Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Martes, 27 de decembro de 2022 Páx. 66132

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, varias instalacións eléctricas no concello de Ourense (expediente IN407A 2022/35-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as instalacións eléctricas que a seguir se describen:

Expediente: IN407A 2022/35-3.

Titular: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: regulamentación da LMTA SAC805 entre os apoios números B4KOLBVG//21-15 E B4OURFEC//21-24.

Situación: concello de Ourense.

As características principais do proxecto, que foi redactado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado núm. 482 do COITIOU, o 21.9.2021, son as seguintes:

– Reforma para a súa regulamentación, por distancia antirregulamentarias ao terreo e deterioración en apoios, da LMTA SAC805-Carballiño 5, a 20 kV, coa substitución de 7 apoios en mal estado, que pasan a ser apoios metálicos, e do propio condutor por un novo do tipo LA-110 en 700 m de lonxitude. A reforma ten a súa orixe no apoio existente núm. B4K0N689//21-15 do expediente IN407A 2016/75-3 e o seu final no apoio números B4Q0X0VX//D21-24.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O día 3.4.2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública das citadas instalacións eléctricas.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou a emisión dos condicionados técnicos aos seguintes organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados: ao Concello de Ourense, que emitiu informe favorable o 6.5.2022; á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que achegou informe condicionado do 26.8.2022; ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), que emitiu informe condicionado o 24.5.2022; e a Telefónica de España, S.A.U., que emitiu informe favorable sobre o proxecto o 25.4.2022.

Terceiro. A solicitude someteuse a información pública mediante o Acordo desta xefatura territorial do 7.4.2022, que foi inserido no DOG do 3.5.2022 e no xornal La Región de Ourense do 21.4.2022; o proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta vicepresidencia durante o prazo regulamentario.

As persoas con domicilio coñecido afectadas pola declaración de utilidade pública, conforme a relación de bens e dereitos (RBDA) achegada pola empresa promotora, foron debidamente notificadas mediante escrito do 11.4.2022; e para dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, realizouse o trámite de notificación a descoñecidos co correspondente anuncio que se inseriu no DOG do 25.5.2022 e no TEU do BOE de data 30.5.2022.

Durante o mencionado período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

– Esperanza González Vázquez, titular do predio núm. 5 da RBDA, presentou alegacións nas cales condiciona a utilidade pública do proxecto e solicita o soterramento deste tendido eléctrico co obxecto de protexer o ambiente na zona afectada polo proxecto, ao representar, segundo indica, un importante impacto ambiental por atravesar espazos naturais protexidos. Desta alegación déuselle traslado á empresa promotora o 23.5.2022.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Esta xefatura territorial é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e co citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Segundo. Cumpríronse os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no capítulo II do título VII do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Dentro do trámite de condicionados, citado no antecedente de feito segundo desta resolución, consta no expediente a aceptación do promotor de todos os informes e condicións establecidas polos organismos/empresas consultados.

Terceiro. Á vista do proxecto, das alegacións presentadas, da contestación realizada pola empresa eléctrica solicitante e da lexislación de aplicación, cómpre manifestar o seguinte:

Non se poden estimar as alegacións presentadas por Esperanza González Vázquez xa que, no relativo á declaración de utilidade pública para instalacións de distribución eléctrica, como a presente, esta vén recoñecida polo artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, cumprindo para iso a empresa cos requisitos que recolle o artigo 55 da mencionada norma.

E, no relativo ás reformas en aéreo da liña actual, como indica a empresa eléctrica na contestación ás alegacións, o proxecto presentado a trámite foi realizado observando o establecido no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo cal se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas de alta tensión e, en concreto, segundo o disposto no punto 1.5.1 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07, que literalmente di: «as liñas eléctricas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de lograr a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que na dita instrución se establecen...», sen que existan nas parcelas afectadas as limitacións ou prohibicións á constitución da servidume de paso establecidas tanto no artigo 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que impidan o establecemento de servidumes a través dos terreos incluídos na relación de bens e de dereitos afectados presentada.

As instalacións previstas no proxecto, en función da súa tensión e lonxitude, quedan fóra das obrigas de realizar calquera trámite de avaliación ambiental ordinaria ou simplificada, ao non estaren comprendidas no anexo I nin no anexo II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

En conformidade co punto 5 do artigo 43 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo e urbanismo de Galicia, o planeamento poderá prohibir os tendidos aéreos e prever o soterramento dos existentes. Neste senso, o Concello de Ourense emitiu informe favorable sobre o proxecto de reforma en aéreo para a regulamentación da LMTA SAC805-Carballiño 5 existente.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 30 de novembro de 2022

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense