Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2023 Páx. 21775

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 15 de marzo de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 10 de marzo de 2023, relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes do monte veciñal en man común Cabeza de Meda e outros, e o de montes de Cacharrequille, nos concellos de Montederramo e Xunqueira de Espadanedo (Ourense).

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Cabeza de Meda e outros, pertencente á CMVMC de Cacharrequille, Currás, Medón e Ratoeiras; e do MVMC Montes de Cacharrequille, pertencente á CMVMC de Cacharrequille, nos concellos de Montederramo e Xunqueira de Espadanedo (Ourense), resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 28.9.2022, a CMVMC de Cacharrequille, Currás, Medón e Ratoeiras presentou un escrito (Rexel 2022/2379494) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMMVVMC de Cacharrequille.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento do 22.8.2022.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Montederramo.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 25 de novembro de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Cabeza de Meda e outros (Pedroso, Cabezo, Devesa e Outeiro de Ratoeiras), pertencente á CMVMC de Cacharrequille, Currás, Medón e Ratoeiras, e o MVMC Montes de Cacharrequille, pertencente á CMMVVMC de Cacharrequille, desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata o vértice 13 (o situado máis ao S).

No citado informe indícase que o vértice 1 do deslindamento non pode ser tido en conta xa que teoricamente correspóndese co punto de confluencia dos montes en cuestión co MVMC Cabeza de Meda pertencente á CMVMC do Coutiño, O Couto, Santiagueiro, Requián, Teimende, Celeirón e As Paradellas, a cal non participa da conciliación. En consecuencia, o primeiro punto como tal do deslindamento debe ser o vértice 2, tendo o vértice 1 a condición de punto auxiliar que permite definir a dirección da liña no tramo inicial do deslindamento.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os puntos 2 e 13 indicados na acta de conciliación, tendo o punto 1 a consideración de vértice auxiliar que define a dirección da liña no tramo anterior ao punto 2.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 25 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Cabeza de Meda e outros, pertencente á CMVMC de Cacharrequille, Currás, Medón e Ratoeiras; e do MVMC Montes de Cacharrequille, pertencente á CMVMC de Cacharrequille, no concello de Montederramo e Xunqueira de Espadanedo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 15 de marzo de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense