Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Venres, 30 de decembro de 2022 Páx. 67371

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Pontevedra (expediente IN407A 2022/225-4).

Expediente: IN407A 2022/225-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: substitución dos apoios A5161FJ6//68-3 e AS2QEBDO//68-4 na LMT MUR811 e LMTA.

Concello: Pontevedra.

Feitos:

Primeiro. O 23 de maio de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada substitución dos apoios A5161FJ6//68-3 e AS2QEBDO//68-4 na LMT MUR811 e LMTA.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a substitución dos apoios A516IFJG//68-3 e A52QEBDO//68-4 por dous apoios do tipo C-1000/14 no tramo MUR8111390 do circuíto aéreo da liña de media tensión MUR811 e a instalación dunha liña de media tensión aérea de 134 metros desde os apoios proxectados. As actuacións están previstas no lugar da Igrexa, parroquia de Santa María de Xeve, no municipio de Pontevedra.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Pontevedra, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea e Augas de Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Pontevedra e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Augas de Galicia non emitiu condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 12 de maio de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas afectadas pola declaración de utilidade pública conforme a relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 1 de agosto de 2022 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 24 de agosto de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 24 de agosto de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra desde o 5 de agosto de 2022 ata o 19 de setembro de 2022, conforme o certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Substitución dos apoios A5161FJ6//68-3 e AS2QEBDO//68-4 por dous apoios tipo C-1000/14 no tramo MUR8111390 da liña de media tensión aérea (LMTA) MUR811. LMTA a 20 kV con condutor tipo LA-56 de 134 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-1000/14 e final no apoio proxectado C-1000/14.

As instalacións están situadas no lugar da Igrexa, na parroquia de Santa María de Xeve, no concello de Pontevedra.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada substitución dos apoios A5161FJ6//68-3 e AS2QEBDO//68-4 na LMT MUR811 e LMTA (expediente IN407A 2022/225-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 1 de decembro de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra