Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2023 Páx. 21773

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 15 de marzo de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 10 de marzo de 2023, relativa á revisión do esbozo do monte veciñal en man común Chaos, Larouco, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Montecelo e A Boullosa, no concello de Baltar (Ourense).

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Chaos, Larouco, pertencente á CMVMC de Montecelo e A Boullosa, no concello de Baltar, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 16.8.2022, a CMVMC de Montecelo e A Boullosa (Baltar) presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2073415) de revisión de esbozo do MVMC Chaos, Larouco, no concello de Baltar.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 24.7.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 23 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. No dito informe indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros, que non se encontran deslindados.

A revisión de esbozo indica a existencia de novos enclavados do monte, non existindo ningún na clasificación, polo que non se aceptan neste procedemento de revisión de esbozo e deberán ser incluídos nun expediente de deslindamento. Si se admiten os enclavados nos que se valora que xa podían estar excluídos no esbozo da clasificación, que se atopan moi preto do perímetro clasificado.

A proposta poligonal resultante exclúe varias estradas asfaltadas e camiños que atravesan o monte, que figuran de xeito diferenciado no Catastro. A este respecto, considérase que todas aquelas estradas e camiños que, ben non se xustifique con evidencias sólidas unha titularidade distinta da veciñal, ou ben non teñan a consideración de vías oficialmente sinalizadas, abertos ao tráfico rodado e susceptibles de constituíren dominio público, seguen sendo parte do monte.

A superficie do MVMC Chaos, Larouco, unha vez revisado o esbozo e xa suprimindo os enclavados externos ao esbozo de clasificación, sería de 757,61 ha fronte ás 828 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución dun 8,5 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo do MVMC Chaos, Larouco.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo coa antedita lei, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 23 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común Chaos, Larouco, pertencente á CMVMC de Montecelo e A Boullosa, no concello de Baltar.

Ourense, 15 de marzo de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense