Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2023 Páx. 12456

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 3 de xaneiro de 2023 pola que se establecen, para o período 2023-2025, as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2023-2024 (código de procedemento TR302A).

BDNS (Identif.): 673638.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto as convocatorias públicas como a execución das accións formativas do Plan de formación para o emprego dirixido a persoas traballadoras ocupadas xestionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (procedemento TR302A).

Tamén poderán participar nas referidas accións formativas reguladas por esta orde aqueles colectivos que para tales efectos se determinan nos artigos 27 e 28 da orde de bases reguladoras.

2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2023-2025. Coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o período 2023-2024.

Segundo. Finalidade

1. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto na orde de bases reguladoras terán como finalidade o financiamento de programas de formación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas que teñan os seus centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, ás necesidades de adaptación aos cambios operados no posto de traballo e ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desenvolvemento cualificado da profesión e lles permita mellorar a súa empregabilidade.

2. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, e de acordo co establecido no artigo 4 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, polo que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo.

Terceiro. Entidades solicitantes

1. Poderán solicitar as subvencións a que se refiren as bases reguladoras as entidades que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.

As entidades disporán dun prazo máximo de dez días hábiles desde a data de entrada en vigor da orde de convocatoria para, no caso de non estaren dadas de alta, inscribirse no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia para impartiren as especialidades formativas solicitadas e pagar, de ser o caso, a correspondente taxa previa á inscrición.

As entidades non inscritas no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia para impartir especialidades formativas do Catálogo de especialidades na modalidade de teleformación deberán, con carácter previo á presentación da solicitude de subvención e no prazo máximo de dez días hábiles desde a data de entrada en vigor da orde de convocatoria, achegar a documentación acreditativa da súa inscrición no rexistro estatal, con indicación expresa da data en que esta tivo lugar, á conta de correo electrónico sx.formacionemprego@xunta.gal

2. As entidades solicitantes deberán estar inscritas para impartir a especialidade formativa no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se a formación se imparta total ou parcialmente na modalidade de teleformación, no Rexistro Estatal de Entidades de Formación, regulado na Orde TMS/369/2019, do 1 de abril.

3. As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente inscritas que permitan a impartición das actividades presenciais das acciones formativas solicitadas.

De ser o caso, os centros presenciais vencellados a entidades inscritas para impartir especialidades formativas na modalidade de teleformación deberán estar localizados na Comunidade Autónoma de Galicia e inscritos para impartir a correspondente especialidade na data establecida no artigo 5.1 da orde de bases. Ditos centros non se poderán modificar durante o desenvolvemento da acción formativa.

Cuarto. Programas de formación subvencionables na primeira convocatoria

Será subvencionable a impartición dos seguintes programas de formación dirixidos á adquisición de competencias técnicas profesionais:

a) Programa I, de formación transversal: integrado por accións formativas dirixidas á obtención de competencias transversais a varios sectores da actividade económica.

b) Programa II, de formación vinculada á Axenda galega das capacidades: dirixido á impartición das especialidades formativas incluídas na Axenda galega das capacidades, no marco do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral non conducentes á obtención de certificados de profesionalidade ou á realización de competencias clave.

Quinto. Accións formativas

1. Para os efectos desta norma, enténdese por acción formativa a dirixida á adquisición e mellora das competencias e cualificacións profesionais das persoas traballadoras.

A acción formativa está constituída polo contido específico das especialidades formativas incluídas no Catálogo de especialidades formativas no marco do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e polos módulos transversais establecidos na orde de bases.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de financiamento aquelas especialidades formativas que se determinen no anexo I da convocatoria, así como os módulos transversais e complementarios que se impartan asociados a estas.

Unha acción formativa poderá impartirse nun ou en varios grupos, en función do número de veces que se repita tal acción. De ser o caso, e independentemente do número de grupos en que se desagregue unha acción formativa, as sesións de formación e avaliación presencial da acción formativa deberán efectuarse nun único centro presencial.

A execución do programa de formación será realizada pola entidade beneficiaria, e non estará permitido subcontratar con terceiros a súa execución.

Sexto. Financiamento da primeira convocatoria

1. Destínase á primeira convocatoria un crédito por importe total de 7.772.334 €, distribuído en dúas anualidades, que se imputarán con cargo ás aplicacións 2023 11.50.323B.471.0 e 2023 11.50.323B.481.0, ou aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2013 00493.

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Importe total

2023 11.50.323B.471.0

2.844.092 €

2.137.114 €

4.981.206 €

2023 11.50.323B.481.0

928.242 €

1.862.886 €

2.791.128 €

Total

3.772.334 €

4.000.000 €

7.772.334 €

2. Para cada programa de formación a repartición dos anteditos importes realizarase en atención ás seguintes porcentaxes:

Programa de formación

Porcentaxe

Programa I-obtención de competencias transversais

40 %

Programa II-especialidades incluídas na Axenda galega das capacidades

60 %

Sétimo. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día da entrada en vigor da orde.

Oitavo. Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

Noveno. Execución da segunda convocatoria

As accións formativas correspondentes á primeira convocatoria non poderán comezar antes do 1 de xuño de 2023, polo que non se admitirá ningunha solicitude que formule datas anteriores.

A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2023 será o 20 de decembro de 2023.

Para as accións formativas que se desenvolvan durante as anualidades 2023 e 2024 ou exclusivamente durante a anualidade 2024, a data límite para a súa finalización será o 30 de setembro de 2024.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade