Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 2 de febreiro de 2023 Páx. 11068

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Mondigo, sito nos concellos de Trabada e Ribadeo (Lugo) e promovido por Esus Energía Renovable, S.L. (expediente LU-11/133-EOL).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 16 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Mondigo.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Mondigo, sito nos concello de Trabada e Ribadeo (Lugo) e promovido por Esus Energía Renovable, S.L., cunha potencia de 45 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Esus Energía Renovable, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 518.219 euros, dos cales 222.094 corresponden á fase de obras e 296.125 á de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá obter, para a configuración definitiva do proxecto autorizada no presente acordo, condicionados da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

6. Recóllense a continuación as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico:

Con anterioridade ao inicio das obras, o promotor deberá elaborar unha proposta detallada relativa ás medidas adicionais sinaladas no último informe pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das pas e uso de tecnoloxías de redución do impacto por colisión) e quirópteros (restrinxir a rotación das pas), así como ás actuacións que se deben desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas.

O documento que elabore o promotor, deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que esta resolución aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Esus Energía Renovable, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

10. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 23.9.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos cales se basea a resolución:

• Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico promovido por Esus Energía Renovable, S.L. (en diante, o promotor).

• O 8.6.2011, Esus Energía Renovable, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a inclusión no réxime especial, o 13.6.2011 presenta solicitude de aprobación do proxecto sectorial e o 23.6.2011 a solicitude de declaración de utilidade pública para a execución do parque eólico Mondigo, sito nos concellos de Trabada e Ribadeo (Lugo).

• Con data do 12.8.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 9 de setembro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 184, do 26 de setembro).

• Mediante a Resolución do 7 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorízanse as instalacións, apróbase o proxecto de execución e declárase a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros, do parque eólico Mondigo, situado nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo (DOG núm. 74, do 16 de abril).

• Con data do 25.9.2014, por Acordo do Consello da Xunta, aprobouse definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do dito parque eólico, o que se fixo público mediante a Resolución do 29 de setembro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 81, do 30 de abril de 2015).

• Con data do 11.2.2021, Esus Energía Renovable presentou a solicitude de modificación. Mediante a Resolución do 5.10.2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, aceptáronse os cambios no proxecto do parque eólico de Mondigo promovido por Esus Energía Renovable, S.L.

• Con data do 23.2.2021, Esus Energía Renovable, S.L. presentou unha solicitude de autorización administrativa previa e de construción de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación (procedemento IN408A), para a modificación do proxecto denominado parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canón eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Con data do 22.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

• O 2.9.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL), promovido por Esus Energía Renovable, S.L., e pola Resolución do 17 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL), promovido por Esus Energía Renovable, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

• Con data do 21.10.2021, a Dirección xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emite informe segundo o recollido no artigo 33.7 da Lei 8/2009 ao órgano competente en materia do territorio, en que se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

• O 26.10.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do modificado do proxecto do parque eólico Mondigo á Xefatura Territorial de Lugo para a continuación da tramitación.

• Mediante o Acordo do 14 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo, sométense a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto modificación do parque eólico Mondigo, nos concellos de Trabada e Ribadeo (Lugo), expediente LU-11/133-EOL.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 243, do 21 de decembro de 2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Trabada e Ribadeo), así como nas dependencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo.

• Vista a Sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que esta non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, sometéronse de novo a información pública por un prazo de trinta (30) días as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto de modificación do parque eólico Mondigo, nos concellos de Trabada e Ribadeo (expediente LU-11/133-EOL), mediante o Acordo do 18 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 61, do 29 de marzo de 2022. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Trabada, Barreiros), así como nas dependencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante os períodos de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo desta proposta:

– Fragmentación, para os efectos da avaliación ambiental, das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais. Efectos acumulativos sen avaliar

– Inexistencia de datos concretos sobre o trazado e características da LAT de evacuación do parque eólico.

– Afección aos recursos hídricos e aos hábitats naturais: o proxecto supón a eliminación tanto de hábitats prioritarios como de interese comunitario.

– Impacto socioeconómico: a estación eólica, pistas de acceso, viradoiros e as súas infraestruturas de evacuación fragmentan as explotacións forestais e madeireiras e as agro-gandeiras coa conseguinte perda da base territorial destas e a perda permanente de rendementos.

– Patrimonio cultural inmaterial sen avaliar.

– Impacto acústico: a análise realizada considérase insuficiente, o que pode afectar a saúde da veciñanza.

– Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico.

– Afección severa á avifauna e á paisaxe: o parque eólico proxectado é incompatible coa conservación e a protección destas especies vulnerables.

– Incremento de risco de lumes: o proxecto non considera o alto risco de lumes que supón a construción dun parque eólico.

– Documentación. O EIA é insuficiente. Considérase que unicamente se fai fincapé e se xustifican debidamente os impactos ambientais correspondentes á execución da obra, mentres que no relativo aos impactos derivados da posterior posta en marcha das instalacións eólicas o estudo non achega datos suficientes, polo tanto, deixa o proxecto na súa parte máis importante, é dicir na vida útil, sen datos contrastados nin propostas de corrección, e pon os afectados/as nun posible escenario de prexuízos constantes, non tendo clara a defensa posible chegado o momento.

– O estudo recolle nun anexo o nivel de radiación electromagnética emitida polos aeroxeradores ás liñas eléctricas, mais despois non o trata nos capítulos correspondentes do EIA. O mesmo sucede co denominado efecto discoteca, que conta cun anexo pero non aparece integrado na avaliación de impactos realizada dentro do propio EIA.

– O estudo desbota por insignificante o impacto deste parque sobre o Camiño de Santiago, que atravesa a poligonal do parque que se proxecta e desde o que serían visibles e audibles os aeroxeradores proxectados.

– O anexo II do proxecto de execución modificado PE Mondigo, en que se detallan as características do modelo de aeroxerador escollido, está redactado en inglés.

– Risco de accidentes por rotura de aeroxerador: o estudo non considera o risco de accidentes por rotura de aeroxerador.

– Impacto sobre o turismo: o estudo non avalía o enorme risco que o impacto destas infraestruturas, aeroxeradores, pistas e liñas de evacuación, poden supoñer no que se refire a unha redución da calidade paisaxística e, polo tanto, da economía e o futuro dos concellos de Ribadeo e Trabada.

– Falta de información sobre o proxecto aos afectados/as por el (propietarios, veciños do lugar ou usuarios de servizos da zona), xa que se estiveron a realizar os distintos trámites e xestións de forma totalmente opaca sen informar minimamente.

– Exceso de parques eólicos proxectados no concello de Ribadeo sen unha distribución equitativa deles. Posibles efectos negativos do proxecto sobre o municipio de Ribadeo.

– Plan eólico sectorial desfasado e non adaptado á actual normativa de avaliación de impacto ambiental. Este plan non está vixente xa que de acordo coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a Administración da Xunta de Galicia está obrigada por lei a establecer un novo marco regulatorio, incorporando de xeito urxente unha avaliación ambiental estratéxica previa.

• Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Concello de Trabada, Concello de Ribadeo, Deputación Provincial de Lugo, Enagás, EON, Viesgo/Begasa e Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

• Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Ribadeo e Concello de Trabada.

Cuberta a tramitación ambiental, o 23.9.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 23 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 193, do 10 de outubro).

• O 12.12.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico en que indica que informa favorablemente sobre o cumprimento da normativa analizada con alcance establecido para obter as autorizacións administrativa previa e de construción.

• O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 45 MW, segundo os informes do xestor da rede do 28.10.2016 e do 7.11.2016. A potencia instalada no parque eólico é de 45,6 MW. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais