Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 1 de marzo de 2023 Páx. 16011

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, unha instalación eléctrica no concello de Viana do Bolo (expediente IN407A 2022/090-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: regulamentación LMTA DC SMI803-SAG703, apoio núm. D81.

Situación: Pozaquiño, concello de Viana do Bolo.

Orzamento: 6.371,72 €.

Características principais do proxecto de execución, que foi asinado polo enxeñeiro técnico industrial David Núñez Fernández, colexiado núm. 1534 do ICOIIG, o 6 de xullo de 2021:

– Substitución na LMTA, a 20 kV, SMI803-SAG703 do apoio núm. D81, de formigón de tipo HV-12/400-DC-CS, por encontrarse en mal estado, e instalación no seu lugar dun apoio de celosía metálica, de tipo C-16/1000-E30-CA.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 29 de xuño de 2022, que foi inserido no DOG do 22 de xullo e no xornal La Región de Ourense do 7 de xullo; o proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no Portal de transparencia desta vicepresidencia durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non foron presentadas alegacións.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública da devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha da instalación que se autoriza será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto arriba sinalado.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada, ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 27 de xaneiro de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense