Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 19 de decembro de 2022 Páx. 64495

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se denegan as autorizacións administrativas previa e de construción, se arquiva o expediente instruído e se devolve a garantía económica depositada para a tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede do parque eólico Albariño I, situado nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño (Pontevedra), promovido por Ceólica Hispania, S.L.U. (expediente IN661A 2007/1-4).

Tras ser examinado o expediente iniciado por solicitude de Eurovento, S.L.U. e promovido na actualidade por Ceólica Hispania, S.L.U. (en diante, a promotora) en relación coa autorización administrativa previa e de construción do parque eólico Albariño I, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 29 de xaneiro de 2007, pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006 (DOG nº 26, do 6 de febreiro), admitiuse a trámite o parque eólico Albariño I (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 48 MW e promovido por Eurovento, S.L.

Segundo. Con data 5 do de marzo de 2007, Eurovento, S.L.U. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a acollida no réxime especial de produción de enerxía eléctrica para o parque eólico Albariño I, para unha potencia de 48 MW.

Terceiro. Mediante o Acordo do 31 de maio de 2007, da Delegación Provincial de Pontevedra, someteuse a información pública para autorización, declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, aprobación do proxecto de execución, proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da instalación eléctrica, estudo ambiental, e da solicitude de acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica das instalacións referidas ao parque eólico Albariño I, nos concellos de Baiona, Gondomar, Oia e Tomiño, provincia de Pontevedra (DOG nº 148, do 1 de agosto).

Cuarto. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se publica a relación de solicitude de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, autorizouse a renuncia á tramitación de 22,7 MW dos inicialmente previstos no parque eólico Albariño I, polo que o proxecto queda configurado cunha potencia 25,3 MW.

Quinto. Mediante a Resolución do 16 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, deuse publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 16 de decembro de 2011, relativa ao proxecto do parque eólico Albariño I, nos concellos de Baiona, Oia, Tomiño e Gondomar (Pontevedra), promovido por Eurovento, S.L.U. (DOG nº 59, do 26 de marzo).

Sexto. Con data do 27 de novembro de 2013, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou a subrogación de Ceólica Hispania, S.L.U. na posición xurídica de Eurovento, S.L.U. no expediente do parque eólico Albariño I.

Sétimo. Con data do 13 de decembro de 2019, Ceólica Hispania, S.L.U. solicitou unha modificación substancial para o proxecto do parque eólico Albariño I, o cal foi admitido a trámite o 25 de xuño de 2020.

A modificación supón, en esencia, a redución de 11 a 6 no número de aeroxeradores proxectados. Estes son de maior potencia unitaria e dun modelo máis actualizado, do que resulta unha potencia total do proxecto de 25,28 MW.

Oitavo. Con data do 14 de decembro de 2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal indica o procedemento ambiental que se deberá seguir e os organismos que se deberán consultar durante a fase de información pública.

Noveno. Con data do 1 de febreiro de 2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e onde se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Décimo. O 18 de marzo de 2021 remitiuse o expediente á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra para os efectos de continuar coa tramitación do proxecto do parque eólico Albariño I.

Décimo primeiro. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 29 de xullo de 2021 acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o proxecto do parque eólico Albariño I. Así mesmo, con data do 17 de setembro de 2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia deste proxecto de acordo co establecido no artigo 44.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Décimo segundo. Mediante a Resolución do 22 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudio de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e a declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Albariño I, situado nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño, provincia de Pontevedra.

O 28 de setembro de 2021 faise unha corrección de erros e publícase a dita resolución refundida no Diario Faro de Vigo, o 27 de outubro de 2021, e no Diario Oficial de Galicia número 207, tamén o día 27 de outubro de 2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados de Tomiño, Baiona e Oia, e na Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o período de información pública presentáronse alegacións, as cales foron remitidas, e respondeunas a empresa promotora.

Décimo terceiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 147 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a delegación provincial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos: Retevisión I, S.A.U.; UFD Distribución Electricidad, S.A.; Deputación Provincial de Pontevedra; Augas de Galicia; Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Así mesmo, tamén foron enviadas aos concellos de Baiona, Oia e Tomiño.

Décimo cuarto. O 17 de decembro de 2021, a Xefatura Territorial emitiu o informe técnico sobre as instalacións electromecánicas recollidas no proxecto de execución do parque eólico e remitiu o expediente do dito parque á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo quinto. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e Concello de Tomiño.

Décimo sexto. O 7 de setembro de 2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Albariño I, que a fixo pública mediante o Anuncio do 8 de setembro de 2022 (DOG nº 181, do 22 de setembro).

Décimo sétimo. O 22 de setembro de 2022, Ceólica Hispania, S.L. solicitou a devolución da garantía económica depositada para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Albariño I, depositada o 4 de maio de 2018 ante a Caixa Xeral de Depósitos de Galicia, por importe de 253.000 € e con número de rexistro 2018/434.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. No epígrafe 3 da declaración de impacto ambiental, emitida o 7 de setembro de 2022 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e recollida no antecedente de feito décimo sexto desta resolución, formúlase a proposta de resolución, que literalmente di:

«Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental e á vista do que se desprende dos informes do Instituto de Estudos do Territorio e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en canto aos efectos significativos do proxecto sobre a paisaxe e a súa insuficiente integración cos distintos elementos do patrimonio natural e a biodiversidade, considérase que a actuación proxectada non é ambientalmente viable, polo que se propón formular unha declaración de impacto ambiental desfavorable para o proxecto».

De acordo co artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental terá a natureza de informe preceptivo e determinante, que concluirá sobre os efectos significativos do proxecto no ambiente.

Así mesmo, o artigo 33.17 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, indica que:

«A valoración positiva ambiental exixible ao proxecto, de acordo co resultado da avaliación realizada de conformidade co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, así como o informe de cumprimento de distancias indicado no punto 7 deste artigo, serán requisitos indispensables para o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción».

Cuarto. De acordo co artigo 1.2 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica:

«A non acreditación ante o xestor da rede do cumprimento dos devanditos fitos administrativos en tempo e forma supoñerá a caducidade automática dos permisos de acceso e, de ser o caso, de acceso e conexión concedidos e a execución inmediata por parte do órgano competente para a emisión das autorizacións administrativas das garantías económicas presentadas para tramitar a solicitude de acceso ás redes de transporte e distribución.

Con todo, se por causas non imputables ao promotor, non se producise unha declaración de impacto ambiental favorable, non se realizará a execución das devanditas garantías».

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Denegar a autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Albariño I, situado nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño (Pontevedra), promovido pola sociedade Ceólica Hispania, S.L.U. tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 7 de setembro de 2022, de acordo co proxecto de execución do Proxecto parque eólico Albariño I, novembro de 2019, Baiona, Oia e Tomiño (Pontevedra), asinado por Borja de Carlos Gandasegui e visado o 28 de novembro de 2019 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Navarra.

Segundo. Arquivar o expediente do parque eólico Albariño I (expediente IN661A 2007/1-4).

Terceiro. Devolver a garantía económica depositada por Ceólica Hispania, S.L. o 4 de maio de 2018 na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia, co número de rexistro 2018/434 e importe de 253.000 euros, para responder das súas obrigas en relación coa tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Albariño I.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais