Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Venres, 30 de decembro de 2022 Páx. 67376

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Tui (expediente IN407A 2022/142-4).

Expediente: IN407A 2022/142-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: reforma LMTA TUI807 Cerquido.

Concello: Tui.

Feitos:

Primeiro. O 13 de abril de 2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada reforma LMTA TUI807 Cerquido.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na substitución de dez apoios de formigón por apoios de celosía no dobre circuíto da liña de media tensión TUI807, nos tramos TUI807077-TUI8070081, e a substitución de 1.732 metros do condutor. As actuacións están previstas nos lugares do Foxo e Paredes, na parroquia de Rebordáns, no municipio de Tui (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Tui, o Servizo de Montes de Pontevedra, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Servizo de Patrimonio Natural. A empresa manifestou a súa conformidade co condicionado emitido Servizo de Montes de Pontevedra.

Os demais organismo non emitiron condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 11 de maio de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Naqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 2 de xuño de 2022 publicouse o correspondente anuncio no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 11 de maio de 2022 publicada no DOG (Diario Oficial de Galicia) do 6 de xuño de 2022, no xornal Faro de Vigo e no Taboleiro de anuncios do Concello de Tui desde o 12 de maio ata o 27 de xuño de 2022, conforme certificado emitido polo Concello.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Quinto. O 31 de maio de 2022, UFD comunicou que acadou un acordo cos propietarios mencionados na relación de bens e dereitos afectados, achegando documentación acreditativa dos acordos asinados e polo tanto xa non é necesaria a declaración de utilidade pública.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, dobre circuíto (DC), con condutor LA-110, de 866 metros de lonxitude cada circuíto, con orixe no apoio proxectado C-3000/22 na LMTA DC, tramo TUI8070077 e TUI8070081, e final no apoio proxectado C-3000/16 na LMTA DC, tramo TUI8070077 e TUI8070081. A instalación está situada nos lugares do Foxo e Paredes, parroquia de Rebordáns, no municipio de Tui (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. a autorización administrativa previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada reforma LMTA TUI807 Cerquido (expediente IN407A 2022/142-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 1 de decembro de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra