Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2023 Páx. 15527

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 20 de outubro de 2022 adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, o acordo polo que se autorizou a modificación dos artigos 8 e 13 dos estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

O acordo de modificación de estatutos foi elevado a público, mediante escritura autorizada polo notario Francisco López Moledo, o día 27 de decembro de 2022, co número de protocolo 1.063 e inscrito no Rexistro Mercantil de Santiago de Compostela o 19 de xaneiro de 2023.

En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, da nova redacción dos artigos modificados dos estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública

ANEXO

Artigo 8. Xunta Xeral

1. Xunta Xeral de Accionistas

A Xunta Xeral de Accionistas é o órgano soberano da Sociedade e rexerase, no non disposto nos presentes estatutos, polas normas contidas no vixente texto refundido da Lei de sociedades de capital. Os dereitos de socio e, en particular, o dereito de asistencia e de voto nas xuntas xerais, en nome e representación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, será exercido polo titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou pola persoa en quen este delegue. Mentres subsista a situación de unipersonalidade, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través deste representante, exercerá as competencias da Xunta Xeral; as súas decisións deberán consignarse en acta, baixo a súa sinatura.

2. Xunta xeral ordinaria e extraordinaria.

A xunta xeral ordinaria deberá celebrarse unha vez ao ano, dentro dos seis primeiros meses de cada exercicio, coa finalidade de censurar a xestión social, aprobar as contas anuais e decidir sobre a aplicación do resultado.

Sen prexuízo do anterior, poderanse celebrar outras xuntas xerais, que terán o carácter de extraordinarias, mediante a súa convocatoria polo Consello de Administración por iniciativa propia ou por petición dun dos socios, nos termos previstos na lexislación aplicable.

3. Asistencia.

A asistencia á xunta xeral poderá realizarse ben persoalmente, ben por representación, acudindo fisicamente ao lugar en que se vaia celebrar a reunión. A asistencia tamén poderá realizarse por medios telemáticos, sempre que estes garantan debidamente a identidade do suxeito e se describan na convocatoria os prazos, formas e modos de exercicio dos dereitos dos socios para permitir o ordenado desenvolvemento da xunta. En particular, os administradores poderán determinar que as intervencións e propostas de acordos que, conforme a Lei de sociedades de capital, teña intención de formular quen vaia asistir por medios telemáticos, se remitan á sociedade con anterioridade ao momento da constitución da xunta.

Artigo 13. Sesións do Consello

O Consello de Administración reunirase sempre que sexa convocado polo seu presidente, por propia iniciativa ou por solicitude de, polo menos, a terceira parte dos seus membros. Quedará validamente constituído cando se atopen presentes máis da metade dos seus membros e corresponderá ao presidente a dirección das sesións. Os acordos tomaranse por maioría de votos dos concorrentes á sesión, e o conselleiro non asistente poderá delegar por escrito a súa representación noutro conselleiro.

Ás reunións do Consello de Administración poden asistir, con voz pero sen voto, os directivos ou técnicos da sociedade ou da Administración autonómica que para tal efecto sexan convocados polo presidente, por propia iniciativa ou por petición dalgún membro do Consello.

As reunións do Consello de Administración da sociedade poderán realizarse presencialmente no domicilio social ou en calquera outro lugar que acorden por unanimidade os conselleiros, ou ben de xeito telemático. Na convocatoria farase constar o lugar en que se reunirá o Consello de Administración. Non obstante o anterior, a sesión non requirirá a presenza física dos conselleiros, senón que abondará a posibilidade de comunicación simultánea entre eles mediante conferencia telefónica, videoconferencia ou calquera outro sistema equivalente, sempre que: (i) ningún conselleiro se opoña a este procedemento; (ii) cada conselleiro que participe poida escoitar o resto dos conselleiros que interveñan na reunión; (iii) se un conselleiro así o desexa, poida dirixirse ao resto dos conselleiros participantes simultaneamente; e (iv) se indique expresamente na convocatoria que os conselleiros poidan asistir á reunión mediante conferencia telefónica, videoconferencia ou calquera outro sistema equivalente. Así mesmo, non serán necesarias as formalidades descritas cando os acordos do Consello de Administración sexan adoptados por escrito e sen sesión, sempre que non se opoña a iso ningún conselleiro.

Os conselleiros percibirán axudas de custo e indemnizacións pola súa asistencia ás reunións do Consello de Administración.

As indemnizacións máximas que por asistencia lles poidan corresponder aos conselleiros serán fixadas mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, tras o informe favorable da consellería competente en materia de facenda.

A súa contía será fixada pola Xunta Xeral.