Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 14 de decembro de 2022 Páx. 63408

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 14 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Uxo, sito no concello de Avión (Ourense) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2018/005).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 14 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Uxo.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Uxo, sito no concello de Avión (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., cunha potencia de 21 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 158.556 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Ourense inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Naturgy Renovables, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático con data 3.5.2022 e recollida no antecedente de feito décimo sétimo, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. Con data do 19.1.2018, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Uxo, sito no concello de Avión (Ourense).

2. Con data do 5.4.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (en diante, Lei 8/2009). O 4.6.2018, achegaron o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

3. Con data do 4.11.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tomou razón da subrogación de dereitos e obrigas do expediente administrativo a favor de Naturgy Renovables, S.L.U.

4. Con data do 9.12.2019, o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico. A modificación solicitada consistía, de forma xeral, no desprazamento das posicións dos aeroxeradores e da subestación. Con data do 3.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

5. Con data do 30.3.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que se indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que se deben consultar durante a fase de información pública.

6. Con data do 25.5.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 onde se indica que o proxecto modificado do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

7. Con data do 4.9.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Uxo á Xefatura Territorial de Ourense para a continuación da tramitación.

8. Mediante a Resolución do 22 de setembro de 2020, da Xefatura Territorial de Ourense, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, e de aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Uxo, situado no concello de Avión, provincia de Ourense (expediente IN408A 2018/05).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26.10.2020 e nos xornais La Voz de Galicia do 30.10.2020 e La Región do 3.11.2020. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Avión), así como nas dependencias da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense e da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo 1 desta proposta:

– Afección aos recursos hídricos e aos hábitats naturais: o proxecto supón a eliminación tanto de hábitats prioritarios como de interese comunitario.

– Afección severa á avifauna e á paisaxe: o parque eólico proxectado é incompatible coa conservación e a protección destas especies vulnerables.

– Afección severa ao patrimonio cultural e arqueolóxico.

– Fragmentación, para os efectos da avaliación ambiental, das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais. Efectos acumulativos sen avaliar.

– Afección aos núcleos habitados e ás familias: o proxecto eólico está moi preto dos núcleos habitados: A Hedreira Nova, A Hedreira Vella, Vilariño, Espiñeiro, Couso, Mouriscados e Abelenda.

– O proxecto non implica ningún retorno social pero si ten un elevado custo ambiental e paisaxístico, traducido na perda severa de biodiversidade e de calidade de vida e benestar das comunidades locais.

– Transformación urbanística non amparada legalmente.

– Dereito a participar na toma de decisións con respecto á localización e implantación dos parques eólicos en Galicia.

– Esforzo de mostraxe realizado con detectores de ultrasóns de man é insuficiente de acordo coas directrices de Eurobats.

– Que se teña a Comunidade de montes veciñais en man común de Couso, A Hedreira, Taboazas e Vilariño como parte interesada no procedemento.

– Que se teña en conta que o Plan sectorial eólico de Galicia é un regulamento que non está adaptado a actual normativa de avaliación de impacto ambiental e que está desfasado, caduco e obsoleto, e carece de avaliación ambiental.

– Rexeitamento do proxecto eólico Uxo, en canto non se actualice e revise o Plan sectorial eólico de Galicia e pola súa incompatibilidade cos valores paisaxísticos, ambientais e os usos actuais dos solos.

9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Concello de Avión, Deputación Provincial de Ourense, Enagás e Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

10. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Avión.

Cumprida a tramitación ambiental, o 3.5.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 3 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 97, do 20 de maio).

11. O 21.7.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico.

12. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 21 MW, segundo os informes do xestor da rede do 2.7.2019 e do 22.5.2020.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais