Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Xoves, 29 de decembro de 2022 Páx. 66681

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita a construción dunha instalación eléctrica no concello de Caldas de Reis (expediente IN407A 2021/281-4).

Expediente: IN407A 2021/281-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: soterramento da LAT 66 kV Padrón-Tibo entre os apoios nº 55 e nº 63.

Concello: Caldas de Reis.

Feitos:

Primeiro. O 11 de novembro de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de soterramento da LAT 66 kV Padrón-Tibo entre os apoios nº 55 e nº 63.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste en soterrar un tramo da liña de alta tensión dobre circuíto de 66 kV Padrón-Tibo entre os apoios nº 55 (92011874) e nº 63 (92011760). Consecuentemente, desmóntase o tramo aéreo, substitúese o apoio nº 55 existente por un novo apoio tipo paso aéreo subterráneo (PAS), adecúase o apoio nº 66 existente a tipo paso aéreo subterráneo e substitúese o condutor no van desde o apoio nº 55 ata o apoio nº 54 por un LA-280. As instalacións están situadas no concello de Caldas de Reis.

Segundo. Tras a tramitación do expediente, o 4 de marzo de 2022, esta xefatura territorial ditou unha resolución pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Caldas de Reis (expediente IN407A 2021/281-4).

Terceiro. O 7 de maio de 2022, UFD solicitou a declaración de utilidade pública para a construción das instalacións eléctricas por problemas de permisos.

Cuarto. Mediante o escrito do 20 de xuño de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Quinto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 20 de xuño de 2022 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 13 de xullo de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 29 de xullo de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Caldas de Reis.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación a este expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica de soterramento da LAT 66 kV Padrón-Tibo entre os apoios nº 55 e nº 63 (expediente IN407A 2021/281-4), o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 2 de decembro de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra