Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Xoves, 29 de decembro de 2022 Páx. 66685

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2021/258-4).

Expediente: IN407A 2021/258-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS e substitución do CT Carneiras.

Concello: Vigo.

Feitos:

Primeiro. O 22 de outubro de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS e substitución do CT Carneiras.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a retirada do actual centro de transformación (CT) Carneiras 36C492, a instalación dun novo centro de transformación de 250 kVA na parcela 3118702NG2731N0001GL, a retirada da liña de media tensión aérea (LMTA) entre os centros de transformación Beirán e Carneiras e a instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 186 metros, que discorre desde o CT Beirán ata un paso aero-subterráneo no apoio HV-1000/15 existente na LMTA BAL701. As actuacións están previstas no camiño dos Carrazóns, na rúa de Manuel Cominges, na avenida de Castrelos, na rúa de Ramiro Pascula, na rúa Macal, nas parroquias de Matamá e Beade, no concello de Vigo (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, Augas de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Axencia Galega de Infraestruturas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado técnico emitido por Augas de Galicia.

Os demais organismos non emitiron condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 28 de decembro de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á Comunidade de veciños Camiño Pasales, nº 3, que figura como afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 28 de decembro de 2021, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 20 de xaneiro de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 17 de xaneiro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo, onde estivo exposto ata o 15 de febreiro de 2022, conforme o certificado expedido polo propio concello.

Durante o mencionado trámite recibíronse as alegacións presentadas por Daniel González Villar como presidente da Comunidade de propietarios do portal 3. Nesta alegación, Daniel González destaca a necesidade de notificar a afección ao presidente da comunidade do portal nº 1.

Quinto. As alegacións foron trasladas á empresa promotora que, o 10 de marzo de 2022, remitiu unha relación de bens e dereitos afectados.

Sexto. Mediante escrito do 9 de marzo de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á Comunidade de veciños Camiño Pasales, nº 1, que figura como nova afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Non se presentaron máis alegacións.

Sétimo. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, concluíndo que a empresa promotora tivo en conta a alegación presentada por Daniel González Villar e actualizou a relación de bens e dereitos afectados

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro,de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Retirada da liña LMTA BAL701 Valadares entre os centros de transformación Beirán e Carneiras. Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor tipo RHZ1 de 728 metros de lonxitude, con orixe no CT Beirán e final no apoio HV-1000/15 existente, realizando entrada e saída no CT proxectado. Retirada do CT Carneiras (36C492), que se substitúe por un centro de transformación telecontrolado GSM/GPRS/FO 2L1P en envolvente prefabricada de formigón de manobra exterior, con potencia de 250 kVA e relación de transformación 15.000/400 V. As instalacións están situadas no camiño dos Carrazóns, na rúa de Manuel Cominges, na avenida de Castrelos, na rúa de Ramiro Pascula, na rúa Macal, nas parroquias de Matamá e Beade, no concello de Vigo (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse que esta xefatura remitiu unha notificación en que informaba sobre a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica a ambas as comunidades de propietarios (Camiño Pasales, nº 1 e nº 3).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e substitución do CT Carneiras (expediente IN407A 2021/258-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 2 de decembro de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra