Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 30 de xaneiro de 2023 Páx. 10072

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as condicións xerais do programa Ignicia proba de concepto e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN855A).

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implantación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, recolle no seu artigo segundo, entre os seus fins fundamentais, o fomento da mellora tecnolóxica, da produtividade e de resultados do sistema produtivo de Galicia en todos os seus sectores, con base na innovación e na transferencia e valorización dos resultados de investigación, así como o impulso ao cambio no modelo produtivo.

É precisamente en relación co anterior obxectivo ao que a dita lei dedica o capítulo V, relativo á transferencia e valorización de resultados, e prevé cooperación de todas as consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, con competencias no eido da investigación e innovación, de cara a levar a cabo a valorización de resultados e o tratamento integral e coordinado.

Concretamente, o artigo 31 da devandita lei recolle o mandato á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de dar apoio á valorización de resultados mediante o impulso dun fondo de proba de concepto. O citado fondo dedicarase ao financiamento de proxectos que aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar, e poderá estar participado por axentes públicos e/ou privados, os cales se adherirán a el en función das súas achegas orzamentarias.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta este marco estratéxico. Esta convocatoria de proba de concepto enmárcase no obxectivo estratéxico Programa innova e emprende, liña 2.1 Itinerario da I+D+i e innovación na empresa. Así mesmo, está aliñada cos tres retos e coas tres prioridades da RIS3 de Galicia 2021-2027

Os programas de proba de concepto son un instrumento chave para apoiar e financiar os procesos de transferencia de tecnoloxía necesarios para achegar os resultados de investigación ao mercado, proporcionando a capacidade de rendibilizar social e economicamente o investimento público realizado en I+D nos centros de coñecemento, e perseguen acadar os seguintes obxectivos:

• Facilitar a transferencia de resultados de investigación desde organismos de investigación ao mercado.

• Acelerar e mellorar os resultados nos procesos de transferencia tecnolóxica.

• Contribuír á rendibilización económica e social do investimento público en investigación.

• Internacionalizar a función de transferencia da tecnoloxía.

• Detectar con prontitude proxectos con potencial innovador e de mercado.

En virtude do anterior, a Axencia Galega de Innovación puxo en marcha no ano 2016 o programa Ignicia proba de concepto, co obxectivo de seleccionar e apoiar os proxectos de investigación desenvolvidos nos centros de coñecemento de Galicia que se encontren nun estado de madureza tecnolóxica que xa superou a fase de investigación fundamental, pero que requiren dun impulso que permita a validación da tecnoloxía e a posterior transferencia ao mercado dos resultados.

No ano 2018 publicouse a segunda convocatoria do programa, que eliminaba o acceso directo á fase de investimento e introducía algunhas melloras no proceso de avaliación e xestión.

Posteriormente, no ano 2021 publicouse a terceira convocatoria do programa, que consolidou o apoio da Xunta de Galicia á transferencia de tecnoloxía e mellorou algúns aspectos da convocatoria, como a inclusión dun criterio de igualdade na avaliación, e detallou a fase de reembolso.

Nas tres convocatorias apoiáronse proxectos no marco dos tres retos estratéxicos da RIS3 Galicia que contribúen ao desenvolvemento económico e social de Galicia, mediante a atracción de talento e creación de empregos de alta cualificación, a constitución de empresas de alto valor tecnolóxico a nivel global e o establecemento de acordos coa industria, así como mobilizando e atraendo investimento público e privado nacional e internacional á Comunidade Autónoma galega.

Mediante esta resolución establécense as condicións xerais do programa Ignicia proba de concepto e convócase, para o ano 2023, a cuarta convocatoria para o apoio de proxectos de transferencia de tecnoloxía co obxectivo de levar os resultados de investigación ao mercado e á sociedade, proporcionando a capacidade de rendibilizar social e economicamente o investimento público realizado en I+D nos centros de coñecemento de Galicia.

Nesta cuarta convocatoria contarase igualmente co apoio metodolóxico e de persoal da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa, pola súa extensa experiencia no desenvolvemento do Fondo Ciencia, co fin de continuar coa mellora e perfeccionamento do programa, así como realizar actuacións conxuntas que permitan avaliar a sustentabilidade futura deste novo instrumento de apoio.

Pola súa vez, a Axencia Galega de Innovación, no compromiso coa innovación responsable (en diante, IIR) e en consonancia coa Axenda 2030, a través desta actuación impulsa no ecosistema galego a adopción de medidas que axuden a garantir e incrementar o impacto social das actividades de I+D+i, en termos de gobernanza e participación, igualdade de xénero, educación científica e ética da investigación.

O procedemento de concesión deste instrumento de apoio tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e o financiamento será en forma de achega patrimonial onerosa.

A convocatoria tramitarase como anticipado de gasto conforme o disposto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e condicións xerais

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as condicións xerais polas que se rexerá o programa Ignicia proba de concepto, que ten como finalidade poñer en valor e apoiar o desenvolvemento das aplicacións comerciais da investigación xerada polos organismos de investigación e difusión de Galicia, de acordo co previsto no artigo 31 da Lei galega 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e innovación.

2. Así mesmo, por medio desta resolución realízase a súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

3. O financiamento concederase baixo a modalidade de achega patrimonial onerosa nos termos descritos no artigo 7.

Artigo 2. Definicións

1. Organismos de investigación e difusión: son organismos de investigación e difusión (en diante, organismos de investigación), tal e como se definen no artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación), independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou a súa forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de maneira independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os resultados destas actividades mediante a ensinanza, a publicación ou a transferencia de coñecementos.

Así, no marco desta resolución, terán a consideración de organismos de investigación:

– Os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia.

– As universidades do Sistema universitario de Galicia.

– Os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas.

– As fundacións galegas de investigación sanitaria.

– Outros organismos de investigación de Galicia que teñan definida a I+D como actividade principal nos seus estatutos.

2. Transferencia: proceso levado a cabo polas persoas físicas ou xurídicas titulares dos resultados de investigacións ou tecnoloxías protexidas que pretendan transferir a outra persoa física ou xurídica distinta da que obtivo os dereitos sobre a propiedade e/ou uso dos devanditos resultados ou tecnoloxías nos termos pactados entre as partes, a través dun contrato específico denominado «acordo de transferencia», co obxectivo de incorporar estes resultados ou estas tecnoloxías a procesos de innovación.

3. Acordo de reembolso: acordo asinado, tras o cumprimento do último fito do proxecto, entre a Axencia Galega de Innovación e a entidade beneficiaria, que regulará o procedemento de reembolso de cada proxecto, segundo as condicións establecidas no artigo 7 desta orde, e que terá o seguinte contido mínimo: documentación necesaria para a comprobación e verificación das cifras de retornos achegadas e prazos para a remisión da antedita documentación e para o pagamento.

4. DDL ou Due Diligence Legal: informe de auditoría legal. Proceso de análise, recompilación e estudo de información que se realiza de cada proxecto para coñecer a súa situación legal, con respecto aos dereitos de propiedade dos resultados de investigación, e establecer se existen eventuais condicionantes que puidesen poñer en risco a futura explotación comercial da tecnoloxía.

5. TRL ou Technology Readiness Levels: refírense aos niveis de madureza dunha tecnoloxía. De acordo co sistema TRL, considéranse nove niveis que se estenden desde os principios básicos da nova tecnoloxía ata chegar ás súas probas con éxito nunha contorna real:

TRL1: principios básicos observados e reportados.

TRL2: conceptos e/ou aplicación tecnolóxica formulada.

TRL3: función crítica, analítica e experimental, e/ou proba do concepto característica.

TRL4: validación de compoñente e/ou disposición destes en contorna de laboratorio.

TRL5: validación de compoñente e/ou disposición destes nunha contorna relevante.

TRL6: modelo de sistema ou subsistema ou demostración de prototipo nunha contorna relevante.

TRL7: demostración de sistema ou prototipo nunha contorna real.

TRL8: sistema completo e certificado a través de probas e demostracións.

TRL9: sistema probado con éxito nunha contorna real.

6. Estratexia RIS3 de Galicia: estratexia integrada que articula e coordina, no período 2021-2027, o conxunto de actuacións de I+D+i en Galicia a través dun enfoque de especialización intelixente, concentrando as capacidades e investimentos arredor dos retos e prioridades consensuados, para aproveitar de forma máis eficiente os recursos e lograr un impacto transformador sobre a economía e o benestar da sociedade. Caracterízase pola implicación activa e continuada dos axentes da cuádrupla hélice en todas as súas fases e asegura o cumprimento da condición favorecedora que exixe a Comisión Europea para poder executar os fondos Feder do obxectivo político 1.

Artigo 3. Financiamento

1. O financiamento desta convocatoria imputarase ao capítulo VIII do orzamento da Axencia Galega de Innovación, coa seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

Importe 2023

Importe 2024

Importe 2025

Total

05.A2.561A.870

495.000,00 €

792.000,00 €

693.000,00 €

1.980.000,00 €

05.A2.561A.871

99.000,00 €

158.400,00 €

138.600,00 €

396.000,00 €

05.A2.561A.873

396.000,00 €

633.600,00 €

554.400,00 €

1.584.000,00 €

Total

990.000,00 €

1.584.000,00 €

1.386.000,00 €

3.960.000,00 €

A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias e anualidades sinaladas na táboa seguinte é unha previsión que deberá axustarse segundo a valoración das solicitudes recibidas, e será posible incluso a incorporación de novas aplicacións orzamentarias tendo en conta a natureza das entidades beneficiarias, sempre sen incrementar o crédito total.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios e participar na presente convocatoria os organismos de investigación e difusión, de conformidade coa definición do artigo 2, con centro de traballo en Galicia.

Artigo 5. Requisitos dos proxectos

Os proxectos presentados deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Abordar probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar.

b) Estar situados nun TRL4 ou superior, de conformidade coas definicións do artigo 2.

c) Ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade; estes resultados deberán ter potencial comercial e xerar retornos suficientes de acordo coas bases desta convocatoria, independentemente do prazo en que estes se produzan.

d) A duración estimada do proxecto será entre 9 e 24 meses. Durante a fase de maduración, poderá ser proposta unha duración diferente á solicitada inicialmente se o resultado do plan de desenvolvemento e comercialización así o aconsellan.

e) O orzamento mínimo do proxecto será de 100.000,00 €. Durante a fase de maduración, poderá ser proposto un orzamento diferente ao solicitado polo proxecto, se o resultado do plan de desenvolvemento e comercialización así o aconsella.

f) O obxectivo do proxecto de transferencia debe enmarcarse nalgún dos ámbitos de prioridade da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, recollidos no anexo V desta convocatoria.

Artigo 6. Actividades financiables

As actividades que poderán ser obxecto de apoio serán aquelas probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar e que permitan validar a tecnoloxía en condicións reais ou case reais, tales como estudos de mercado, validación técnica, aspectos regulamentarios, análise de oportunidades comerciais e de negocio, formulación de propostas a empresas ou investidores e outros gastos necesarios para a presentación e achegamento ao potencial cliente ou que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización.

Non se financiarán proxectos que non teñan como obxectivo final a comercialización dos resultados da investigación que se pretende explotar.

Artigo 7. Características do financiamento

1. O importe aprobado será en forma de achega patrimonial onerosa e financiará a totalidade dos gastos marxinais precisos para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos seleccionados.

2. Entenderase que son custos marxinais aqueles que se orixinen exclusiva e directamente das actividades correspondentes ao dito desenvolvemento, incluíndo novas contratacións, consumibles, custos de adquisición de material inventariable, servizos e outros custos, e coa excepción dos custos de persoal propio e dos de amortización do inmobilizado material adquirido por fondos públicos.

3. A achega poderá estar acompañada doutros investimentos, xa sexa por parte da Fundación Barrié ou por parte doutras fontes de financiamento, e non constituirán estas, en ningún caso, requisito necesario para o financiamento por parte da Axencia.

4. A achega será desembolsada segundo o calendario de desembolsos e fitos que se estableza na resolución de concesión.

5. Con carácter xeral, o primeiro fito terá asociado un orzamento que non superará o 25 % do investimento previsto, que se liberará en forma de anticipo. O cumprimento e xustificación de cada fito liberará o desembolso financeiro do seguinte e así sucesivamente ata a aplicación total dos recursos concedidos.

6. As entidades beneficiarias estarán obrigadas á devolución do 30 % dos retornos económicos xerados pola comercialización dos resultados científico-tecnolóxicos do proxecto, xa sexan patentes, software, coñecemento, procedementos ou calquera que sexa a forma de retorno, é dicir, royalties, pagamentos por fitos ou pagamentos por uso. As condicións de reembolso poderían incluír a opción de participar na propiedade das spin-offs creadas para explotar os ditos resultados, respecto do cal se seguirá o establecido na correspondente normativa patrimonial.

7. As condicións de devolución terán como obxectivo garantir, para a achega realizada, unha rendibilidade mínima do 10 %. Ademais, dado o maior risco destas operacións, esta rendibilidade será sempre superior ás condicións xerais do mercado no momento e sector correspondentes e respectará o criterio establecido pola Comisión Europea na Comunicación relativa á revisión do método de fixación dos tipos de referencia e de actualización (2008/C 14/02).

8. Tras o cumprimento do último fito de cada proxecto asinarase un acordo de reembolso entre a Axencia Galega de Innovación e a entidade beneficiaria que regulará o procedemento de reembolso de cada proxecto e que terá o seguinte contido mínimo: documentación necesaria para a comprobación e verificación das cifras de retornos achegados e prazos para a remisión da antedita documentación e para o pagamento.

9. Cando os proxectos financiados non xeren resultados no mercado e logo de análise e proposta polo Comité de Seguimento dos Investimentos, a entidade seleccionada non terá obriga de reembolsar o importe financiado, sempre que se xustifique correctamente o investimento da achega patrimonial realizada, de acordo co establecido na resolución da directora da Axencia Galega de Innovación.

Artículo 8. Fases do programa

O programa Ignicia proba de concepto estrutúrase en tres fases:

I. Fase de avaliación.

Esta fase efectuarase en dúas etapas sucesivas. A primeira delas terá carácter excluínte, de tal xeito que o paso á segunda avaliación requirirá a superación satisfactoria da primeira.

II. Fase de maduración e investimento.

Nesta fase os proxectos seleccionados recibirán asesoramento por parte de expertos internacionais e do equipo de xestión do programa, co obxectivo de definir un plan de desenvolvemento e comercialización que estableza a folla de ruta cara ao mercado.

Os proxectos propostos polo Comité de Investimentos definido no artigo 16 recibirán, por parte da Axencia Galega de Innovación e nos termos establecidos nesta convocatoria, apoio económico destinado á valorización comercial dos resultados da investigación a través dunha achega patrimonial onerosa.

III. Fase de seguimento.

Esta fase ten como finalidade o seguimento dos investimentos aprobados e dos retornos xerados polos proxectos tras a súa comercialización.

Artigo 9. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

3. O formulario de solicitude incluirá unha declaración expresa de aceptación, por parte da entidade solicitante, das condicións e obrigas do programa Ignicia proba de concepto recollidas nesta resolución.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria técnica, no modelo que se achega como anexo II, dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

Para os efectos de facilitar os procesos de avaliación por parte de persoal experto de nivel internacional, o anexo II terá que ser presentado en calquera das dúas linguas oficiais da nosa comunidade autónoma e en inglés.

b) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se deban presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os devanditos documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN855A, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) No teléfono 981 54 10 76/981 95 73 93 da devandita axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

Artigo 15. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución deste procedemento. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se xunta a documentación exixida, requirirase a persoa interesada mediante notificación individual ou anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada. Non se considera emendable a non presentación da memoria técnica (anexo II) no prazo establecido no artigo 9.2 desta resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos ao equipo de xestión para a súa avaliación e presentación ao Comité de Investimentos.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude.

Artigo 16. Comité de Investimentos

1. O Comité de Investimentos será o órgano colexiado encargado do proceso de selección de proxectos de acordo cos criterios fixados nos anexos III e IV e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. O Comité de Investimentos estará composto por tres persoas representantes designadas por parte da Axencia Galega de Innovación, e por un mínimo dun e un máximo de tres persoas representantes designadas por parte da Fundación Barrié.

A participación no Comité da citada fundación terá carácter de asesoramento técnico.

3. O Comité de Investimentos, para a realización do seu labor, poderá solicitar todos os informes técnicos, así como a presenza e asesoramento dos expertos externos que considere precisos.

4. O órgano instrutor designará un equipo de xestión do programa Ignicia, formado por persoal técnico da Gain e da Fundación Barrié, que será o encargado de apoiar tecnicamente os labores de xestión, avaliación e seguimento dos proxectos.

Artigo 17. Fase de avaliación

1. A selección dos proxectos realizarase en dúas etapas sucesivas. A primeira delas terá carácter excluínte, de xeito tal que o paso á segunda avaliación requirirá a superación satisfactoria da primeira. Ao remate de cada avaliación, emitirase informe de cada proxecto presentado en relación cos aspectos avaliados no dito proceso de avaliación, a través de comunicación á súa entidade promotora.

A. Primeira avaliación e preselección.

Nesta primeira avaliación comprobarase a adecuación dos proxectos que se presenten aos obxectivos do programa Ignicia proba de concepto e aos requisitos necesarios para optar ao financiamento.

Esta etapa actuará como filtro e será precisa a súa superación para poder pasar á seguinte. Levarase a cabo do seguinte xeito:

• De cada proxecto realizará, polo menos, dúas avaliacións, de acordo cos criterios de valoración definidos no anexo III, persoal do equipo de xestión, que poderá apoiarse, de ser o caso, en persoal experto externo designado polo Comité de Investimentos.

• As avaliacións serán postas en común nunha reunión de consenso na cal se chegará a un acordo coas valoracións finais de cada proposta.

• O equipo de xestión trasladará ao Comité de Investimentos as propostas presentadas xunto coas valoracións finais de consenso.

• Considerarase que superan esta avaliación e preselección, como máximo, os 25 proxectos mellor valorados, sempre que:

– Acaden unha puntuación global (a+b+c+d) mínima de 50 puntos.

– Teñan unha puntuación superior aos 0 puntos no criterio a.4 e no criterio b.1.

B. Segunda avaliación.

Nesta segunda etapa realizarase unha avaliación exhaustiva e en detalle de cada un dos proxectos que superou satisfactoriamente a anterior avaliación, tanto de aspectos técnicos como de viabilidade económica e comercial.

A metodoloxía será a seguinte:

• A avaliación será realizada segundo os criterios indicados no anexo IV por parte dun equipo asesor externo formado por especialistas nacionais e internacionais en transferencia de tecnoloxía.

• Establecerase un panel de coordinación para unificar os criterios do equipo avaliador que participe no proceso.

• Realizarase unha entrevista co equipo promotor dos proxectos seleccionados para os efectos de que realicen unha presentación do proxecto e respondan ás cuestións formuladas polo persoal experto.

• Os informes de avaliación incluirán información sobre a protección, propiedade e madureza da tecnoloxía, co obxectivo de coñecer o grao de excelencia científica dos proxectos, así como a súa viabilidade económica e comercial, para os efectos de establecer o posterior proceso de desenvolvemento e comercialización con garantías de retornos económicos.

• O equipo de xestión trasladará ao Comité de Investimentos as propostas presentadas xunto coas valoracións finais.

• Considerarase que superan esta avaliación os proxectos mellor valorados, sempre que acaden unha puntuación mínima (a+b+c+d+e+f+g) de 70 puntos.

Artigo 18. Fase de maduración e investimento

A. Maduración.

1. Nesta fase os proxectos que superen a fase de avaliación recibirán asesoramento no relativo ao estado de madureza do proxecto desde un punto de vista científico e de negocio por parte de expertos nacionais e internacionais.

2. Como resultado, cada proxecto obterá un plan de desenvolvemento e comercialización e incluirá aspectos como:

a) Estudo do mercado potencial, principais segmentos de mercado, actores clave en cada segmento. Necesidades e retos non cubertos neses mercados.

b) Principais competidores e características diferenciadoras do proxecto.

c) Estratexia de desenvolvemento, incluíndo os obxectivos del para axustarse aos requirimentos do mercado.

d) Plan de actuacións, orzamento asociado e potenciais socios.

e) Ruta cara ao mercado.

f) Retornos potenciais.

g) Principais riscos e retos do proxecto.

3. Ademais e como paso previo necesario para a formalización do investimento e para os efectos de verificar os eventuais condicionantes que puidesen existir para a explotación comercial dos resultados de investigación, realizarase un informe de auditoría legal (DDL) de cada un dos proxectos seleccionados.

B. Investimento.

1. Unha vez finalizado o proceso de maduración, o Comité de Investimentos poderá propoñer para financiamento aqueles proxectos que obteñan un informe de auditoría legal favorable, e sempre que non xurdisen durante a maduración novos condicionantes que puidesen poñer en risco a viabilidade comercial do proxecto.

2. Os proxectos propostos polo Comité de Investimentos recibirán, por parte da Axencia Galega de Innovación e nos termos establecidos nesta convocatoria, apoio económico destinado á transferencia e definitiva valorización comercial dos resultados da investigación, nos termos previstos no antedito plan de desenvolvemento e comercialización.

3. As achegas patrimoniais desembolsaranse conforme os fitos que se definan no devandito plan e se establezan na resolución de concesión.

4. As propostas de investimento do Comité serán elevadas á directora da Axencia Galega de Innovación, que ditará resolución definitiva, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación.

5. As resolucións, que se lle notificarán con carácter individual ás entidades seleccionadas, expresarán, cando menos:

a) O importe global da achega patrimonial concedida.

b) O calendario de fitos e desembolsos.

c) As condicións do reembolso.

d) Os mecanismos de control e seguimento dos proxectos, incluíndo a avaliación do cumprimento dos fitos dos proxectos apoiados.

e) Que a aceptación da achega implica a aceptación das obrigas derivadas desta convocatoria e da resolución de concesión, así como as condicións do reembolso.

Artigo 19. Fase de seguimento

1. Esta fase ten como finalidade o seguimento dos investimentos aprobados, a liberación dos desembolsos previstos de acordo co cumprimento dos seus fitos, a proposta de modificacións ou o inicio, de ser o caso, do correspondente expediente de recuperación dos investimentos, así como o seguimento dos retornos xerados pola comercialización dos resultados dos proxectos.

2. Durante esta fase proporcionarase apoio e asesoramento a través do equipo de xestión do programa, así como formación en aspectos chave da transferencia de tecnoloxía e contactos con axentes relevantes do ecosistema de innovación. Estableceranse reunións periódicas de seguimento para analizar o avance do proxecto, garantir o cumprimento dos fitos técnicos e económicos e resolver os problemas que poidan xurdir durante o transcurso do proxecto.

3. Coa finalidade de levar a cabo o seguimento dos investimentos aprobados, constituirase un Comité de Seguimento dos Investimentos. Este comité estará integrado por tres persoas representantes designadas pola Axencia Galega de Innovación, contará co apoio técnico do equipo de xestión e poderá contar co asesoramento de persoal experto externo. Deberá reunirse, polo menos, dúas veces ao ano e será o encargado de:

a) Establecer os mecanismos de control e seguimento dos proxectos, incluíndo a avaliación do cumprimento dos fitos dos proxectos apoiados e do fito final de chegada ao mercado. Se a dita chegada ao mercado se produce anticipadamente poderá propoñer, de ser o caso, a interrupción dos desembolsos pendentes e a consecuente modificación da resolución de concesión.

b) Autorizar as modificacións que supoñan un cambio das condicións establecidas na resolución de concesión. Deberá emitir informe sobre elas e elevar a través do órgano instrutor a proposta de resolución á directora da Axencia Galega de Innovación.

c) A avaliación das continxencias que poidan suceder nos proxectos que poidan provocar demoras na devolución e situación de riscos ou perdas do investido. En virtude disto, poderá propoñerlle, a través do órgano instrutor, á directora da Axencia Galega de Innovación modificacións ou ampliacións dos prazos.

d) De ser o caso, cando os proxectos financiados non estean a xerar resultados no mercado, poderá propoñer que a entidade seleccionada non teña que devolver a totalidade do importe desembolsado, sempre e cando esta xustifique correctamente o investimento da achega patrimonial realizada.

e) A proposta de inicio, para o caso de incumprimento por parte da entidade seleccionada das obrigas establecidas nesta convocatoria e na correspondente resolución, do expediente de recuperación total ou parcial dos investimentos. Este expediente de reintegro, no cal se garantirá en todo o caso a audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, concluirá coa resolución motivada da directora da Axencia Galega de Innovación, logo de proposta do Comité de Seguimento dos Investimentos.

f) Establecer os mecanismos de seguimento e control dos investimentos realizados e dos retornos xerados polos proxectos segundo as condicións establecidas no acordo a que fai referencia o artigo 7.8.

g) A previsión de evolución de retornos de cada proxecto.

h) A elaboración do informe global de evolución de investimentos.

i) A recollida dos datos e información precisos para o seguimento e avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027.

4. No desenvolvemento das anteditas funcións, o Comité de Seguimento dos Investimentos poderalle solicitar á entidade promotora os documentos, informes ou contas auditadas que sexan necesarios para a verificación dos datos achegados por ela.

5. Para xustificar o cumprimento de cada fito, os proxectos deberán presentar un informe de seguimento técnico e un informe de seguimento económico, xunto coa documentación xustificativa necesaria, de ser o caso, para acreditar o cumprimento do fito.

6. A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderalle realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade da orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro do apoio concedido.

Artigo 20. Obrigas das entidades seleccionadas

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas nesta convocatoria ou na resolución da directora da Axencia Galega de Innovación, as entidades seleccionadas para a concesión da achega patrimonial quedan obrigadas a:

a) Realizar as actividades acordadas para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos seleccionados e que fundamentan a concesión da achega económica.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

c) Xustificar ante o Comité de Seguimento dos Investimentos, por requirimento deste, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización das actividades e/ou dos gastos marxinais establecidos na resolución de concesión.

d) Realizar a devolución, total ou parcial, da achega patrimonial percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

e) Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades obxecto desta convocatoria.

f) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, autorización para realizar modificacións no equipo de traballo ou no desenvolvemento dos proxectos aprobados que afecten a atribución patrimonial percibida.

g) Dar publicidade da achega recibida nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución do proxecto, incluída a subcontratación, e en publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con ela, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento da Xunta de Galicia a través do programa Ignicia. Ademais, deberán publicar a concesión da achega na páxina web da entidade, mantela actualizada e facer mención ao apoio do programa en todas as comunicacións.

h) Obriga de manter un sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa achega patrimonial concedida.

i) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de cinco anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas correspondentes ao último desembolso previsto. Informarase a entidade seleccionada da data de comezo deste prazo.

j) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación da convocatoria no marco da avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027 ou doutros instrumentos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia 2021-2027, desenvolverase un seguimento específico dos apoios concedidos. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de Innovación, durante a execución e ao finalizar o proxecto (ex-post), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os cales se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

2. O incumprimento das obrigas por parte das entidades seleccionadas poderá dar lugar á devolución total ou parcial da achega patrimonial percibida, de acordo co procedemento establecido no artigo 19.3.e) desta convocatoria.

Artigo 21. Resolución do procedemento

1. O prazo máximo para resolver a proposta á fase de investimento das solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 9 meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes establecido no artigo 9.2 desta resolución. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a correspondente notificación, os solicitantes poderán entender estimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión do investimento poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, do proxecto, da cantidade concedida e da finalidade do investimento aprobado.

Artigo 22. Renuncia

A renuncia da entidade solicitante á participación no programa ou ao investimento aprobado poderase facer axustándose aos modelos publicados na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da dita norma.

Artigo 23. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto no artigo 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, as persoas solicitantes poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Criterios de valoración da primeira avaliación e preselección

Os criterios de valoración da primeira avaliación son:

a) Excelencia científico-técnica da proposta: ata 30 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

a.1. Grao de innovación e alcance da novidade da proposta (máximo 6 puntos).

a.2. Grao de coñecemento dos antecedentes e do estado da arte (máximo 6 puntos).

a.3. Obxectivos do proxecto, concreción e exposición da proposta (máximo 6 puntos).

a.4. Grao de desenvolvemento actual da tecnoloxía. Nivel de TRL (máximo 6 puntos).

a.5. Planificación proposta para o desenvolvemento do proxecto: plan de traballo (máximo 6 puntos).

b) Potencial comercial da tecnoloxía: ata 35 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

b.1. A dimensión (rexional, nacional ou internacional) do mercado potencial das aplicacións da tecnoloxía e a existencia de demanda, unha vez que o resultado estea listo para a súa comercialización (máximo 10 puntos).

b.2. Estratexia de comercialización dos resultados do proxecto (máximo 6 puntos).

b.3. Estratexia de protección en relación coa estratexia de comercialización (máximo 7 puntos).

b.4. Existencia de vantaxes competitivas da tecnoloxía (máximo 7 puntos).

b.5. Prazo de chegada ao mercado (máximo 5 puntos).

c) Equipo de traballo: ata 20 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

c.1. A capacidade de xestión do equipo e a súa experiencia previa en xestión de proxectos colaborativos rexionais, nacionais ou internacionais (máximo 5 puntos).

c.2. A experiencia previa do equipo en traballos coa industria relacionada co proxecto (máximo 7 puntos).

c.3. A experiencia previa do equipo en procesos de transferencia de tecnoloxía (máximo 8 puntos).

d) Impacto socioeconómico do proxecto: ata 15 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

d.1. A repercusión do proxecto na actividade empresarial galega. Grao de mobilización do investimento privado (máximo 5 puntos).

d.2. A xeración de emprego en Galicia (máximo 5 puntos).

d.3. Igualdade de xénero. Participación equilibrada de mulleres no equipo promotor do proxecto. Se a porcentaxe de mulleres dentro do equipo é igual ou superior ao 50 %: 3 puntos.

d.4. Investigación responsable. Adecuación argumentada do aliñamento dos obxectivos do proxecto a algúns dos seguintes criterios (máximo 2 puntos):

a) A I+D realizada axudará a mellorar a calidade de vida e a saúde dos cidadáns.

b) A I+D realizada terá un impacto positivo na conservación ambiental e/ou dará lugar a unha relación máis sustentable entre a sociedade, a industria e o ambiente.

c) A I+D realizada axudará a aumentar o coñecemento, a concienciación e a comprensión da ciencia, a enxeñaría e a tecnoloxía entre a sociedade en xeral.

d) A I+D realizada axudará a mellorar a reputación internacional da rexión.

e) A I+D realizada cumpre cos criterios éticos da investigación.

ANEXO IV

Criterios de valoración da segunda avaliación

Os criterios de valoración da segunda avaliación son:

a) Nivel da ciencia (máximo 10 puntos).

Valoraranse os desenvolvementos previos realizados e que son a base do proxecto e a viabilidade deste tendo en conta os precedentes.

b) Capacidade e compromiso do equipo para a comercialización (máximo 30 puntos).

Valorarase o nivel de coñecemento científico e experiencia do equipo de traballo, así como o nivel de compromiso do equipo coa comercialización do resultado e a súa experiencia e capacidade para soportar a dita comercialización.

c) Posibles aplicacións da tecnoloxía (máximo 10 puntos).

Valorarase a aplicabilidade industrial da tecnoloxía e a existencia de diferentes aplicacións para diferentes sectores industriais.

d) Tempo para que a tecnoloxía chegue ao mercado (máximo 10 puntos).

Valorarase o estado de desenvolvemento actual da tecnoloxía, riscos asociados a el e tempo necesario para a chegada ao mercado.

e) Tamaño da oportunidade de negocio (máximo 10 puntos).

Valorarase o tamaño das oportunidades asociadas ás aplicacións potenciais da tecnoloxía.

f) Estratexia de protección (máximo 15 puntos).

Valorarase a existencia de estratexia de protección, amplitude, fortaleza e profundidade en relación cos mercados e aplicacións potenciais.

g) Liberdade de operación e competencia (máximo 15 puntos).

Valorarase o nivel da competencia existente en relación coa tecnoloxía e coas súas aplicacións, e a potencial necesidade de acceso á propiedade intelectual e industrial de terceiros para explotar a tecnoloxía.

ANEXO V

Retos, prioridades e ámbitos de prioridade da RIS3 de Galicia 2021-2027

Reto

Prioridade

Ámbitos de prioridade

Recursos naturais e patrimoniais

Sustentabilidade

Biocombustibles e enerxías renovables

Biotecnoloxía agrícola, mariña, industrial e ecolóxica

Descarbonización das cadeas de valor

Economía circular e simbiose industrial

Innovación e diversificación: calidade e sustentabilidade como base para a imaxe de marca

Mellora, preservación, xestión sustentable e posta en valor da biodiversidade

Dixitalización

Desenvolvemento de propostas de valor ao redor de recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos

Tecnificación e dixitalización do sector primario

Enfoque nas persoas

Construción sustentable

Saúde animal: veterinaria e alimentación de precisión

Turismo saudable

Modelo industrial

Sustentabilidade

Biocombustibles e enerxías renovables

Descarbonización das cadeas de valor

Economía circular e simbiose industrial

Mobilidade urbana e rural

Dixitalización

Fabricación avanzada e intelixente

Independencia tecnolóxica: emprendemento dixital e competitividade do sistema TIC

Redes intelixentes, fexibilidade e almacenamento enerxético

Enfoque nas persoas

Deporte para a promoción da autonomía personal e mellora na calidade de vida

Modelo de vida saudable e envellecemento

Sustentabilidade

Descarbonización das cadeas de valor

Eficiencia enerxética en procesos, en construción e en mobilidade

Innovación e diversificación: calidade e sustentabilidade como base para a imaxe de marca

Mobilidade urbana e rural

Dixitalización

Administración pública dixital

Saúde dixital

Xerontotecnoloxías

Enfoque nas persoas

Alimentación humana saudable e funcional

Deporte para a promoción da autonomía personal e mellora na calidade de vida

Medicina de prevención, rexenerativa e de precisión

Silver economy

Cadeas de valor prioritarias de Galicia

Cadea de valor da industria aeroespacial e aeronáutica

Cadea de valor da industria agroalimentaria

Cadea de valor da industria automotriz

Cadea de valor de enerxías renovables e almacenamento de enerxía

Cadea de valor da industria forestal e madeireira

Cadea de valor da industria mariña e o medio mariño

Cadea de valor da industria naval

Cadea de valor loxística

Cadea de valor da saúde, calidade de vida e envellecemento

Cadea de valor da industria téxtil e da moda

Cadea de valor do turismo e o patrimonio

Cadea de valor das TIC

Outras