Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 1 de marzo de 2023 Páx. 16013

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Celanova (expediente IN407A 2022/139-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre a autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que se describe a seguir:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: regulamentación CT 32CF88 Lobeiras.

Situación: lugar de Lobeiras, concello de Celanova.

Orzamento: 108.356,72 €.

Características principais do proxecto de execución, que foi asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado núm. 482 do COITIOU, o 16.5.2022:

– LMTS, a 20 kV de alimentación a CT proxectado (2 tramos), en condutor tipo RHZ1-2OL 1×240 mm, de 4 m cada un, con orixe na LSMT CEL809 Celanova 9 e final no CT proxectado.

– CT Lobeiras, compacto, telecontrolado GSM/GPRS/FO 2L1P con envolvente e manobra exterior, de 630 kVA de potencia e R/T 20.000/400-230 V, que substitúe o actual de 160 kVA, legalizado no expediente número IN407A 2016/143-3 e APS do 13.10.2017.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 26 de agosto de 2022, que foi inserido no DOG do 21.9.2022 e no xornal La Región de Ourense do 10.9.2022. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta vicepresidencia durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso, foron presentadas alegacións polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia relativas á falta de competencia profesional do redactor do proxecto técnico, debido á falta de especialidade. Na contestación realizada polo solicitante, xustifícase a competencia profesional ao non sobrepasarse a limitación cuantitativa de sesenta e seis mil voltios de tensión establecida no Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, sobre atribucións dos peritos industriais. Ademais, esta determinación foi ratificada pola Sentenza do 9 de xullo de 2002, da sala do contencioso-administrativo, ditada no ámbito do recurso de casación núm. 7785/1994, que establece que «Los ingenieros técnicos industriales tienen ilimitadas atribuciones profesionales dentro de su especialidad y limitadas en el resto de especialidades con las limitaciones cuantitativas que se reflejaban en el artículo 1 del Real decreto ley 37/1977, de 13 de junio, sobre las atribuciones de los peritos industriales».

En consecuencia, non se teñen en conta as alegacións formuladas polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Tamén foron presentadas alegacións polo propietario do predio afectado pola instalación proxectada. No expediente consta a comunicación do promotor manifestando que chegou a acordo con aquel.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder a autorización administrativa previa e de construción á devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 27 de xaneiro de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense