Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 14 de decembro de 2022 Páx. 63392

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Uxo, sito no concello de Avión (Ourense) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2018/005).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Naturgy Renovables, S.L.U. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Uxo, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 19.1.2018, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Uxo, sito no concello de Avión (Ourense).

Segundo. Con data do 5.4.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (en diante, Lei 8/2009). O 4.6.2018, achegaron o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

Terceiro. Con data do 4.11.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tomou razón da subrogación de dereitos e obrigas do expediente administrativo a favor de Naturgy Renovables, S.L.U.

Cuarto. Con data do 9.12.2019, o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico. A modificación solicitada consistía, de forma xeral, no desprazamento das posicións dos aeroxeradores e da subestación. Con data do 3.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Quinto. Con data do 30.3.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que se indica o procedemento ambiental que se debe seguir e os organismos que se deben consultar durante a fase de información pública.

Sexto. Con data do 25.5.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que o proxecto modificado do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Sétimo. Con data do 4.9.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Uxo á Xefatura Territorial de Ourense para a continuación da tramitación.

Oitavo. Mediante a Resolución do 22 de setembro de 2020, da Xefatura Territorial de Ourense, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, e de aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Uxo, situado no concello de Avión, provincia de Ourense (expediente IN408A 2018/05).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26.10.2020 e nos xornais La Voz de Galicia do 30.10.2020 e La Región do 3.11.2020. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Avión), así como nas dependencias da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense e da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo 1 desta proposta:

– Afección aos recursos hídricos e aos hábitats naturais: o proxecto supón a eliminación tanto de hábitats prioritarios como de interese comunitario.

– Afección severa á avifauna e á paisaxe: o parque eólico proxectado é incompatible coa conservación e a protección destas especies vulnerables.

– Afección severa ao patrimonio cultural e arqueolóxico.

– Fragmentación, para os efectos da avaliación ambiental, das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais. Efectos acumulativos sen avaliar.

– Afección aos núcleos habitados e ás familias: o proxecto eólico está moi preto dos núcleos habitados: A Hedreira Nova, A Hedreira Vella, Vilariño, Espiñeiro, Couso, Mouriscados e Abelenda.

– O proxecto non implica ningún retorno social pero si ten un elevado custo ambiental e paisaxístico, traducido na perda severa de biodiversidade e de calidade de vida e benestar das comunidades locais.

– Transformación urbanística non amparada legalmente.

– Dereito a participar na toma de decisións con respecto á localización e implantación dos parques eólicos en Galicia.

– O esforzo de mostraxe realizado con detectores de ultrasóns de man é insuficiente de acordo coas directrices de Eurobats.

– Que se teña a Comunidade de montes veciñais en man común de Couso, A Hedreira, Taboazas e Vilariño como parte interesada no procedemento.

– Que se teña en conta que o Plan sectorial eólico de Galicia é un regulamento que non está adaptado á actual normativa de avaliación de impacto ambiental e que está desfasado, caduco e obsoleto, e carece de avaliación ambiental.

– O rexeitamento do proxecto eólico Uxo, en canto non se actualice e revise o Plan sectorial eólico de Galicia e pola súa incompatibilidade cos valores paisaxísticos, ambientais e os usos actuais dos solos.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Concello de Avión, Deputación Provincial de Ourense, Enagás e Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Décimo. Con datas do 15.9.2020 e 14.10.2020, o Concello de Avión emitiu informe establecendo o correspondente condicionado para o parque eólico Uxo. Con datas do 29.9.2020 e 27.10.2020, a promotora contesta aos ditos informes emitindo á súa conformidade.

Décimo primeiro. Con data do 14.10.2020, Naturgy Renovables, S.L.U. achegou ante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense a autorización do 3.4.2020, da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, para a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Décimo segundo. Con data do 5.11.2020, Retegal achegou o correspondente condicionado, establecendo que, unha vez construído o parque eólico, a promotora se comprometerá a realizar unha campaña de medidas de cobertura nas localidades do contorno, coa finalidade de comprobar que non se produciu perda ou degradación desta. Neste suposto, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais TDT. Con data do 26.11.2020, a promotora remitiu a súa conformidade.

Décimo terceiro. Con data do 9.11.2020, a Deputación Provincial de Ourense emitiu o condicionado técnico relativo á instalación do parque eólico Uxo. Con data do 19.11.2020, o promotor presentou a súa conformidade.

Décimo cuarto. Con data do 17.11.2020, Retevisión I, S.A.U. achegou o condicionado técnico, en que comunica que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto, sempre e cando a promotora se comprometa a solucionar as posibles deficiencias que na recepción do sinal de televisión se poidan producir unha vez construído o parque eólico. Con data do 26.1.2021, a promotora presentou a súa conformidade.

Décimo quinto. Con data do 30.3.2021, a xefatura territorial emitiu informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo sexto. Con data do 12.4.2021, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo sétimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Avión.

Cumprida a tramitación ambiental, o 3.5.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 3 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 97, do 20 de maio).

Décimo oitavo. O 9.6.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo noveno. O 1.7.2022, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida mencionada no antecedente de feito décimo oitavo.

Vixésimo. O 21.7.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 21 MW, segundo os informes do xestor da rede do 2.7.2019 e do 22.5.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro) e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito oitavo, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta a todas as alegacións de carácter ambiental e afeccións ao patrimonio cultural, natural e paisaxístico, cómpre indicar que se tiveron en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 3.5.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

2. Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Uxo (IN408A/2018/005) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do parque eólico obxecto da presente resolución inclúe un estudo dos efectos sinérxicos con parques eólicos situadas na súa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cosa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, xa que reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Uxo comparte infraestruturas de evacuación co parque eólico Monte Peón, o que non impide que os dous teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

3. Respecto ás alegacións relativas á necesidade de promover a participación dos administrados con respecto ás afeccións, cabe remitirse ao indicado no antecedente de feito oitavo, momento en que se somete a información pública o proxecto de execución e o estudo de impacto ambiental do parque eólico, e se recollen as diferentes publicacións da Resolución do 22 de setembro de 2020 (Diario Oficial de Galicia do 26.10.2020 e nos xornais La Voz de Galicia do 30.10.2020 e La Región do 3.11.2020).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas no Concello de Avión e na xefatura territorial.

4. As alegacións de carácter urbanístico, relativas á cualificación do solo correspondente aos terreos afectados, serán consideradas no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto de interese autonómico. No que respecta ás distancias aos núcleos de poboación, cómpre manifestar que o proxecto que se aproba mediante esta resolución conta co informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle no antecedente de feito sexto e onde se acredita que todos os núcleos poboacionais se encontran a unha distancia superior aos 500 m da instalación.

5. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

6. Respecto á solicitude da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Couso, A Hedreira, Taboazas e Vilariño como parte interesada no procedemento, terase en conta como parte interesada no trámite de audiencia na posterior fase de declaración de utilidade pública do parque eólico.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Uxo, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 3.5.2020, e recollida no antecedente de feito décimo sétimo desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Uxo, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Uxo.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Uxo, sito no concello de Avión (Ourense) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., cunha potencia de 21 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Uxo, composto polo documento: Proxecto de execución parque eólico Uxo, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1102 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e visado o 29.6.2022 co nº 20221911.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Naturgy Renovables, S.L.U.

Domicilio social: avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: parque eólico Uxo.

Potencia instalada: 21 MW.

Potencia autorizada: 21 MW.

Potencia evacuable: 21 MW.

Produción neta: 61.985 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.952 h.

Concello afectado: Avión (Ourense).

Orzamento de execución por contrata: 25.023.622,81 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscribe as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

556.500

4.696.650

B

558.000

4.696.650

C

558.000

4.695.460

D

559.020

4.695.460

E

559.020

4.694.000

F

556.500

4.694.000

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A01

557.961

4.694.555

A02

557.631

4.694.761

A03

557.495

4.695.153

A04

557.359

4.695.545

A05

557.097

4.695.866

A06

557.060

4.696.279

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

557.412

4.694.740

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET

557.296

4.694.599

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 6 aeroxeradores modelo Enercon-138 EP3, ou similar, coas seguintes alturas de buxa: A02, 138 m; A03, 147 m; A05, 148 m; e 154 m para os aeroxeradores A01, A04 e A06.

Todos teñen un diámetro de rotor de 138 m e unha potencia máxima activa de xeración eléctrica de 3.500 kW, cos seus correspondentes centros de transformación, situados na propia góndola dos aeroxeradores, con potencia unitaria de 3.750 kVA e relación de transformación de 0,69/30 kV.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación receptora do parque (SET), composta por dous circuítos con condutores tipo RHZ1 2OL(S) Al 18/30 kV Al+H16 de sección variable segundo o tramo, o circuíto 1 para a interconexión dos aeroxeradores A01, A02 e A03, e o circuíto 2 para os A04, A05 e A06.

– 1 torre meteorolóxica de 154 metros de altura, equipada con cataventos, anemómetros, medidores de temperatura e pluviómetro.

– Subestación 30/132 kV, con parque ao nivel de 132 kV en intemperie con aparellaxe convencional e os seguintes elementos: un transformador de potencia de 25 MVA ONAN e relación de transformación 132/30 kV, con regulación en carga 132±10×1,5 % kV; 2 posicións de liña e 1 unha de trafo, cos equipamentos necesarios de protección e medida. En 30 kV: unha reactancia de posta á terra, con limitación de corrente a 500 A, 30 s; unha posición de transformador e medida de tensión de barras de 30 kV, con trafo de SSAA 30/0,42-0,242 kV de 50 kVA de potencia aparente; e dúas posicións de liña, para a conexión dos aeroxeradores; ademais dunha posición de batería de condensadores. Equipamento complementario para as funcións de control, mando e protección da SET.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 158.556 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Ourense inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Naturgy Renovables, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático con data 3.5.2022 e recollida no antecedente de feito décimo sétimo, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Alegacións presentadas durante a tramitación do expediente

Asociación Española para la Conservación y el Estudio de los Murciélagos (Secemu) o 2.12.2020; Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo o 11.12.2020 e o 2.8.2022; María do Pilar Barros Barco o 16.12.2020; Comunidade de montes veciñais en man común de Couso, A Hedreira, Taboazas e Vilariño o 3.3.2021; Ricardo Graña Montes o 24.5.2022; Almudena Valiñas Conchouso, en nome e representación da Asociación de Veciños de Amiudal, Surribas e Barro, o 29.6.2022; Pedro Rodríguez López o 2.8.2022; Eva Seoane Martín o 4.8.2022; Francisco Javier Garaboa Bonillo o 12.8.2022; David Chas Barbeito o 12.8.2022; Óscar Manuel Castiñeiras García o 12.8.2022; Clara María González Domínguez o 17.8.2022; Sergio Álvarez Alonso o 21.8.2022; María Campos Arca o 25.8.2022; Verónica Crecente Cabana o 2.9.2022; Víctor Manuel Gil Ramos o 2.9.2022; María Durán Beloso, en nome e representación da Asociación Amigos da Terra o 5.9.2022; María Durán Beloso o 5.9.2022.