutros treitos, linda con parcelas particulares e acaba na ribeira do río de San Benito.

Ao nordeste delimita cun pequeno muíño de auga, que está sen restaurar e que se abastecía do dito río.

Na cara norte linda en toda a súa fronte coa ribeira do río de San Benito. Nun dos tramos máis baixos hai unha pequena presa que o soterra para deixar un pequeno paso e aparece o río uns metros despois bordeando toda esta fronte. A ribeira do río nesta fronte está separada da parcela por un pequeno muro de contención, de medio metro de altura e derruído nalgún treito.

A cara oeste está percorrida nunha parte por un pequeno regato e noutra ten un muro consolidado de medio metro, que deixa un paso de aproximadamente un metro de anchura cara dentro da parcela para acceder a ela desde un camiño público asfaltado.

No seu interior a parcela está ocupada por varios pés do xénero Acacia, Castanea, Quercus, e unha pequena poboación do xénero Betula, máis abundantes segundo nos achegamos á marxe do río.

Hai uns pés espallados de considerable porte do xénero Quercus, Cedrus, Castanea e Acacia.

Presenta tamén no centro da parcela, ocupando unha significativa superficie, un afloramento rochoso que vai desde a cara norte do cemiterio ata un camiño interior dela.

A parcela está limpa nunha moi grande parte. No momento deste informe estábana rozando e quedaba por limpar o acceso norte e o acceso oeste, ademais da ribeira do río.

O uso da parcela por parte dos veciños é recreativo».

Quinto. O 26.7.2021 o Rexistro da Propiedade de Redondela-Ponte Caldelas certifica que o predio de que se insta a clasificación non está inscrito no Rexistro. Ordénanse as anotacións preventiva no Rexistro da Propiedade de Redondela-Ponte Caldelas, notifícase o trámite de audiencia, publícase edicto no Concello de Fornelos de Montes e no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Anuncio do 9 de setembro de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo de inicio do expediente de clasificación do monte Carballeira, a favor da CMVMC de San Vicente de Oitavén, do concello das Fornelos de Montes (DOG núm. 184, do 23 de setembro).

Sexto. Dentro do período do trámite de audiencia non se reciben alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, define o monte veciñal en man común:

«Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de forma continuada. Así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, polo que a conclusión é que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. Tras revisar o expediente non se acredita de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común da parcela pola agrupación veciñal.

Sendo coherentes co criterio fixado pola xurisprudencia e adoptado por este xurado á hora de valorar se procede ou non a clasificación dunha determinada parcela como monte veciñal en man común, resulta exixible un maior esforzo probatorio do uso comunal, tanto histórico como actual por parte dos veciños de San Vicente de Oitavén, tal e como se lle vén requirindo a outras comunidades de montes.

Deste xeito, e unha vez analizado con detalle o expediente de referencia, bótase en falta, por exemplo, a achega de documentos que acrediten os traballos de limpezas e podas realizados, fotografías de romarías ou festas que xustifiquen o uso recreativo, facturas relativas a unha posible corta de madeira, notificacións de organismos públicos, escritos de veciños, anotacións no libro de actas da comunidade de cuestións relativas á parcela obxecto de clasificación, etc.

Entendemos, en definitiva, que tan importantes como os esforzos investidos pola parte solicitante en clarificar e delimitar a concreta extensión dos terreos para clasificar é a achega dunha mínima proba documental que sustente de xeito fidedigno a clasificación do monte como veciñal en man común.

De feito, a pretensión de clasificación que articulan os veciños de San Vicente de Oitavén susténtase unicamente no informe de delimitación, achegado coa solicitude inicial de clasificación en que, aínda que se fai referencia a usos e aproveitamentos tradicionais, non se proporciona nin un só documento ou medio de proba válido que sirva de sustento para tales afirmacións.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados; a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado, por unanimidade,

ACORDA:

Non clasificar como veciñal en man común o monte Carballeira a prol dos veciños da CMVMC de San Vicente de Oitavén (Fornelos de Montes).

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 5 de abril de 2023

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra