Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 2023 Páx. 13345

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de xaneiro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de decembro de 2022 relativa á revisión do esbozo do Monte Veciñal en Man Común Penalonga, Uzal, Valisca e Poulas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilariño Frío, no concello de Montederramo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Penalonga, Uzal, Valisca e Poulas, pertencente á CMVMC de Vilariño Frío, no concello de Montederramo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 8.4.2021 a CMMVVMC de Vilariño Frío presentou unha solicitude (Rexel núm. 2021/1782955) de revisión de esbozo do MVMC Penalonga, Uzal, Valisca e Poulas, en Montederramo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 6.3.2021.

– Informe técnico de medición do levantamento topográfico correspondente aos traballos.

– Arquivos xeográficos en formatos vectoriais.

– 4 informes de validación gráfica (IVG) positivos correspondentes á representación gráfica alternativa (RGA) dos predios Penalonga e Brozo, Canteira ou Uzal, Valescuro ou Valisca e Poulas.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 3 de outubro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro do MVMC obxecto de revisión inclúe a extensión completa dos catro coutos redondos que integran o monte.

Porén, tamén se inclúen na proposta 2 novos predios denominados Porteleiro e Pena do Pazquiño que, se ben son de moi reducida extensión (0,04 e 0,36 ha respectivamente), sitúanse claramente fóra do contorno perimetral do monte clasificado. En consecuencia, cómpre excluír da proposta de revisión os ditos predios, cuxa regularización xurídica deberá abordarse por parte da comunidade a través dun novo procedemento de clasificación.

Por outra banda, a proposta presentada exclúe certos tramos de camiños interiores catastrados que, segundo o esbozo que acompaña o acordo de clasificación, constitúen monte clasificado para todos os efectos. Polo tanto, a súa exclusión excede o ámbito técnico-xurídico a que se circunscribe o procedemento de revisión, de xeito que procede incluír estes terreos dentro do/dos perímetro/s proposto/s.

A liña de revisión do predio Penalonga e Brozo excede nun par de tramos pequenos a actual liña de termo correspondente ao Mapa Topográfico Nacional do IGN (que deslinda, neste caso, co TM de Parada do Sil), cando este límite administrativo constitúe, segundo a descrición contida na correspondente carpeta-ficha, o lindeiro norte do monte. Malia iso, un estudo xeográfico máis detallado permite comprobar que a liña proposta non chega a invadir en ningún momento o actualmente identificado como Regueiro do Reconco, curso fluvial que, segundo a propia carpeta-ficha, define a liña de termo nesa zona co nome de Río Pequeño. En consecuencia, dedúcese que existe unha imprecisión da liña de termo oficial nesa zona e, polo tanto, non hai invasión do TM de Parada do Sil.

A superficie do MVMC Penalonga, Uzal, Valisca e Poulas, unha vez modificado o esbozo e cos retoques introducidos, sería de 70,38 ha fronte ás 73 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 3,6 %, considerada admisible.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo do MVMC Penalonga, Uzal, Valisca e Poulas.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela mesma, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 3 de outubro de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 13 de decembro de 2022:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do Monte Veciñal en Man Común Penalonga, Uzal, Valisca e Poulas, pertencente á CMVMC de Vilariño Frío, no concello de Montederramo.

Ourense, 26 de xaneiro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense