Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 2023 Páx. 13348

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de xaneiro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 10 de xaneiro de 2023 relativa á revisión do esbozo do Monte Veciñal en Man Común Xeixadelo e Carballeiras, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilameá, no concello de Laza.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Xeixadelo e Carballeiras, pertencente á CMVMC de Vilameá, no concello de Laza, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 6.7.2022, a CMVMC de Vilameá (Laza) presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/1774625) de revisión de esbozo do MVMC Xeixadelo e Carballeiras, no concello de Laza.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 2.6.2022.

– Informe e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 9 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Noutros procedementos de deslindamento tamén se inclúen as revisións dos límites con outras comunidades de montes veciñais, en concreto, cos MVMC Lama de Mazaira de Correchouso, e con Touza de Soutelo Verde e Carraxoó. No resto de veciñanzas co MVMC o perímetro mantense segundo a dixitalización actual do esbozo contido na carpeta-ficha:

• Travesa, Maxedo e Mallada Grande de Laza, Souteliño e Cimadevila.

• Touza de Laza, Souteliño e Cimadevila.

• De Navallo de Navallo.

• De Tamicelas de Tamicelas, O Castro e Naveaus.

A revisión de esbozo indica a existencia de 2 novos enclavados do monte, non existindo ningún na clasificación, polo que non se aceptan neste procedemento de revisión de esbozo e deberán ser incluídos nun expediente de deslindamento para poder ser aceptados. No plano final presentado non aparecen estes enclavados.

A proposta poligonal resultante exclúe unha estrada asfaltada (pero non incluída na medición da revisión de esbozo) que atravesa o monte, estando a mesma catastrada. A este respecto, considérase que todos aquelas estradas e camiños que, ben non se xustifique con evidencias sólidas unha titularidade distinta da veciñal, ou ben non teñan a consideración de vías oficialmente sinalizadas, abertos ao tráfico rodado e susceptibles de constituíren dominio público, seguen sendo parte do monte. Así, esta estrada asfaltada considérase xustificada a súa exclusión.

A superficie do MVMC Xeixadelo e Carballeiras, unha vez revisado o esbozo e tendo en conta os novos enclavados, sería de 429,75 ha fronte ás 456 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 5,7 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo do MVMC Xeixadelo e Carballeiras eliminando os novos enclavados mencionados ao non aparecer na clasificación orixinal, e reflectida, canda o resto da proposta orixinal, nos planos elaborados polo técnico redactor.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela mesma, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 13 de decembro de 2022:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do Monte Veciñal en Man Común Xeixadelo e Carballeiras, pertencente á CMVMC de Vilameá, no concello de Laza.

Ourense, 26 de xaneiro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense