Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 22 de decembro de 2022 Páx. 65064

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 9 de decembro de 2022 pola que se clasifica de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación Nueva Pescanova.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Nueva Pescanova con domicilio na rúa José Fernández López, s/n, en Chapela. Redondela (Pontevedra).

Feitos:

1. O 4 de outubro de 2022, José Rodríguez González, secretario do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Nueva Pescanova constituíuna a entidade Nueva Pescanova, S.L., representada por José Rodríguez González, mediante escritura pública outorgada o 1 de setembro de 2022, en Vigo (Pontevedra), ante o notario José Luis Espinosa de Soto, co número de protocolo 2.192.

3. A Fundación, consonte o artigo 5 dos seus estatutos, ten por obxecto: «o fomento, o financiamento, o desenvolvemento e a execución de todo tipo de actividades que, en relación coas actividades pesqueiras, acuícolas, de elaboración e comercialización dos produtos do mar contribúan:

a) Ao desenvolvemento sustentable nas súas vertentes social, ambiental e económica.

b) Á súa investigación, desenvolvemento e innovación, e á divulgación dos seus aspectos técnicos, científicos, nutricionais, sociais e culturais».

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola entidade Nueva Pescanova, S.L., representada por José María Benavent Valero, como presidente; José Rodríguez González, como secretario; e Alfonso María Gordón García, Ángel Matamoro Irago e Javier Carral Martínez, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia da Fundación Nueva Pescanova, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede á súa clasificación como de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia e a súa adscrición á Consellería do Mar.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de novembro de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación Nueva Pescanova, adscribíndoa ao protectorado da Consellería do Mar.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pódense interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes