Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 14 de abril de 2023 Páx. 23574

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de marzo de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 21 de marzo de 2023 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes do monte veciñal en man común Comunal de Córcores e do monte veciñal en man común Amiudal e Fontao e de Coto de Uxo, no concello de Avión (Ourense).

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Comunal de Córcores, pertencente á CMMVVMC de Córcores; e os MVMC Amiudal e Fontao e de Coto de Uxo, pertencentes á CMMVVMC de Amiudal, no concello de Avión, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 26.9.2022, a CMMVVMC de Amiudal presentou un escrito (Rexel 2022/2355069) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMMVVMC de Córcores.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Avión.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense con data do 19 de decembro de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Comunal de Córcores, pertencente á CMMVVMC de Córcores, e os MMVVMC Amiudal e Fontao e de Coto de Uxo, pertencentes á CMMVVMC de Amiudal, correspondendo a maior parte da liña deslindada a tramos de ríos e regatos que, de conformidade coas carpetas-ficha e mais a planimetría aprobadas nos antecedentes, constitúen a estrema actual destes montes.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 19 de decembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Comunal de Córcores, pertencente á CMMVVMC de Córcores; e os MVMC Amiudal e Fontao e de Coto de Uxo, pertencentes á CMMVVMC de Amiudal, no concello de Avión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 27 de marzo de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense