Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2023 Páx. 17999

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2023 pola que se aproba e se fai pública a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas e se convocan as persoas aspirantes á realización do primeiro exercicio (probas de lingua galega) do proceso selectivo para cubrir 65 prazas da categoría profesional de auxiliar técnico de servizos, grupo IV.1.

Mediante a Resolución do 26 de novembro de 2021 (DOG do 14 de decembro) convocáronse probas selectivas para cubrir 65 prazas da categoría profesional de auxiliar técnico de servizos, grupo IV.1, polas quendas de promoción interna e de acceso libre, vacantes no cadro de persoal laboral.

Mediante a Resolución do 20 de maio de 2022 (DOG do 31 de maio) aprobouse a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas nas mencionadas probas selectivas e fixouse un prazo para emendar os defectos que motivasen a exclusión ou a omisión.

Unha vez rematado o dito prazo e consonte o establecido na base 4.4 da convocatoria,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar aprobada e facer pública a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas ás citadas probas.

Segundo. Indicar que a citada listaxe definitiva está exposta no taboleiro electrónico da USC e na web:

https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado

Terceiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas e que non están exentas deste exercicio para a realización do primeiro exercicio da fase de oposición (probas de lingua galega), o día 20 de abril, ás 9.00 horas, na aula número 11 da Facultade de Dereito da USC (avenida Dr. Ángel Echeverri s/n, Campus Vida, Santiago de Compostela).

A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaraa o tribunal, nos locais onde se realice a proba anterior, no taboleiro electrónico da universidade e na páxina web:

https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela