Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 22 de decembro de 2022 Páx. 65350

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de novembro de 2022, polo que se declara o interese autonómico do proxecto denominado Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, promovido polo Real Club Celta de Vigo, S.A.D.

En cumprimento do disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de novembro de 2022, polo que se declara o interese autonómico do proxecto denominado Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, promovido polo Real Club Celta de Vigo, S.A.D., cuxo texto íntegro se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de novembro de 2022, polo que se declara o interese autonómico do proxecto denominado Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, situado no Concello de Mos, de acordo co previsto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia

I. Antecedentes.

1. O 15 de marzo de 2022 o Real Club Celta de Vigo, S.A.D., presentou, en condición de promotor, a solicitude de declaración de interese autonómico do proxecto Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, ao abeiro da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (en adiante, LOT).

A solicitude xunta unha proposta de actuación que desenvolve o establecido no artigo 41.2 da LOT.

2. Dando cumprimento ao artigo 42.1 da LOT, e por razón da materia, a Secretaría Xeral para o Deporte emite o 1 de xuño de 2022 informe sobre a procedencia da declaración de interese autonómico.

3. En cumprimento do mesmo artigo 42.1, a Secretaría Xeral para o Deporte solicita informe da consellería competente en materia de ordenación do territorio sobre a coherencia da proposta de actuación coas determinacións das directrices de ordenación do territorio e dos restantes instrumentos de ordenación do territorio vixentes que afecten o ámbito do proxecto. Este informe emíteo o 4 de xullo de 2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU), concluíndo a coherencia do proxecto.

4. En cumprimento do trámite de audiencia por prazo de dous meses exixido no artigo 42.2 da LOT, a Secretaría Xeral para o Deporte:

– Remite o 9.8.2022 trámite de audiencia ao Concello de Mos, ao Concello de Vigo, á Deputación Provincial de Pontevedra, á CMVMC de Pereiras e á CMVMC Tameiga.

– Publica o 23.8.2022 no Diario Oficial de Galicia, para coñecemento xeral, o acordo do trámite de audiencia a que se somete o procedemento (DOG núm. 159).

Ata o 24 de outubro de 2022 presentan alegacións as seguintes entidades: Concello de Mos, Concello de Vigo, Deputación Provincial de Pontevedra, CMVMC Tameiga e Dirección Xeral de Estradas, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

5. Visto o alcance das alegacións presentadas, considerouse procedente solicitar informe da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación; da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e da Consellería do Medio Rural, para os efectos de facer unha valoración destas.

6. O 9 de novembro de 2022 a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes formula Memoria-proposta en que se valoran as alegacións presentadas e se propón a declaración de interese autonómico da actuación.

II. Consideracións legais e técnicas.

1. Cuestións de competencia e procedemento.

O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites do procedemento de declaración de interese autonómico, regulado na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

A Secretaría Xeral para o Deporte é competente en atención e no marco exclusivo das atribucións establecidas no Decreto 117/2022, do 23 de xuño, pola que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

2. Cuestións relativas ao procedemento de declaración de interese autonómico e distinción do procedemento de aprobación do proxecto de interese autonómico.

Como se deduce do artigo 40.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, «os proxectos de interese autonómico son os instrumentos de intervención directa na ordenación do territorio da Comunidade Autónoma que teñen por obxecto planificar e proxectar as seguintes actuacións, sempre que transcendan o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, pola súa magnitude ou polas súas singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado». Entre as actuacións que a lei indica están as seguintes: «a) Implantación de dotacións urbanísticas (equipamentos e infraestruturas)» y «c) Creación de solo destinado á realización de actividades económicas».

Como se deduce do precepto, poden existir «Proxectos de interese autonómico non previstos, que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución de actuacións non previstas en ningún plan sectorial». Neste caso, o proxecto deberá axustarse aos criterios e obxectivos xerais que establezan as directrices de ordenación do territorio e deberá ser congruente e axustarse ao contido dos instrumentos de ordenación do territorio vixentes con que poida concorrer polo ámbito territorial ou polo contido do proxecto.

De acordo co artigo 41 da lei, Declaración de interese autonómico:

«1. No caso de proxectos de interese autonómico non previstos, será necesaria, como requisito previo ao inicio do procedemento de aprobación, a declaración de interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto.

2. Para os efectos do sinalado no número anterior, as persoas ou entidades promotoras da actuación solicitaranlle á consellería competente por razón da materia a declaración de interese autonómico, para o que deberán achegar unha proposta de actuación en que se indiquen, cando menos, as seguintes cuestións:

a) Descrición do tipo de actuación que se pretende levar a cabo, de acordo co establecido nos números 1 e 2 do artigo 40.

b) Localización xustificada e ordenación da actuación proposta.

c) Características en que se fundamenta o interese autonómico, xustificando e motivando os seguintes aspectos:

1º. Que as actuacións previstas transcendan o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, pola súa magnitude ou polas súas singulares características, que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado, sen que sexa suficiente xustificación a súa situación en terreos de varios termos municipais.

2º. Que as actuacións previstas posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio, de impulso e de dinamización demográfica, ou que sirvan para desenvolver, implantar ou executar políticas sectoriais previstas na lexislación sectorial, ou que a declaración de interese autonómico é necesaria para garantir a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúen o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes, sen menoscabo da funcionalidade dos existentes, ou a súa adaptación ao contorno en que se localicen.

d) Se é o caso, a inadecuación da actuación ao planeamento urbanístico vixente e a imposibilidade de desenvolver a actuación ao abeiro del por falta de previsión ou incompatibilidade coas súas determinacións.

e) Xustificación da súa adecuación ás directrices de ordenación do territorio e a outros instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito en que se desenvolva o proxecto.

f) Medios económicos que garantan a viabilidade do proxecto.

g) Aspectos ambientais que hai que ter en conta».

Polo tanto, no caso de proxectos de interese autonómico non previstos, é necesaria unha declaración de interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto, que é o procedemento en que actualmente nos encontramos e o obxecto deste acordo.

A lei distingue claramente este procedemento de declaración de interese autonómico do procedemento de aprobación do proxecto de interese autonómico. Así, a lei indica claramente que o trámite de declaración é un «requisito previo» ao «inicio do procedemento de aprobación» do proxecto.

Deste modo, a lei regula de forma independente en preceptos separados o «Procedemento de declaración de interese autonómico» (artigo 42), do «Procedemento de aprobación dos proxectos de interese autonómico» (artigo 47). O artigo 47.2, en particular, volve reiterar que «conforme o disposto nos artigos 41 e 42, no caso de proxectos non previstos será necesaria a declaración previa de interese autonómico».

Debe destacarse esta clara distinción legal dado que, obviamente, é diferente a tramitación e son diferentes os requisitos que deben examinarse en cada procedemento, pois o seu obxecto é diferente.

No caso do procedemento de declaración de interese autonómico, resulta aplicable o establecido no artigo 42 da lei, polo que só será preceptiva a realización dos trámites previstos no precepto.

En particular, para este procedemento non resulta preceptiva a presentación e tramitación dun proxecto, dado que o artigo 41 da lei para a declaración de interese autonómico só exixe unha solicitude, á cal se debe achegar unha proposta de actuación.

O contido da proposta de actuación está regulado no artigo 41.2, e a lei establece as cuestións a que a proposta debe aludir, entre as que se encontran as directamente relacionadas co obxecto do procedemento como «as características en que se fundamenta o interese autonómico».

Porén, resulta evidente que non se pode exixir ás cuestións previstas na proposta o mesmo grao de desenvolvemento que un proxecto.

Neste sentido, cabe distinguir perfectamente, en canto ao seu contido e finalidade, a proposta de actuación prevista neste procedemento do proxecto de interese autonómico, que debe presentarse unha vez declarado o interese autonómico, se é o caso, e no contexto do procedemento dirixido precisamente á súa aprobación. Así, o artigo 44 da lei regula o «contido dos proxectos de interese autonómico».

Por outra banda, como expuxemos, os trámites nun e noutro procedemento son diferentes. Así, para o procedemento de declaración de interese autonómico só debe cumprirse o establecido no artigo 42 da lei. Os únicos informes que aparecen como preceptivos neste procedemento son os da consellería competente por razón da materia, sobre a procedencia da declaración solicitada, e o informe da consellería competente en materia de ordenación do territorio, sobre a coherencia da proposta de actuación coas determinacións das directrices de ordenación do territorio vixentes que afecten o ámbito do proxecto.

Pola contra, unha vez declarado o interese autonómico, se é o caso, e unha vez presentado o proxecto, o procedemento de aprobación deste suxeitarase aos trámites previstos no capítulo III do título I da lei.

As anteriores consideración efectúanse para determinar o obxecto deste procedemento de declaración de interese autonómico e poñer de manifesto que a maior parte das alegacións presentadas polas administracións públicas e pola comunidade de montes alegantes son cuestións que non afectan, en si, a consideración do proxecto como de interese autonómico, e que deberán ser ponderadas, no seu momento, no procedemento de aprobación do proxecto, se finalmente se formula a declaración de interese autonómico e este se presenta e tramita. Será nese momento, cando, xa á vista dun proxecto concreto, formulado con todas as determinacións de detalle e documentación que a lei exixe, e tras a valoración de todos os informes sectoriais e de avaliación ambiental, poderá tomarse unha decisión sobre moitas das cuestións que se abordan con carácter prematuro nas alegacións recibidas.

Para estes efectos, debe destacarse que, como indica o artigo 42.5 da lei, «a declaración de interese autonómico en ningún caso condicionará a resolución que poña fin ao procedemento de aprobación do proxecto».

Polo tanto, a ponderación e respostas das alegacións recibidas e que se recolle na Memoria-proposta que figura no expediente faise para os únicos efectos deste procedemento de declaración, sen prexulgar nin condicionar en ningún caso a resolución do procedemento de aprobación posterior do proxecto.

3. Axuste da proposta de actuación presentada aos requisitos da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.

De acordo co exposto na epígrafe de Antecedentes, considérase que a proposta da actuación presentada indica os aspectos mínimos en canto ao seu contido que se deducen do artigo 41 da lei, e é suficiente o indicado contido para efectos da decisión que debe adoptarse neste procedemento.

Neste sentido, debe destacarse que posteriormente será función do proxecto que se presente no procedemento para a súa aprobación, de acordo co previsto na propia lei, desenvolver, ampliar ou completar os aspectos referidos na proposta.

4. Valoración do interese autonómico.

A Lei 3/2012, de 2 de abril, do deporte de Galicia, recoñece a consideración do deporte como actividade de interese público para a Comunidade Autónoma galega, en atención ás especiais funcións que posúe (artigos 2 e 3). O deporte, establece a norma, desempeña destacadas funcionalidades, en especial nos ámbitos da educación, a formación e a cultura, na mellora da saúde pública, no fomento da cohesión social, no desenvolvemento e no respecto ao ambiente.

Sobre a base destas funcionalidades, o desenvolvemento do sistema deportivo galego transcende da práctica meramente competitiva, aínda que esta continúa a ser un piar esencial do sistema.

As actividades e programas de iniciativa pública e privada ligados ao deporte e relativos a estes distintos ámbitos do sistema desenvólvense en Galicia en consonancia coa realidade do resto de Estado e do conxunto dos países da Unión Europea: programas de promoción da actividade física e deportiva ligadas á saúde, ao benestar e á calidade de vida da poboación, actuacións de formación e dirixidas ao fomento da cohesión social, ou a vertente económica do sector deportivo, teñen tamén a súa plasmación na Comunidade Autónoma.

No que á vertente competitiva se refire, Galicia conta cun importante tecido deportivo de marcado carácter polideportivo: unha ampla rede de clubs nas distintas modalidades e especialidades oficialmente recoñecidas, onde os axentes deportivos, incluídos deportistas, técnicos e adestradores, desenvolven procesos formativos e competitivos desde a base ao alto nivel. Ao mesmo tempo, o sistema deportivo galego acolle tamén, de forma crecente, as demais funcionalidades do sistema: o deporte autonómico é un sector económico con achega propia no desenvolvemento e que contribúe ás oportunidades de emprego con enfoques como son o turismo, a prestación de servizos e a produción de bens ligados á práctica deportiva e de actividade física, as instalacións deportivas, o patrocinio ou a organización de eventos deportivos, entre outros ámbitos.

Segundo se desprende da documentación presentada polo RC Celta, o proxecto Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 constitúese como un complexo de instalacións de preto de 300.000 m2 desde o cal se van abordar e impulsar distintas facetas do sistema deportivo. A teor da memoria elaborada, contará con tres agrupacións de infraestruturas: a Cidade Deportiva Afouteza, o Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte e, por último, a Área de Servizoa-Espazo Arena.

En definitiva, e tanto polo ámbito estritamente deportivo competitivo como pola súa vertente económica e de desenvolvemento (incidencia na economía e no tecido empresarial galego), o RC Celta apunta ao longo do proxecto que a actuación proposta transcende do ámbito municipal. Segundo a documentación presentada, no proxecto concorre a idea do deporte como unha actividade de interese público que coadxuva no crecemento e na cohesión social, na igualdade de xénero, en mellorar o benestar dos cidadáns e no desenvolvemento do conxunto da Comunidade Autónoma, fortalecendo o carácter transversal do feito e o sistema deportivo galego.

Desde a perspectiva da ordenación do territorio, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, considera nos informes emitidos que a proposta da actuación concorda co recollido no artigo 41.2 da LOT, e que a xustificación do interese autonómico se baseda, por unha parte, no labor de fomento do deporte de base e de formación dos deportistas que realiza a Fundación Celta de Vigo, que transcende non só da área metropolitana de Vigo senón da propia Comunidade Autónoma; e, por outra parte, no feito de que a actuación se formula como sede dun nodo de tecnoloxía do deporte do que actualmente carece Galicia.

Considera que o proxecto presentado transcende do ámbito municipal do Concello de Mos xa que se trata dunha referencia para a globalidade da Comunidade Autónoma como centro da industria do deporte en Galicia. Partindo de que o proxecto é un equipamento supramunicipal de rango autonómico, o informe analiza o número 5 das Directrices de ordenación e territorio, e conclúe que, tanto a directriz 5.1, referida a que os equipamentos deportivos se planifiquen de acordo co sistema xerarquizado de asentamentos, como a directriz 5.2, referida aos criterios para a súa implantación, se cumpren. No mesmo sentido se pronuncia en relación coa directriz 5.3 sobre a selección da localización concreta deste tipo de equipamentos.

Polo demais, e como se analizou xa, a proposta de actuación xustifica a localización pretendida e as características en que se fundamenta o interese autonómico, pola transcendencia do ámbito municipal pola incidencia territorial, a magnitude e as singulares características da actuación prevista, que a fan portadora dun interese supramunicipal cualificado.

Neste sentido, a proposta xustifica a «transcendencia da actuación proposta do ámbito municipal pola súa incidencia na economía e no tecido empresarial galego». O proxecto Galicia Sports 360 pretende converterse nun complexo indispensable e necesario para fortalecer a industria do deporte en Galicia e promover o seu desenvolvemento, e pretende así dotar Galicia dun centro dinamizador e modernizador do seu tecido empresarial que sexa un referente non só na Comunidade Autónoma ou no noroeste peninsular, senón no ámbito nacional e internacional, e un investimento estratéxico para o seu futuro. A descrición que se fai das actuacións concretamente previstas, a contratación de persoal, a realización de eventos deportivos e de lecer, a incidencia turística, a oferta de lecer e deporte etc. confirma estas ideas. Preténdese, así, a creación dunha sede dun nodo de tecnoloxía do deporte a semellanza doutros xa implantados en Europa, do que actualmente carece Galicia.

Visto o alcance e singularidades do proxecto, a declaración de interese autonómico resultaría necesaria, como prevé a lei, «para garantir a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúen o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes, sen menoscabo da funcionalidade dos existentes ou a súa adaptación ao contorno en que se localicen» (artigo 41.2.c.2ª).

Así mesmo, debe destacarse a valoración recollida no informe da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, citado na epígrafe Antecedentes, que expresa:

«Como refire o informe sobre a procedencia da declaración de interese autonómico da Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, emitido pola Secretaría Xeral para o Deporte, o deporte autonómico é un sector económico con achega propia no desenvolvemento e que contribúe ás oportunidades de emprego con enfoques como son o turismo, a prestación de servizos e a produción de bens ligados á práctica deportiva e da actividade física, as instalacións deportivas, o patrocinio ou a organización de eventos deportivos, entre outros ámbitos. Neste sentido, o investimento proxectado suporá un impacto relevante nas empresas do territorio, coa participación destas no proceso construtivo e nas fases de explotación e mantemento.

(...) O Real Club Celta de Vigo é unha das máis relevantes institucións deportivas de Galicia e unha referencia do fútbol español, e como reflicte na memoria presentada, froito da súa experiencia co Laboratorio de innovación na industria do Deporte e da Tecnoloxía, Celta LAB, formula un complexo para fortalecer a industria do deporte en Galicia promovendo o seu desenvolvemento arredor do Centro Integral para a captación da industria do deporte que suporá un ecosistema colaborativo de impulso do coñecemento, formación, innovación e novas tecnoloxías, incluído o deporte electrónico, o que suporá unha contribución á modernización do tecido empresarial, aliñado cos obxectivos da Axenda 4.0 de Galicia, e contribuirá á retención de talento e á mellora da imaxe internacional de Galicia.

(...) O proxecto prevé a contratación de persoal de alta capacitación con 90 empregos iniciais e previsión de ampliación ata 242 empregos, aos cales se sumarán os creados na fase construtiva de cinco anos, que alcanzará os 3.471 empregos directos, estimando creación de emprego indirecto nas empresas da contorna.

No ámbito turístico, o proxecto converterá a Galicia nun referente no eido do turismo deportivo, un subsector que, segundo o indicador da Conta satélite de turismo do INE, reflicte importancia do sector deportivo como motor de sectores de gran significación económica para a Comunidade Autónoma como é o turístico. A creación da infraestrutura hoteleira e de servizos gastronómicos, complementada co Espazo Arena para servizos de lecer e eventos, incrementará o valor engadido do proxecto e xerará maior actividade turística, con incrementos de ocupación media nos establecementos da contorna, e impulsará tamén o turismo internacional e a desestacionalización.

O Deporte é un sector económico chave no cal se enmarca este proxecto, aliñado tamén coa Ris3 de Galicia e co Compoñente 26 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, destinado ao fomento do sector deportivo».

O informe conclúe:

«Polo exposto, e segundo a documentación achegada, conclúese que o Proxecto de Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 ten impacto relevante e incidencia territorial económica e social en Galicia.

Por último, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, expresou no seu informe que, tendo en conta o alcance do proxecto, o tipo de instalacións que se prevé implantar (nomeadamente, un edificio para eventos deportivos con capacidade para ata 10.000 espectadores, o Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte...) resulta evidente que o obxectivo do complexo é atraer a persoas usuarias dun amplo ámbito territorial, que claramente excederá o do termo municipal de Mos (e, incluso, do termo municipal de Vigo).

De acordo con todo o que antecede, proponse que o Consello da Xunta de Galicia adopte o seguinte

ACORDO:

1. Declarar de interese autonómico o proxecto Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, por considerar que transcende o ámbito municipal, pola súa incidencia territorial, pola súa magnitude e singulares características que o fan portador dun interese supramunicipal cualificado.

As actuacións previstas no proxecto contribúen ao desenvolvemento das políticas autonómicas sectoriais de promoción e fomento do deporte e a declaración de interese autonómico é necesaria para garantir a adecuada inserción no territorio das actuacións que constitúen o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes, sen menoscabo da funcionalidade dos existentes e a súa adaptación á contorna en que se localicen.

2. O órgano competente por razón da materia para a tramitación do expediente é a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e esta consellería debe cumprir co procedemento legal establecido.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 36/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.