Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 9 de marzo de 2023 Páx. 17037

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 6 de marzo de 2023 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR605A).

Mediante a Orde do 30 de decembro de 2022 establécense as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR605A) (Diario Oficial de Galicia número 19, do 27 de xaneiro de 2023).

A Consellería do Medio Rural, nos últimos anos (2019 a 2022), convocou axudas para accións silvícolas cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020; todas as ordes de axudas teñen as mesmas instrucións técnicas das actuacións obxecto de axuda. É dicir, todas as ordes de subvención incluían como gasto elixible a trituración, a picadura ou a extracción para o seu aproveitamento dos restos que se obtivesen como consecuencia da realización dos tratamentos silvícolas.

Tendo en conta a experiencia na xestión desta liña de axudas, aconséllase incluír como gasto elixible a picadura para o tratamento dos restos que se obteñan da realización dos coidados culturais de voo, coa finalidade de ampliar as opcións de tratamento dos restos para a prevención de incendios en zonas de elevada pendente ou difícil acceso.

Como consecuencia desta modificación e para garantir a concorrencia competitiva, resulta preciso ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria por un prazo dun mes, en consonancia co establecido no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude ou que aquelas persoas que non formulasen solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as novas condicións.

De conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR605A)

A Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR605A) (Diario Oficial de Galicia número 19, do 27 de xaneiro de 2023), queda redactada como segue:

Un. Modifícase o artigo 5.1.a).1º, terceiro parágrafo, que queda redactado do seguinte xeito:

«Tamén é elixible a trituración dos restos, picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa; porén, non se poderá solicitar a trituración dos restos, a picadura nin a extracción para o seu aproveitamento como biomasa no caso de que a desmesta se realice totalmente de forma sistemática e mecanizada, salvo que os restos que se obteñan despois do tratamento permitan o seu aproveitamento como biomasa».

Dous. Modifícase o artigo 5.1.a).2º, terceiro parágrafo, que queda redactado do seguinte xeito:

«Tamén é elixible a trituración de restos de poda, a picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa».

Tres. Modifícase o artigo 5.6, que queda redactado do seguinte xeito:

«6. Os restos que se obteñan serán triturados in situ, picados ou ben extraídos do predio obxecto de axuda para o seu aproveitamento como biomasa».

Catro. Modifícase o punto 4 do anexo VIII, que queda redactado do seguinte xeito:

«Os restos que se obteñan como consecuencia da realización dos coidados culturais do voo con diámetro en punta delgada superior a 6 cm serán triturados in situ, picados cunha lonxitude inferior a 50 centímetros e con distribución homoxénea ou ben extraídos do predio obxecto de axuda para o seu aproveitamento como biomasa, e deberase xustificar documentalmente o dito aproveitamento xunto coa notificación de remate dos traballos».

Cinco. Modifícase a táboa nº 2 do anexo IX, códigos M12, M14 e M24, que quedan redactados do seguinte xeito:

M12: «Trituración dos restos, picadura ou extracción para o aproveitamento como biomasa».

M14: «Desmestas en masas de coníferas con diámetro normal medio inferior a 15 cm, acadando unha densidade final entre 800 e 1.200 pés/ha, en masas onde xa se executou unha desmesta en rúa. Deberase rozar a rúa, rarear a entrerrúa e picar ou extraer os restos».

M24: «Trituración dos restos, picadura ou extracción para o aproveitamento como biomasa».

Seis. Modifícanse os puntos 1.2, 1.4 e 2.4 do anexo XII, que quedan redactados do seguinte xeito:

«1.2. Trituración dos restos, picadura ou extracción para o aproveitamento como biomasa».

«1.4. Desmestas en masas de coníferas con diámetro normal medio inferior a 15 cm, acadando unha densidade final entre 800 e 1.200 pés/ha, en masas onde xa se executou unha desmesta en rúa. Deberase rozar a rúa, desmestar a entrerrúa e picar ou extraer os restos».

«2.4. Trituración dos restos, picadura ou extracción para o aproveitamento como biomasa».

Artigo 2. Ampliación de prazo

Ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 12.1 da Orde do 30 de decembro de 2022 nun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude ou que aquelas persoas que non formulasen solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as novas condicións.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural