Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Luns, 12 de decembro de 2022 Páx. 62829

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 2 de decembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento BS508E).

No Diario Oficial de Galicia número 184, do 27 de setembro de 2022, publicouse a Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento BS508E).

O obxecto da convocatoria é o financiamento da elaboración e execución dos proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional que conteñan actividades baseadas no recoñecemento da experiencia das persoas maiores que poidan servir como catalizador para fomentar as iniciativas das persoas máis novas, naqueles sectores e actividades que presenten maiores dificultades de remuda xeracional e que estean comprendidos nas liñas especificadas establecidas na dita orde, que permitan achegar novas oportunidades de emprego e asentamento poboacional ao territorio e que garantan, en todo caso, a consecución dos obxectivos marcados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia dentro das políticas panca da nova economía dos coidados e políticas de emprego e, de xeito transversal, da axenda urbana e rural, da loita contra o despoboamento e desenvolvemento da agricultura para os anos 2022 e 2023. A execución dos proxectos terá como data límite o 20 de outubro de 2023.

No artigo 23, no seu primeiro número, establécese que «1. Unha vez notificada a resolución de concesión da axuda, e ata as datas límite que se establecen para a presentación da xustificación correspondente a cada anualidade, as entidades beneficiarias xutificarán ante a dirección xeral competente en materia de xuventude e voluntariado a totalidade do proxecto avaliado pola Comisión de acordo coa súa planificación plurianual e o indicado nesta orde.

Neste sentido, as actividades que se desenvolvan no ano 2022 xustificaranse non máis tarde do 16 de decembro de 2022 e as programadas para o exercicio 2023 xustificaranse dentro deste exercicio e non máis tarde do 1 de novembro de 2023».

A data de publicación da convocatoria determina que a fase de instrución e a resolución do procedemento finalizará máis alá das datas inicialmente previstas, polo que, co fin de garantir a maior eficacia posible no desenvolvemento dos proxectos de intervención subvencionados, se considera recomendable modificar o prazo de finalización da xustificación da anualidade de 2022, inicialmente prevista.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

En consecuencia, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento BS508E)

O primeiro número do artigo 23, referido á xustificación das subvencións da Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento BS508E), queda redactado como segue:

«1. Unha vez notificada a resolución de concesión da axuda, e ata as datas límite que se establecen para a presentación da xustificación correspondente a cada anualidade, as entidades beneficiarias presentarán a xustificación ante a dirección xeral competente en materia de xuventude e voluntariado referida á totalidade do proxecto avaliado pola comisión de acordo coa súa planificación plurianual e co indicado nesta orde.

Neste sentido, as actividades que se desenvolvan no ano 2022 xustificaranse non máis tarde do 30 de decembro de 2022 e as programadas para o exercicio 2023 xustificaranse dentro deste exercicio e non máis tarde do 1 de novembro de 2023».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude