Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 22 de decembro de 2022 Páx. 65051

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 216/2022, do 1 de decembro, polo que se modifica o Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

No Diario Oficial de Galicia número 20, do 29 de xaneiro de 2018, publicouse o Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (en diante, ACSUG).

A promoción e a garantía da calidade do Sistema universitario de Galicia constitúe a finalidade primordial do consorcio e asume para este efecto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a consecución dos obxectivos a que se refiren o artigo 31.1 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (en diante, LOU), e o artigo 69 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

O ámbito de actuación do consorcio comprende todas as universidades integradas no Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG), así como os centros que impartan en Galicia ensinanzas universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional nos termos previstos na LOU.

A incorporación no Sistema universitario de Galicia dunha nova universidade pola Lei 12/2021, do 15 de xullo, de recoñecemento da universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, como universidade privada do SUG, obriga a modificar o artigo 2 dos estatutos da ACSUG en que se regulan as entidades que integran o consorcio.

Neste sentido, na xuntanza do Consello Reitor da ACSUG do día 22.7.2021 acordouse a admisión da Universidad Intercontinental de la Empresa como novo membro do consorcio e aprobouse a proposta de modificación do artigo 2.1 dos estatutos da ACSUG.

Polo tanto, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades tras o informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día do un de decembro de dous mil vinte dous,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

O número 1 do artigo 2 dos estatutos do consorcio ACSUG, que figuran como anexo do Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, queda redactado como segue:

«Artigo 2. Entidades que integran o consorcio

1. O consorcio está constituído coa participación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a consellería que ten atribuídas as competencias en materia de universidades e a consellería que ten atribuídas as competencias en materia de investigación, desenvolvemento e innovación, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e a Universidad Intercontinental de la Empresa».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades