Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 2 de febreiro de 2023 Páx. 11049

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Mondigo, sito nos concellos de Trabada e Ribadeo (Lugo) e promovido por Esus Energía Renovable, S.L. (expediente LU-11/133-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Esus Energía Renovable, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Mondigo, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 28 de decembro de 2010, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aprobaba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010. Nesta resolución incluíase o parque eólico Mondigo.

Segundo. Con data do 8.6.2011, Esus Energía Renovable, S.L. solicitou a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e inclusión no réxime especial, o 13.6.2011 presenta solicitude de aprobación do proxecto sectorial e o 23.6.2011 a solicitude de declaración de utilidade pública para a execución do parque eólico Mondigo, sito nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo (Lugo).

Terceiro. Con data do 12.8.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 9 de setembro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 184, do 26 de setembro).

Cuarto. Mediante a Resolución do 7 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorízanse as instalacións, apróbase o proxecto de execución e declárase a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros, do parque eólico Mondigo, situado nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo (DOG núm. 74, do 16 de abril).

Quinto. Con data do 25.9.2014, polo Acordo do Consello da Xunta, aprobouse definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do dito parque eólico, o que se fixo público mediante a Resolución do 29 de setembro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 81, do 30 de abril de 2015).

Sexto. Con data do 11.02.2021, Esus Energía Renovable presentou a solicitude de modificación. Mediante a Resolución do 5 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, aceptáronse os cambios no proxecto do parque eólico de Mondigo promovido por Esus Energía Renovable, S.L.

Sétimo. Con data do 23.2.2021, Esus Energía Renovable, S.L. presentou unha solicitude de autorización administrativa previa e de construción de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación (procedemento IN408A), para a modificación do proxecto denominado parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canón eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Con data do 22.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Oitavo. Mediante a Resolución do 17 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Mondigo, promovido por Esus Energía Renovable, S.L., segundo o Acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 2 de setembro de 2021 polo que se declara iniciativa empresarial prioritaria, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Noveno. Con data do 21.10.2021, a Dirección xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emite informe segundo o recollido no artigo 33.7 da Lei 8/2009 ao órgano competente en materia do territorio, no que se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo. Con data do 26.10.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación do proxecto do parque eólico Mondigo á Xefatura Territorial de Lugo para a continuación da tramitación.

Décimo primeiro. Mediante o Acordo do 14 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo, sométense a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto de modificación do parque eólico Mondigo, nos concellos de Trabada, e Ribadeo (Lugo), expediente LU-11/133-EOL.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 243, do 21 de decembro de 2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Trabada e Ribadeo), así como nas dependencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo.

Décimo segundo. Vista a Sentencia nº 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que a mesma non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, sométense de novo a información pública por un prazo de 30 días as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto de modificación do parque eólico Mondigo, nos concellos de Trabada e Ribadeo (expediente LU-11/133-EOL), mediante o Acordo do 18 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 61, do 29 de marzo de 2022. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Trabada, Barreiros), así como nas dependencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante os períodos de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo desta proposta:

1. Fragmentación, para os efectos da avaliación ambiental, das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais. Efectos acumulativos sen avaliar.

2. Inexistencia de datos concretos sobre o trazado e características da LAT de evacuación do parque eólico.

3. Afección aos recursos hídricos e aos hábitats naturais: o proxecto supón a eliminación tanto de hábitats prioritarios como de interese comunitario.

4. Impacto socioeconómico: a estación eólica, pistas de acceso, viradoiros e as súas infraestruturas de evacuación fragmentan as explotacións forestais e madeireiras e as agro-gandeiras coa conseguinte perda da base territorial destas e a perda permanente de rendementos.

5. Patrimonio cultural inmaterial sen avaliar.

6. Impacto acústico: a análise realizada considérase insuficiente, o que pode afectar a saúde da veciñanza.

7. Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico.

8. Afección severa á avifauna e á paisaxe: o parque eólico proxectado é incompatible coa conservación e a protección destas especies vulnerables.

9. Incremento de risco de lumes: o proxecto non considera o alto risco de lumes que supón a construción dun parque eólico.

10. O documento EIA é insuficiente. Considérase que unicamente se fai fincapé e se xustifican debidamente os impactos ambientais correspondentes á execución da obra, mentres que no relativo aos impactos derivados da posterior posta en marcha das instalacións eólicas e o estudo non achega datos suficientes, polo tanto, deixa o proxecto na súa parte máis importante, é dicir na vida útil, sen datos contrastados nin propostas de corrección e pon os afectados/as nun posible escenario de prexuízos constantes, non tendo clara a defensa posible chegado o momento.

11. O estudo recolle nun anexo o nivel de radiación electromagnética emitida polos aeroxeradores ás liñas eléctricas, mais despois non o trata nos capítulos correspondentes do EIA. O mesmo sucede co denominado efecto discoteca, que conta cun anexo pero non aparece integrado na avaliación de impactos realizada dentro do propio EIA.

12. O estudo desbota por insignificante o impacto deste parque sobre o Camiño de Santiago, que atravesa a poligonal do parque que se proxecta e desde o que serían visibles e audibles os aeroxeradores proxectados.

13. O anexo II do proxecto de execución modificado PE Mondigo, no que se detallan as características do modelo de aeroxerador escollido está redactado en inglés.

14. Risco de accidentes por rotura de aeroxerador: o estudo non considera o risco de accidentes por rotura de aeroxerador.

15. Impacto sobre o turismo: o estudo non avalía o enorme risco que o impacto destas infraestruturas, aeroxeradores, pistas e liñas de evacuación, poden supoñer no que se refire a unha redución da calidade paisaxística e, polo tanto, da economía e o futuro dos concellos de Ribadeo e Trabada.

16. Falta de información sobre o proxecto aos afectados/as por el (propietarios, veciños do lugar ou usuarios de servizos da zona), xa que se estiveron a realizar os distintos trámites e xestións de forma totalmente opaca sen informar minimamente.

17. Exceso de parques eólicos proxectados no concello de Ribadeo sen unha distribución equitativa deles. Posibles efectos negativos do proxecto sobre o municipio de Ribadeo.

18. Plan eólico sectorial desfasado e non adaptado á actual normativa de avaliación de impacto ambiental. Este plan non está vixente xa que de acordo coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a Administración da Xunta de Galicia está obrigada por lei a establecer un novo marco regulatorio, incorporando de xeito urxente unha avaliación ambiental estratéxica previa.

Décimo terceiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Concello de Trabada, Concello de Ribadeo, Deputación Provincial de Lugo, Enagás, EON, Viesgo/Begasa e Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos (Retegal o 19.12.20221, Deputación Provincial de Lugo o 23.12.2021, Retevisión, S.A.U. o 3.1.2022, Viesgo/Begasa o 3.1.2022, Enagás o 17.1.2022).

O promotor presentou a súa conformidade cos condicionados emitidos. Con data do 23.12.2021, a Deputación de Lugo emitiu condicionado en que indica que o aeroxerador 13 non cumpría a distancia respecto da estrada LU-P-6103. Con data do 28.11.2022, o promotor responde indicando que decide eliminar o antedito aeroxerador.

Para o resto dos organismos que non contestaron de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. Con data do 24.5.2022, a Xefatura Territorial emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico, de acordo co artigo 33.12 da Lei 8/2009.

Décimo quinto. Con data do 25.5.2022, a Xefatura Territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo sexto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Ribadeo e Concello de Trabada.

Cuberta a tramitación ambiental, o 23.9.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (en diante, DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 23 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 193, do 10 de outubro).

Décimo sétimo. O 4.11.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo oitavo. Tendo en conta o recollido no informe do 23.12.2021, da Deputación de Lugo, a empresa promotora presenta con data do 28.11.2022 o proxecto técnico refundido en que elimina o aeroxerador 13 por incumprimento coas distancias respecto da estrada LU-6103 de acordo co antecedente de feito décimo terceiro. Así mesmo, e en cumprimento ao disposto pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no seu informe do 31.8.2022 e pola Deputación de Lugo, tamén se modificou o trazado da liña de media tensión. Achégase, así mesmo, declaración responsable de que as modificacións realizadas no proxecto non afectan os condicionados emitidos.

Decimo noveno. Con data do 12.12.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto refundido do parque eólico.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 45 MW, segundo os informes do xestor da rede do 28.10.2016 e do 7.11.2016. A potencia instalada no parque eólico é de 45,6 MW. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito décimo, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta a todas ás alegacións de carácter ambiental e afeccións ao patrimonio cultural, natural e paisaxístico, indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.9.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

2. Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Mondigo (IN408A/2018/005) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto troceamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do parque eólico obxecto da presente resolución inclúe un estudo dos efectos sinérxicos con parques eólicos situados na súa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a situación dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000, para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar as instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo e reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

• Respecto á inexistencia de datos concretos sobre o trazado e características da LAT de evacuación do parque eólico, aclarar que as características básicas da LAT están indicadas na memoria e o seu trazado no plano nº 1, plano de situación. A enerxía xerada evacuarase desde a SET de Mondigo, mediante unha liña aérea de 132 kV, duns 4,8 km de lonxitude, ata a SET de Barreiros. Esta liña de evacuación, así como a subestación de Barreiros, serán obxecto doutros expedientes independentes para a tramitación das súas autorizacións.

• Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública cabe remitirse ao indicado no antecedente de feito décimo primeiro, no que se recollen as diferentes informacións públicas do proxecto de modificación do parque eólico Mondigo, nos concellos de Trabada e Ribadeo (Lugo), expediente LU-11/133-EOL.

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Trabada e Ribadeo e na Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

• No que respecta ao risco de incendios, remitimos ao recollido no informe favorable da Dirección Xeral de Defensa do Monte do 27.5.2022, no que se fai mención ao informe realizado polo distrito VI remitido polo xefe do Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Lugo da Consellería do Medio Rural do 8.3.2022.

• No que respecta á radiación electromagnética e o efecto discoteca, isto foi tido en conta no informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública do 11.5.2022.

• No relativo ao impacto do parque sobre o Camiño de Santiago indicar que isto foi avaliado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no seu informe do 31.8.2022.

• No que respecta ao uso do idioma inglés no documento en que se detallan as características do modelo de aeroxerador, indicar indicar que as características básicas do aeroxerador necesarias para a descrición do parque están recollidas no proxecto de execución en castelán. As indicadas na alegación constitúen a documentación técnica do fabricante do aeroxerador que se presenta a modo de anexo.

• No relativo ao risco de rotura do aeroxerador, no anexo II do estudo de impacto ambiental valóranse todos os posibles riscos derivados da instalación do parque eólico, avaliados e recollidos na DIA.

• No relativo ao impacto sobre o turismo, indicar que isto foi evaluado no informe da Axencia de Turismo de Galicia do 14.2.2022.

• No relativo á falta de información aos afectados, indicar que a documentación do parque eólico Mondigo estivo á disposición dos interesados durante os dous períodos de información pública realizados e recollidos no antecedente de feito décimo primeiro.

• No que respecta ao exceso de parques proxectados na zona e a súa distribución, indicar que a solicitude de elección da situación do parque eólico a realiza o promotor con base na existencia de recurso eólico e de acordo coa lei eólica vixente.

• No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e publicouse o Acordo no DOG do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3 de xaneiro de 2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Mondigo, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.9.2022, e recollida no antecedente de feito décimo sexto desta resolución:

• A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Mondigo, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

• A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Mondigo.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Mondigo, sito no concellos de Ribadeo e Trabada (Lugo) e promovido por Esus Energía Renovable, S.L., cunha potencia de 45 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Mondigo, composto polo documento: proxecto de execución modificado parque eólico Mondigo, asinado polo enxeñeiro industrial Pedro García Merayo, pertencente ao Colexio Profesional de Enxeñeiros Industriais de León, con número de colexiado 1.872, de novembro de 2021.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Esus Energía Renovable, S.L.

Domicilio social: avenida Diagonal, 407 bis, planta 11, 08008 Barcelona.

Denominación: parque eólico Mondigo.

Potencia instalada: 45,6 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 45 MW.

Produción neta: 159.158 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.025 horas.

Concellos afectados: Ribadeo e Trabada (Lugo).

Orzamento de execución por contrata: 27.647.441,79 € euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

649.877,64

4.812.808,64

2

652.209,54

4.812.808,64

3

652.209,54

4.817.011,81

4

643.310,61

4.817.011,81

5

643.310,61

4.811.581,64

6

647.213,57

4.811.581,64

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A01

650.648,00

4.813.154,00

A02

650.691,00

4.813.721,00

A03

650.731,00

4.814.128,00

A04

650.318,00

4.814.223,00

A05

650.771,00

4.815.232,00

A06

650.396,00

4.815.251,00

A07

649.606,00

4.815.462,00

A08

649.455,00

4.816.127,00

A09

647.147,00

4.813.299,00

A10

646.722,00

4.813.306,00

A11

646.460,00

4.813.535,00

A12

646.298,00

4.813.836,00

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

645.623,93

4.814.442,00

2

645.674,93

4.814.445,25

3

645.677,29

4.814.408,23

4

645.653,74

4.814.406,73

5

645.653,48

4.814.410,81

6

645.626,03

4.814.409,06

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Doce (12) aeroxeradores, modelo GE137 3.8 MW do fabricante General Electric, de 3.800 kW de potencia nominal. Os aeroxeradores terán unha altura de buxeiro de 110 metros e un diámetro de rotor de 137 metros.

– Doce (12) centros de transformación, instalados unitariamente no interior de cada aeroxerador, de 4.126 kVA de potencia aparente e relación de transformación 0,69/30 kV coa súa correspondente aparellaxe de seccionamento, manobra e protección.

– Rede colectora soterrada de 30 kV, formada por tres circuítos con condutor tipo AL HEPRZ1 18/30 kV, para a interconexión dos centros de transformación 0,69/30 kV coa SET 30/132 kV do parque, co obxecto de evacuar a enerxía xerada. A rede tamén conta, para a sinalización e manobra do parque desde o edificio de control, con cable óptico tipo monomodo (9/125 μm) ou multimodo (50/125 μm) segundo as distancias

– Subestación eléctrica transformadora (SET) parque eólico Mondigo 30/132 kV, con edificio de control, transformador de potencia trifásico de 55/62,5 MVA ONAN/ONAF, transformador de servizos auxiliares de 400 KVA de potencia nominal e relación de transformación 30/0,4 kV así como grupo electróxeno de 68 KVA 400/230 V e 50 Hz, equipos de seccionamento, medida, protección, telemando e demais elementos auxiliares. O recinto da SET atópase no concello de Trabada (Lugo).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Esus Energía Renovable, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 518.219 euros, dos cales 222.094 corresponden á fase de obras e 296.125 á de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá obter, para a configuración definitiva do proxecto autorizada no presente acordo, condicionados da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que esta resolución aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Esus Energía Renovable, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

12. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do 23.9.2022 e recollida no antecedente de feito décimo sétimo, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental. En concreto, o promotor deberá elaborar unha proposta detallada relativa ás medidas adicionais sinaladas pola dita dirección xeral para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das pas e uso de tecnoloxías de redución do impacto por colisión) e quirópteros (restrinxir a rotación das pas), así como ás actuacións que se desenvolvan para verificar a eficacia das ditas medidas. O documento deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

13. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Alegacións presentadas durante a tramitación do procedemento

Mª Desiree Martínez Trallero, José Mª Rodríguez Saavedra, Iván Rodríguez Lombardero, José Manuel Molejón Quintana, Noemí Díaz Orol, Stefan Bouso Leivas, Jessica Rubio Lorente, Daniel Cabana Avellano, Beatriz López Carnero, Francisca López de Prado Nistal, Matilde González Gómez, Elena González Rodríguez, Ignacio Rodríguez Rodríguez, Brais Monjardín López, Alba Lucía Rodríguez Rodríguez, Concello de Ribadeo, Ángela Hermosa García, Mª Carmen Rodríguez Cancelo, Carmen Rodríguez Rodríguez, Gloria González Sánchez, Mónica Amado Branco, Castor Antonio Méndez López, Mª José Pereira Sánchez, Mª Luisa Mon Bellón, Miguel Ángel Gutiérrez Sampedro, Isabel Bravo Bogo, Mª Carmen Mon Bellón, Luis Mourelle Vacas, Elisa Pérez Vázquez, Mª Jesús Álvarez Piñeiro, Justo Enrique Navarrete Mon, Alicia Solla Rubiales, Aleixo Gutiérrez Mon, Mª Carmen Molejón Quintana, Miguel Fernández Muñoz, Humberto Jiménez-Freile Fraile, Elia Rodríguez Álvarez, Sindicato Labrego Galego Comisións Labregas, As Fadegas TC, Antonio Villarino Rego, María Durán Beloso, Concello de Ribadeo, José Fernández Puga, José Mª Rodríguez Saavedra, Mª Carmen Rodríguez Cancelo, Ignacio Rodríguez Rodríguez, Elena González Rodríguez, Daniel Cabana Arellano, Beatriz López Carnero, Gloria González Sánchez, Carmen Rodríguez Rodríguez, Ángela Hermosa García, Jessica Rubio Lorente, Juan Carlos Gay Minbrera, Stefan Bouso Leivas, Noemí Díaz Orol, Antonio Villarino Rego, Sindicato Labrego Galego (Isabel Vilalba).