Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Xoves, 29 de decembro de 2022 Páx. 66670

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Catoira (expediente IN407A 2022/110-4).

Expediente: IN407A 2022/110-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: substitución dos apoios 9WA5K7BL e 9WCS4QJ0 na LMT VAR808B.

Situación: concello de Catoira.

Feitos:

Primeiro. O 29 de marzo de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada substitución dos apoios 9WA5K7BL e 9WCS4QJ0 na LMT VAR808B.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a substitución dos apoios de formigón 9WA5K7BL por un C-2000/14 e 9WCS4QJ0 por un C-1000/12 no circuíto aéreo da liña de media tensión VAR808B, no tramo VAR808B1003. Substitúese o van entre os apoios proxectados e realízase o retensado dos vans augas arriba e augas abaixo. As actuacións están previstas no lugar de Aragunde, no concello de Catoira (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Catoira e o Servizo de Montes de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado técnico emitido polo Servizo de Montes de Pontevedra.

O Concello de Catoira non emitiu condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante o escrito do 6 de xuño de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Naqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 19 de agosto de 2022 e o 24 de agosto de 2022 publicouse o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 6 de xuño de 2022 publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 28 de xuño de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 17 de xuño de 2022.

– Taboleiro de anuncios do concello de Catoira.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV con condutor tipo LA-56 de 145 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000-14 (en substitución do 9WA5K7BL) na LMTA VAR808B e final no apoio proxectado C-2000-12 (en substitución do 9WCS4QJ0) na LMTA VAR808B. A instalación está situada en Aragunde, parroquia de Catoira, no municipio de Catoira (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada substitución dos apoios 9WA5K7BL e 9WCS4QJ0 na LMT VAR808B (expediente IN407A 2022/110-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Pontevedra, 1 de decembro de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra