Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 30 de xaneiro de 2023 Páx. 9863

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 18 de xaneiro de 2023 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 27 de decembro de 2022 tivo entrada na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento, adoptado polo Padroado o 15 de novembro de 2022.

Segundo. A Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 20 de decembro de 2018, ante o notario Miguel Lucas Sánchez (Notaría Reconquista), co número de protocolo 3450, por Kiom Think Group, S.L.; Coremain, S.L. e Sivsa Soluciones Informáticas, S.A. Esta fundación foi clasificada de interese educativo por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 29 de marzo de 2019 (DOG núm. 70, do 10 de abril) e, mediante Resolución da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 24 de abril de 2019, foi declarada de interese galego e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego (DOG núm. 88, do 9 de maio) co número 2019/5.

Terceiro. De acordo co artigo 6 dos seus estatutos, os fins principais da fundación son:

– A difusión, promoción e formación do coñecemento no ámbito tecnolóxico, na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos propios e alleos que teñan un alto interese xeral.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 15 de novembro de 2022, adoptou o acordo de extinción da fundación por imposibilidade de realizar os fins fundacionais.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo Padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

c) As contas da fundación na data de adopción do acordo.

d) Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

e) Informe proposta do protectorado.

Consideracións legais:

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades é competente para a inscrición solicitada segundo o Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG núm. 126, do 4 de xullo), en relación co artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do Padroado, ratificado polo protectorado. O devandito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, e foi aprobado polo Padroado na súa reunión do 15 de novembro de 2022. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006; no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego. Na memoria xustifícase que, debido á inactividade desde a súa constitución, sen desenvolver operacións dirixidas ao cumprimento dos fins fundacionais; ao non ter convocado nin celebrado ningunha reunión do padroado e sen dispor de recursos apropiados para a consecución dos seus obxectivos, debido principalmente á falta de contratación de persoal, resulta improcedente a modificación estatutaria e -por mor da inexistencia doutra fundación cos mesmos fins na súa área de influencia-, o proceso de fusión, de conformidade co artigo 48.1.b) do Decreto 14/2009.

Cuarto. En exercicio da facultade prevista no artigo 37 dos seus estatutos, o Padroado da fundación acorda que os bens e dereitos resultantes da liquidación consistente no remanente de caixa sexan destinados á entidade seguinte:

– Fundación CNSE, para la Supresión de las Barreras de Comunicación (CIF G82157926).

Polo exposto e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e na demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Kiom para el Desarrollo del Conocimiento, adoptado polo Padroado da fundación na súa reunión do 15 de novembro de 2022.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Declarar como destinataria dos bens e dereitos resultantes da liquidación a entidade que figura no punto cuarto das consideracións legais deste escrito.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interporse recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades