Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 7 de marzo de 2023 Páx. 16711

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, unha instalación eléctrica no concello de Nogueira de Ramuín (expediente IN407A 2022/140-3).

Examinouse o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida de America, 38, 28028 Madrid.

Denominación: regulamentación LMT PRS806 en apoio BI6J93DJ//93-4.

Situación: concello de Nogueira de Ramuín.

Orzamento: 8.687,23 €.

Características principais do proxecto de execución, que foi asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado número 482 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, o 10 de xuño de 2022:

– Reforma da LMTA PRS806, a 20 kV, coa substitución dos apoios de formigón, números 93-4 e 93-5, por apoios tipo celosía de tipo C-1000-16 (T35/180), e cambio do elemento de manobra XS 32H894 do apoio número 93, que se encontra en situación antirregulamentaria, ao 93-4, e do condutor actual na zona afectada por novo condutor LA-56, treito de 222 m.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 26 de agosto de 2022, que foi inserido no DOG do 21 de setembro e no xornal La Región de Ourense do 18 de setembro. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta vicepresidencia durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso presentou alegacións o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia relativas á falta de competencia profesional do redactor do proxecto técnico, debido á falta de especialidade. Na contestación realizada polo solicitante xustifícase a competencia profesional ao non superarse a limitación cuantitativa de sesenta e seis mil volts de tensión establecida no Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, sobre atribucións dos peritos industriais. Ademais, esta determinación foi ratificada pola Sentenza do 9 de xullo de 2002, da Sala do Contencioso-Administrativo, ditada no ámbito do recurso de casación número 7785/1994, que establece que «Os enxeñeiros técnicos industriais teñen ilimitadas atribucións profesionais dentro da súa especialidade e limitadas no resto de especialidades coas limitacións cuantitativas que se reflectían no artigo 1 do Real decreto ley 37/1977, do 13 de xuño, sobre as atribucións dos peritos industriais».

En consecuencia, non se teñen en conta as alegacións formuladas polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Para dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, realizouse o trámite de notificación a descoñecidos co correspondente anuncio, que se inseriu no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 18 de outubro de 2022 e no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado (BOE) do 24 de outubro.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, arriba sinalado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 27 de xaneiro de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense