Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 2023 Páx. 13342

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de xaneiro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 23 de decembro de 2022 relativa á revisión do esbozo do Monte Veciñal en Man Común Pixarreiras, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Fornelos de Filloás e Fradelo, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Pixarreiras, pertencente á CMVMC de Fornelos de Filloás e Fradelo, no concello de Viana de Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 23.6.2022, a CMMVVMC de Fornelos de Filloás e Fradelo presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/1654965) de revisión de esbozo do MVMC Pixarreiras, no concello de Viana do Bolo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 16.4.2022.

– Informe e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 9 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, así como algunhas outras lindeiras con comunidades de montes veciñas; en concreto, revísase o tramo lindeiro co MVMC Maxedo e parte do tramo estremeiro co MVMC Monte de Entrecinsa. En relación coas ditas veciñanzas, cómpre indicar o seguinte:

– MVMC Maxedo; neste caso, a revisión respeta o lindeiro establecido na carpeta-ficha do MVMC Maxedo en todo o seu perímetro estremeiro co MVMC Pixarreiras, que é o río Camba. En concreto, a liña proposta non chega a exceder en ningún caso a aresta esquerda da traza catastral dese río (parcela 32087A12509001), á cal se axusta na maior parte dese tramo lindeiro, polo que se considera admisible.

– MVMC Monte de Entrecinsa; aquí obsérvanse dúas situacións diferenciadas:

I. Un 1º tramo situado máis ao S da veciñanza, onde a liña respecta o lindeiro establecido na carpeta-ficha do Monte de Entrecinsa en todo o seu perímetro estremeiro co MVMC Pixarreiras, que é o Regato dos Carballais. En concreto, a liña proposta non chega a exceder en ningún caso a aresta E da traza catastral dese regato (parcelas 32093A17009015 e 32093A16009032), á cal se axusta na maior parte dese tramo lindeiro, polo que se considera admisible.

II. Un 2º tramo situado ao N da veciñanza, onde a liña, á falta de continuación da traza catastral do anterior regato, axústase á dixitalización das carpetas-ficha e que, polo tanto, non sería obxecto de revisión.

Por outra banda, a liña proposta non sería coherente coa solicitude presentada o 23.10.2019 pola CMMVVMC de Soutelo para o deslindamento dos MMVVMC de Soutelo e Pixarreiras. Así, segundo os documentos técnicos que acompañaban a dita solicitude, a CMMVVMC de Soutelo e mais a de Fornelos de Filloás propuñan un lindeiro común que quedaría dentro do perímetro agora proposto na revisión do MVMC Pixarreiras. Porén, o informe emitido sobre ese deslindamento polo Servizo de Montes, con data do 10.8.2020, concluía que non queda definido dun xeito suficientemente preciso o perímetro estremeiro dos dous montes, debido á inconsistencia entre os datos dos vértices acordados en acta e mais a representación gráfica dixital da liña que os une; razón pola que, a expensas de que a CMMVVMC de Soutelo corrixa esa deficiencia, o dito expediente de deslindamento atópase en suspenso e non supón, ao cabo, impedimento para aprobar a proposta de revisión do MVMC Pixarreiras no tramo lindeiro co MVMC de Soutelo. Malia iso, no momento en que as deficiencias do deslindamento foren emendadas, poderíase modificar, de ser o caso, o tramo agora aprobado con arreglo á dita proposta de conciliación.

A superficie do MVMC Pixarreiras, unha vez modificado o esbozo, sería de 460,98 ha fronte ás 450 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 2,4 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo do MVMC Pixarreiras de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas con particulares e máis nunha parte da veciñanza co MVMC Monte de Entrecinsa (1º tramo). Quedarían pendentes de definir ou deslindar a parte restante do linde co Monte de Entrecinsa (2º tramo), así como tamén cos MMVVMC de Sabuguido, de Soutogrande, de Soutelo e de Villarino.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 13 de decembro de 2022:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do Monte Veciñal en Man Común Pixarreiras, pertencente á CMVMC de Fornelos de Filloás e Fradelo, no concello de Viana de Bolo.

Ourense, 26 de xaneiro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense