Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 22 de decembro de 2022 Páx. 65053

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 12 de decembro de 2022 pola que se aproba o Regulamento de orde interna da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo, de regulación da eutanasia, no seu artigo 17, determina que existirá unha comisión de garantía e avaliación da eutanasia en cada unha das comunidades autónomas, así como nas cidades de Ceuta e Melilla. A composición de cada unha delas terá carácter multidisciplinar e deberá contar cun número mínimo de sete membros, entre os cales se incluirán persoal médico, de enfermaría e xuristas. Segundo dispón o mesmo precepto, as comisións, que terán a natureza de órgano administrativo, serán creadas polos respectivos gobernos autonómicos, que determinarán o seu réxime xurídico.

Na nosa comunidade, a citada comisión foi creada polo Decreto 101/2021, do 8 de xullo, o cal regula, ademais, a composición e o réxime xurídico da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta comisión ten a natureza xurídica de órgano administrativo de ámbito autonómico, adscrito á consellería competente en materia de sanidade a través da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

O artigo 4 do citado decreto dispón que a Comisión se rexerá polos preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polo seu regulamento de orde interna, que será elaborado pola propia comisión e autorizado pola consellería competente en materia de sanidade.

Así pois, de conformidade co disposto na citada disposición, unha vez aprobado o citado regulamento de orde interna pola Comisión na súa reunión ordinaria do 4 de novembro do 2022, e coa finalidade de facilitar o coñecemento xeral do mencionado regulamento,

ACORDO:

Artigo único. Aprobación do Regulamento de orde interna da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia

Apróbase o Regulamento de orde interna da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia, que figura como anexo.

Disposición adicional única. Indemnizacións

Os membros da Comisión percibirán as indemnizacións polos gastos, debidamente xustificados, derivados da asistencia ás sesións e da súa participación nas actividades para as cales sexan convocados ou nas cales se requira a súa asistencia ou participación en calidade de membros, de conformidade co previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

No caso de que participe persoal asesor, a persoa titular da Presidencia solicitará para o dito persoal, e a través da Secretaría da Comisión, as indemnizacións polos gastos, debidamente xustificados que deriven da súa asistencia ás sesións en que interveñan.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Regulamento de orde interna da Comisión de Garantía e Avaliación
da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia

CAPÍTULO I

Natureza e réxime xurídico

Artigo 1. A Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia

1. A Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante, Comisión) é un órgano administrativo colexiado de ámbito autonómico, adscrito á consellería competente en materia de sanidade a través da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

2. A Comisión actuará con autonomía funcional e criterio independente no exercicio das súas funcións. No desempeño destas, os seus membros non poderán recibir ordes de ningunha autoridade.

3. A Comisión terá a súa sede no Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, en Santiago de Compostela, que é, pola súa vez, sede da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Réxime xurídico

1. A Comisión rexerase polos preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polo presente regulamento de orde interna.

2. Así mesmo, a Comisión axustará a súa actuación ao resto do ordenamento xurídico, singularmente á Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo, de regulación da eutanasia, e ao Decreto 101/2021, do 8 de xullo, polo que se crea a Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO II

Composición e órganos da Comisión

Artigo 3. Composición e condición de membro

1. A composición da Comisión será a establecida no artigo 6 do Decreto 101/2021, do 8 de xullo.

2. Os membros da Comisión actuarán a título persoal e non en representación de institución, asociación ou organismo público ou privado ningún.

Artigo 4. Presidencia da Comisión

1. A Presidencia da Comisión será designada pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde de entre os doce vogais que integran a Comisión.

2. Son funcións da persoa titular da Presidencia:

a) Desempeñar a representación institucional da Comisión.

b) Dirixir, promover e coordinar a actividade da Comisión.

c) Resolver sobre a abstención prevista no artigo 7, alíneas e) e f), do presente regulamento.

d) Elevar ao Pleno da Comisión a verificación previa a que alude o artigo 10 da Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo, en caso de que non exista acordo ao respecto entre os dous membros previamente designados.

e) Dar traslado ao/á médico/a responsable da resolución definitiva sobre a citada verificación previa.

f) Remitir á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade o informe anual sobre a aplicación da Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo, na Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como fixar a orde do día destas cunha antelación mínima de 7 días á súa realización, tendo en conta as propostas e peticións formuladas polos seus membros coa suficiente antelación.

h) Presidir as sesións da Comisión, moderar o desenvolvemento dos debates, suspendelos por causas xustificadas e dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

i) Aprobar o calendario de reunións.

j) Visar as actas e as certificacións dos acordos adoptados pola Comisión.

k) Solicitar en nome da Comisión a colaboración que considere necesaria a institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións ou particulares, así como invitar a participar no Pleno ou nos grupos de traballo que, se é o caso, se poidan crear, persoas expertas de recoñecida competencia nos asuntos de que se trate.

l) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a da Comisión.

Artigo 5. Secretaría da Comisión

1. A Secretaría da Comisión será exercida por unha persoa que deberá ter a condición de funcionaria de carreira ou ser persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde designada/o pola persoa titular da Presidencia da Comisión.

2. Son funcións da persoa que exerce a Secretaría:

a) Xestionar a caixa de correo electrónico pam@sergas.gal, que se utilizará para as comunicacións entre o/a médico/a responsable e a persoa titular da presidencia da Comisión, segundo o establecido no Protocolo sobre o procedemento para a realización da prestación da axuda para morrer autorizado polo Servizo Galego de Saúde.

b) Asignar o código correspondente ás solicitudes que se reciban.

c) Comunicar ao/á médico/a responsable a clave de encriptado da documentación que se remita.

d) Asistir ás sesións da Comisión con voz e sen voto.

e) Efectuar a convocatoria das sesións por orde da Presidencia, así como as citacións aos seus membros.

f) Recibir os actos de comunicación entre a Comisión e os seus membros, así como recibir e cursar as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deban ter coñecemento.

g) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións da Comisión.

h) Expedir as certificacións das actas, consultas e acordos aprobados.

i) Custodiar e arquivar as actas, resolucións, informes, propostas e documentación da Comisión.

j) Cantas outras funcións sexan inherentes á condición da Secretaría.

3. No caso de ser suplida por un membro da Comisión, este manterá todos os dereitos e deberes inherentes a tal condición. De producirse unha ausencia prolongada, vacante ou enfermidade, as súas funcións serán exercidas por outra persoa designada pola persoa titular da Presidencia.

CAPÍTULO III

Dereitos e deberes dos/das membros da Comisión

Artigo 6. Dereitos dos/das membros

Os/as membros da Comisión terán os seguintes dereitos:

a) Recibir, cunha antelación mínima de cinco días, agás que razóns de urxencia non o permitan, a convocatoria da sesión e a orde do día, quedando ao seu dispor no mesmo prazo a información e documentación correspondente.

b) Participar nos debates das sesións e emitir o seu voto, expresar o sentido deste e os seus motivos, e formular votos particulares.

c) Propoñer liñas de traballo.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

f) Outras funcións inherentes á súa condición e ao seu labor.

Artigo 7. Deberes dos/das membros

Son deberes dos/das membros da Comisión:

a) Asistir ás sesións a que fosen convocados/as e participar nos seus traballos.

b) Axustar a súa conduta ás normas contidas na norma de creación da Comisión e no presente regulamento de orde interna, así como ás directrices e instrucións que, se é o caso, acorde o Pleno da Comisión.

c) Gardar segredo sobre o contido das súas deliberacións e protexer a confidencialidade dos datos persoais que, sobre profesionais sanitarios, pacientes, familiares e persoas achegadas, poidan coñecer na súa condición de membros da comisión.

d) Formular as propostas e emitir os informes necesarios para a resolución de solicitudes ou reclamacións concretas de pacientes que se acollesen aos mecanismos previstos na Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo.

e) Comunicar á persoa titular da Presidencia da Comisión a súa intervención como médico/a responsable, caso en que, e para esa solicitude, se absterá de actuar en calidade de membro da Comisión.

f) Comunicar á persoa titular da Presidencia da Comisión a súa intervención como médico/a consultor/a, caso en que, e para esa solicitude, se absterá de actuar en calidade de membro da Comisión.

Artigo 8. Cesamento dos/das membros da Comisión

1. O incumprimento reiterado dos deberes por parte dos/das membros da Comisión dará lugar ao seu cesamento dos/das mesmos/as, o cal será acordado polo Pleno da Comisión por maioría de dous terzos.

2. Entenderase por incumprimento reiterado dos deberes da condición de membro da Comisión:

a) A falta de concorrencia non xustificada a tres sesións ao ano do Pleno ou, se é o caso, das comisións ou os grupos de traballo de que forme parte.

b) A vulneración reiterada das normas de funcionamento da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para os efectos de xustificar a falta de asistencia, aceptarase a comunicación verbal previa, sempre que sexa confirmada por escrito con posterioridade.

4. Os/as membros da Comisión poderán cesar tamén por petición propia.

CAPÍTULO IV

Funcionamento

Artigo 9. O Pleno

1. A Comisión funcionará en Pleno, coa totalidade dos seus membros, baixo a dirección da persoa titular da Presidencia asistida pola persoa que ocupe a Secretaría. As sesións serán ordinarias ou extraordinarias.

2. O Pleno reunirase en sesión ordinaria para resolver as cuestións relativas ás funcións atribuídas á Comisión na Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo. Se o número de asuntos que se van tratar o permite, procurarase manter reunións cunha periodicidade mensual.

3. As sesións extraordinarias serán convocadas pola persoa que exerza a Presidencia, por iniciativa propia ou por proposta da maioría simple dos membros do pleno.

4. Non poderá ser obxecto de deliberación no Pleno ningún asunto que non fose previamente incluído na orde do día correspondente, agás que, estando presentes todos os membros do Pleno, sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

5. As deliberacións da Comisión serán secretas.

6. As convocatorias serán subscritas pola persoa titular da Presidencia e serán remitidas pola Secretaría aos membros, polo menos, con cinco días de antelación, agás que razóns de urxencia non o permitan. Farase constar nelas a orde do día xunto coa documentación necesaria para a súa deliberación, cando sexa posible, as condicións en que se vai realizar a sesión e, se é o caso, o sistema de conexión e os lugares en que estean dispoñibles os medios técnicos necesarios para asistir e participar na reunión.

7. O Pleno quedará constituído en primeira convocatoria coa presenza da maioría absoluta dos seus membros. De non acadarse este quórum, o Pleno poderá constituírse en segunda convocatoria, media hora máis tarde da primeira, coa asistencia da maioría simple dos seus membros. En calquera dos dous casos é indispensable a presenza das persoas que ocupan a Presidencia e a Secretaría ou, se é o caso, das persoas que as substitúan.

8. As reunións da Comisión realizaranse, sempre que sexa posible, dentro do horario de traballo dos seus membros.

9. O Pleno adoptará os seus acordos buscando o consenso ou, no caso de non ser posible, por maioría simple de votos.

En caso de empate, a persoa titular da Presidencia decidirá co seu voto de calidade. Os acordos adoptados reflectiranse na acta da sesión.

Artigo 10. Actas

1. A persoa que exerza a Secretaría redactará acta de cada sesión que se realice, que será redactada conforme as regras propias da linguaxe administrativa vixentes e sometida a aprobación na mesma ou na sesión seguinte, e na cal se incluirán como mínimo os seguintes datos:

a) Lugar e data da sesión.

b) Hora de comezo e finalización.

c) Relación de asistentes e ausentes.

d) Carácter ordinario ou extraordinario da sesión.

e) Asuntos incluídos na orde do día.

f) Puntos principais que fosen obxecto de deliberación.

g) Acordos.

h) Informes, propostas, recomendacións e estudos sometidos a consideración.

2. Para os efectos de incluír na acta as intervencións que se efectúen na correspondente sesión, a persoa que exerza a Secretaría poderá solicitar aos/ás membros do Pleno que o contido da súa intervención se achegue por escrito á Secretaría, para a súa incorporación literal ao texto da acta, con anterioridade á súa aprobación na sesión correspondente.

3. A persoa que exerza a Secretaría asinará a acta, co visto e prace da persoa titular da Presidencia.

Artigo 11. Uso de medios electrónicos

1. De conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro:

a) A Comisión poderá constituírse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos, respectando os trámites esenciais establecidos nos artigos 17 e 18 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia.

b) As convocatorias poderán efectuarse por medio de correo electrónico sempre que se cumpran os requisitos establecidos no número 2 do citado artigo 21.

c) Os membros da Comisión poderán ser validamente convocados de forma presencial nun mesmo lugar, ou de modo que a sesión se realice en varios lugares simultaneamente sempre que os medios técnicos permitan o normal desenvolvemento da sesión e o respecto dos dereitos das persoas que o conforman.

d) As actas da Comisión aprobaranse ao rematar a sesión ou na seguinte sesión. Non obstante, a persoa que exerza a Secretaría poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptaron, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

Así mesmo, as actas das sesións da Comisión poderán ser aprobadas por vía telemática.

2. As notificacións que deban levarse a cabo no marco da intervención da Comisión poderán facerse por medios electrónicos, de maneira que se acredite a data e a hora en que se produza a posta á disposición das persoas interesadas da notificación realizada, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais.

Artigo 12. Grupos de traballo

1. O Pleno da Comisión poderá crear, con carácter temporal ou permanente, dentro do seu seno, os grupos de traballo que considere oportunos para o estudo de asuntos concretos.

2. No acordo de constitución do grupo de traballo farase constar a súa composición, funcións e finalidade.

3. O traballo destes grupos estará coordinado por unha das persoas que forme parte deles, a cal actuará como responsable deste e actuará como interlocutora do grupo perante a Comisión.

Artigo 13. Persoal asesor

1. A Comisión poderá solicitar, en determinados supostos debidamente xustificados, e a través da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, o asesoramento externo ou informe técnico de persoas expertas nos asuntos que estean a tratar.

2. Estas persoas expertas deberán manter, en todo caso, o debido segredo respecto da información a que teñan acceso, así como a confidencialidade dos datos persoais que poidan coñecer.

CAPÍTULO V

Reforma do Regulamento

Artigo 14. Reforma

1. As propostas de reforma do presente regulamento poderán ser presentadas perante o Pleno por iniciativa propia da Presidencia da Comisión ou por proposta de, polo menos, un terzo dos membros desta.

2. A aprobación das propostas de reforma requirirán do voto favorable da maioría absoluta dos membros da Comisión e deberán ser posteriormente autorizadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.