Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2023 Páx. 20734

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción, dunha instalación eléctrica nos concellos de Moaña e Vilaboa (expediente IN407A 2022/040-4).

Expediente: IN407A 2022/040-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LAT 66 kV Pontesampaio-Cangas II-substitución dos apoios 52 a 59. Tramo II.

Concellos: Moaña e Vilaboa.

Feitos:

Primeiro. O 31 de xaneiro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LAT 66 kV Pontesampaio-Cangas II-substitución dos apoios 52 a 59. Tramo II.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a substitución dos apoios 52, 53, 54, 55, 56, 57, 58 e 59 da liña aérea LAT 66 kV Pontesampaio-Cangas II ao seu paso polos concellos de Moaña e Vilaboa (Pontevedra). Os apoios serán substituídos por outros metálicos con disposición de crucetas ao triángulo. Reinstálase e regúlase a liña trifásica en simple circuíto do condutor actual Pigeon e das liñas de fibra óptica. Instálase e regúlase a liña trifásica en simple circuíto LA-180 no van entre os apoios 55 e 58.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Moaña, o Concello de Vilaboa, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), o Servizo de Montes en Pontevedra, o Servizo do Patrimonio Cultural en Pontevedra e o Servizo de Prevención de Incendios Forestais en Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polos servizos de Montes e do Patrimonio Cultural.

Os demais organismos non emitiron os condicionado técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante o escrito do 3 de marzo de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 3 de marzo de 2022, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 25 de marzo de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 24 de marzo de 2022.

Taboleiro de anuncios dos concellos de Moaña e Vilaboa.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións da Comunidade de Montes de San Adrián de Cobres. A seguir resúmese o seu contido:

A xustificación da necesidade de declaración de utilidade pública contida no proxecto é xenérica e non está debidamente fundamentada. Na realidade, as obras teñen como obxectivo a legalización ou regularización da liña. O propio proxecto afirma que os apoios non cumpren coas distancias regulamentarias.

No proxecto non se describen, cos detalles que se exixen, as actuacións que se realizarán. Non se recolle o recheo das cepas existentes que quedan ao retirar os apoios 53, 54 e 55.

A instalación dos apoios estará próxima ás vivendas habituais o que pode xerar problemas de saúde, minoración do valor económico das vivendas e diminución da calidade de vida dos veciños.

A liña pasa por zonas de protección arqueolóxica e non se recolle no proxecto esta situación, nin consta informe de Patrimonio.

Non constan as preceptivas autorizacións para a execución da reinstalación das liñas de fibra óptica existentes.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

O proxecto foi elaborado tendo en conta a lexislación que lle é de aplicación e os condicionamentos técnicos que lle afectan. Resalta que a LAT 66 kV Pontesampaio-Cangas II é unha liña existente e o que se pretende é a substitución de apoios existentes que se atopan deteriorados.

O proxecto cumpre cos requisitos que deben concorrer para a declaración de utilidade pública: a xustificación da necesitade da instalación e a determinación da relación de bens e dereitos.

No proxecto recóllense todas as obras que se executarán, ben que é certo que se identificou unha errata na páxina 12 do proxecto (non aparece a clasificación do apoio 52N), porén, na páxina 62, esa clasificación recóllese debidamente e indícase que é non frecuentado.

En canto a afeccións da zona de protección arqueolóxica, infórmase que se tramitou a oportuna autorización.

No que as redes de telecomunicación se refire, sinalan que é de aplicación o disposto na disposición adicional cuarta da Lei 24/2013, relativa ás servidumes de paso.

Destacan que na planimetría que figura no proxecto quedan claramente determinados a localización, trazado e características da liña de distribución.

Tamén destacan que será no acto de levantamento de actas previas á ocupación cando as persoas titulares dos predios afectados poderán presentar as alegacións que xulguen oportunas para as valoracións dos bens afectados.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

Con relación á falta de xustificación da localización das instalacións proxectas, cabe sinalar que o proxecto recolle o establecido nos artigos 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 140 do Real decreto 1955/200, do 1 de decembro.

Respecto ao paso da liña por unha zona arqueolóxica, destácase o informe do 18 de abril de 2022 emitido polo Servizo do Patrimonio que conclúe que as obras son compatibles coa protección do patrimonio.

Respecto á reinstalación da fibra óptica, a disposición adicional cuarta da Lei 24/2013 establece que a servidume de paso de enerxía eléctrica, tanto aérea como subterránea, constituída a favor dunha rede de transporte, distribución e subministración, inclúe aquelas liñas e equipos de telecomunicación que por elas poden transcorrer, tanto se son para o servizo de autoprestación da explotación eléctrica, como para a prestación de servizos de comunicacións electrónicas dispoñibles ao público, e sen prexuízo do xustiprezo que, se é o caso, puidera corresponder, de agravarse esta servidume.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Substitución dos apoios 52, 53, 54, 55, 56, 57, 58 e 59 da LAT 66 kV Pontesampaio-Cangas II e reinstalación, regulación e tendido de 1.349 metros de liña de alta tensión a 66 kV, con condutor Pigeon/LA-180, comprendidos entre o apoio 51 e 60N. A instalación está situada nos municipios de Moaña e Vilaboa (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas da promotora e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

En relación coa falta da suficiente xustificación da declaración de utilidade pública e a urxente ocupación que leva implícita, sinálase que os artigos 54 da Lei 24/2013 e 140 do Real decreto 1955/2000 establecen que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e a imposición e exercicio da servidume de paso. Esta declaración de utilidade pública esténdese para os efectos da expropiación forza de instalacións eléctricas e dos seus emprazamentos cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais.

Ademais, o artigo 140.3 do Real decreto 1955/2000 recolle que para o recoñecemento en concreto da utilidade pública destas instalacións será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

No sistema regulatorio do sector eléctrico a declaración de utilidade require basicamente a xustificación da necesidade da instalacións de que se trate e a determinación dos bens e dereitos cuxa expropiación ou afectación resulta imprescindibles.

No referente á afección do patrimonio arqueolóxico pola liña eléctrica destácase que esta xefatura territorial solicitou o oportuno informe do Servizo do Patrimonio Cultural, conforme o establecido no punto segundo dos antecedentes de feitos desta resolución. O informe foi emitido o 18 de abril de 2022 e nel recóllese a compatibilidade das obras coa protección do patrimonio, establecendo unha serie de condicionados que foron aceptados pola empresa promotora.

No referente á reinstalación da fibra óptica existente, remítese ao punto sexto dos antecedentes de feitos desta resolución que sinala o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 24/2013.

En relación coa existencia de danos e prexuízos, é sabido que estes deben ser efectivos, avaliables economicamente, individualizados e probados. No seu escrito a alegante limítase a unhas meras consideracións xerais e abstractas dos prexuízos sobre o territorio, as vivendas e a saúde dos veciños, non existe concreción dos danos.

Respecto á insuficiencia de detalles no proxecto, o artigo 53.4 da Lei 24/2013 establece que para a autorización de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas de enerxía eléctrica a promotora deberá acreditar suficientemente os seguintes aspectos: as condicións técnicas e de seguridade das instalacións e do equipo asociado; o adecuado cumprimento das condicións de protección do ambiente; as características do emprazamento da instalación; e a súa capacidade legal, técnica e económico-financeira para a realización do proxecto.

O proxecto de substitución de apoios por deterioración na LAT 66 kV Pontesampaio-Cangas II consta de memoria, cálculos, planos, prego de condicións técnicas, estudo de xestión de residuos e estudo básico de seguridade e saúde.

Por último, destacar que a empresa promotora elabora este proxecto porque durante os labores de mantemento detectouse a deterioración dalgúns apoios por óxido, así como algunhas distancias antirreglamentarias. Cabe sinalar que a normativa obriga ás empresas de transporte e distribución de enerxía eléctrica a execución, mantemento e verificación das liñas da súa propiedade. Así como o artigo 2.2 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, establece que este regulamento será de aplicación ás novas liñas, ás súas modificacións e ás súas ampliacións.

Conforme ao indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LAT 66 kV Pontesampaio-Cangas II-substitución dos apoios 52 a 59. Tramo II (expediente IN407A 2022/040-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 6 de marzo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra