Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 19 de decembro de 2022 Páx. 64501

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do contido da Resolución do 11 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se denegan as autorizacións administrativas previa e de construción, se arquiva o expediente instruído e se devolve a garantía económica depositada para a tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede do parque eólico Albariño I, situado nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño (Pontevedra), promovido por Ceólica Hispania, S.L.U. (expediente IN661A 2007/1-4).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais pola que se denegan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Albariño I.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Denegar a autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Albariño I, situado nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño (Pontevedra), promovido pola sociedade Ceólica Hispania, S.L.U.

Arquivar o expediente do parque eólico Albariño I (expediente IN661A 2007/1-4).

Devolver a garantía económica depositada por Ceólica Hispania, S.L. para responder das súas obrigas en relación coa tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede do parque eólico Albariño I.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 29 de xaneiro de 2007, pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006 (DOG nº 26, do 6 de febreiro), admitiuse a trámite o parque eólico Albariño I (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 48 MW e promovido por Eurovento, S.L.

2. Con data do 5 de marzo de 2007, Eurovento, S.L.U. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a acollida no réxime especial de produción de enerxía eléctrica para o parque eólico Albariño I, para unha potencia de 48 MW.

3. Mediante o Acordo do 31 de maio de 2007, da Delegación Provincial de Pontevedra, someteuse a información pública para autorización, declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, aprobación do proxecto de execución, proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da instalación eléctrica, estudo ambiental, e da solicitude de acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, das instalacións referidas ao parque eólico Albariño I, nos concellos de Baiona, Gondomar, Oia e Tomiño, provincia de Pontevedra (DOG nº 148, do 1 de agosto).

4. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se publica a relación de solicitude de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, autorizouse a renuncia á tramitación de 22,7 MW dos inicialmente previstos no parque eólico Albariño I, polo que quedou o proxecto configurado cunha potencia 25,3 MW.

5. Mediante a Resolución do 16 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, deuse publicidade da declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 16 de decembro de 2011, relativa ao proxecto do parque eólico Albariño I, nos concellos de Baiona, Oia, Tomiño e Gondomar (Pontevedra), promovido por Eurovento, S.L.U. (DOG nº 59, do 26 de marzo).

6. Con data do 27 de novembro de 2013, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou a subrogación de Ceólica Hispania, S.L.U. na posición xurídica de Eurovento, S.L.U. no expediente do parque eólico Albariño I.

7. Con data do 13 de decembro de 2019, Ceólica Hispania, S.L.U. solicitou unha modificación substancial para o proxecto do parque eólico Albariño I, o cal foi admitido a trámite o 25 de xuño de 2020.

A modificación supón, en esencia, a redución de 11 a 6 no número de aeroxeradores. Estes son de maior potencia unitaria e dun modelo máis actualizado, do que resulta unha potencia total do proxecto de 25,28 MW.

8. Con data 14 de decembro de 2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal indica o procedemento ambiental que se deberá seguir e os organismos que haberá que consultar durante a fase de información pública.

9. Con data do 1 de febreiro de 2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e recóllense os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

10. O 18 de marzo de 2021 remitiuse o expediente á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra para os efectos de continuar coa tramitación do proxecto do parque eólico Albariño I.

11. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 29 de xullo de 2021, acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o proxecto do parque eólico Albariño I. Así mesmo, con data 17 de setembro de 2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia deste proxecto de acordo co establecido no artigo 44.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

12. Mediante a Resolución do 22 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudio de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e a declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Albariño I, situado nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño, provincia de Pontevedra.

O 28 de setembro de 2021 faise unha corrección de erros e publícase a dita resolución refundida no diario Faro de Vigo, o 27 de outubro de 2021, e no Diario Oficial de Galicia número 207, tamén o día 27 de outubro de 2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados de Tomiño, Baiona e Oia, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o período de información pública presentáronse alegacións, as cales foron remitidas, e respondeunas a empresa promotora.

13. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 147 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a delegación provincial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos: Retevisión I, S.A.U.; UFD Distribución Electricidad, S.A.; Deputación Provincial de Pontevedra; Augas de Galicia; Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Así mesmo, tamén foron enviadas aos concellos de Baiona, Oia e Tomiño.

14. O 17 de decembro de 2021, a Xefatura Territorial emitiu o informe técnico sobre as instalacións electromecánicas recollidas no proxecto de execución do parque eólico e remitiu o expediente do dito parque á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, para continuar coa tramitación do procedemento.

15. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e Concello de Tomiño.

16. O 7 de setembro de 2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Albariño I, que a fixo pública mediante o Anuncio do 8 de setembro de 2022 (DOG nº 181, do 22 de setembro).

17. O 22 de setembro de 2022, Ceólica Hispania, S.L. solicitou a devolución da garantía económica depositada para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Albariño I, depositada o 4 de maio de 2018 ante a Caixa Xeral de Depósitos de Galicia, por importe de 253.000 € e con número de rexistro 2018/434.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais