Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Mércores, 30 de novembro de 2022 Páx. 61703

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Rianxo (expediente IN407A 2022/102-1).

Expediente: IN407A 2022/102-1.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS, CTI e RBT Abuín.

Situación: concello de Rianxo.

Feitos:

Primeiro. O 26 de marzo de 2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a esta xefatura territorial o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións do proxecto de execución denominado LMTS, CTI e RBT Abuín, coa finalidade de mellorar a calidade do servizo de subministración eléctrica no lugar de Abuín (concello de Rianxo), e proxéctanse para este fin a instalación dun centro de transformación de 160 kVA de potencia, unha liña de media tensión soterrada que o enlazará coa liña de distribución de media tensión LMT BOI-808 procedente da subestación Boiro e dúas novas saídas en baixa tensión.

Segundo. O promotor achegou xunto coa antedita solicitude o proxecto de execución, que inclúe memoria, planos e orzamento, conforme establece o artigo 123 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que comprende os seguintes documentos:

– Proxecto de execución denominado LMTS, CTI e RBT Abuín, subscrito por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial (colexiado nº 2.890 do COETI de Vigo), acompañado da declaración responsable de competencia asinada o 20 de xaneiro de 2022 polo técnico proxectista, nos termos dispostos na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios que se deben aplicar para exixir visado colexial en materia de industria e enerxía (DOG núm. 229, do 30 de novembro).

Terceiro. Na epígrafe 4. Regulamentación da memoria do proxecto, o técnico proxectista acredita o cumprimento de toda a normativa que é de aplicación, de conformidade coa alínea 1.b) do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 54, do 19 de marzo).

Cuarto. O proxecto presentado por UFD Distribución Electricidad, S.A. inclúe unha relación concreta e individualizada dos bens e/ou dereitos que o solicitante considera de necesaria expropiación segundo o establecido no artigo 55 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Quinto. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o preceptivo informe ou, de ser o caso, o establecemento do condicionado técnico que consideren pertinente, ás distintas administracións, organismos, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas para o que lles foi remitida unha separata do proxecto que contén as características da instalación e a documentación cartográfica na parte en que a instalación puidera afectar bens e dereitos ao seu cargo. UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou separatas para os seguintes organismos: Concello de Rianxo e Deputación Provincial da Coruña.

Sexto. Con data do 3 de novembro de 2022, os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe sobre a solicitude feita por UFD Distribución Electricidad, S.A.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica (BOE núm. 175, do 24 de xuño).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 18 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que e aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

3. As características máis significativas das instalacións recollidas no proxecto LMTS, CTI e RBT Abuín, obxecto da solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, son:

– Centro de transformación prefabricado de formigón tipo rural fin de liña, compacto de manobra exterior, de 160 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/400-230 V, cunha configuración de celas 1L+1P, para instalar na parcela con referencia catastral 15073A161007100000MM.

– Substitución baixo a traza da LMT BOI-808 do apoio nº 9SXJ7AN3//89 metálico tipo celosía, polo novo apoio metálico tipo AM-C-2000/16, en que se proxecta a instalación dun paso aéreo-soterrado (PA/S) e dun interruptor telecontrolado.

– LMT soterrada a 20 kV, de 593 metros de lonxitude, en condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3 (1×150 mm2 Al), coa orixe no paso aéreo-soterrado (PA/S) anterior e remate no CT proxectado.

– LMT aérea a 20 kV, de 38 metros de lonxitude, en condutor tipo LA-56, coa orixe no novo apoio nº 9SXJ7AN3//89 e remate no apoio nº 9T08E1A8//90 existente, de formigón tipo HV-630/11.

– Retensado do treito aéreo da LMT BOI-808 de 268 metros de lonxitude, en condutor tipo LA-56 comprendido entre o apoio nº 9SRO5IS3//88 existente e o novo apoio nº 9SXJ7AN3//89.

– Emprazamento: lugar de Abuín, oncello de Rianxo.

4. Non consta no expediente que durante o trámite de información pública fosen presentadas alegacións en oposición á solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción para o proxecto LMTS, CTI e RBT Abuín feita por UFD Distribución Electricidad, S.A.

5. UFD Distribución manifestou a súa conformidade co condicionado emitido pola Deputación Provincial da Coruña.

6. Non consta no expediente, que o Concello de Rianxo teña contestado á solicitude de informe feita por esta xefatura territorial, de tal xeito que, de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 3, do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, enténdese a súa conformidade coas especificacións técnicas propostas no proxecto de execución.

7. O 8 de xullo de 2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. comunicou a esta xefatura territorial que obtivo acordos previos coa totalidade dos titulares dos predios afectados, e solicita que quede sen efecto a solicitude de declaración de utilidade pública inicialmente realizada.

8. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións de media tensión recollidas no proxecto LMTS, CTI e RBT Abuín de características anteriormente descritas, coas seguintes consideracións:

– Esta autorización outórgase sen prexuízo daquelas concesións e autorizacións que sexan necesarias de acordo con outras disposicións que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e o ambiente, tal e como se dispón no artigo 120.2 do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– De acordo co artigo 111 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, esta autorización circunscríbese ás instalacións de tensión maior de 1 kV.

– As instalacións executaranse no prazo dun (1) ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

– Para a posta en funcionamento das instalacións, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitará a esta xefatura territorial a autorización da súa explotación, acompañada da seguinte documentación:

a) As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

b) Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

c) Toda a documentación exixible segundo a ITC LAT-04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e a ITC RAT-22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que os interesados poidan promover calquera outra acción que xulguen pertinente.

Mediante este documento notifícaselle a UFD Distribución Electricidad, S.A. esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Coruña, 7 de novembro de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña