Dentro do acordo de colaboración subscrito entre o Sindicato Unificado de Policía e a Agasp para a colaboración en materia de formación e actualización do persoal dos corpos de seguridade do Estado destinado na Comunidade Autónoma de Galicia, convócase o curso que continuación se indica para a súa realización durante o segundo semestre do ano 2022:
– Denominación: Subsolo: actuacións policiais en espazos confinados.
– Modalidade: presencial.
– Número de horas: 6.
– Prazas: 50.
– Data: 13 de decembro.
– Horario: das 9.00 ás 15.00 horas.
A Estrada, 21 de novembro de 2022
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública
ANEXO
Bases
Primeira. Destinatarios
Persoal das forzas e corpos de seguridade que traballan na Comunidade Autónoma de Galicia.
As prazas serán repartidas en condicións de igualdade entre o persoal de Policía Local, Corpo Nacional de Policía, Garda Civil e Unidade da Policía Adscrita á Comunidade Autónoma:
A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas e non dará lugar á penalización estipulada na base quinta desta resolución.
Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta estea producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.
No caso de se cosiderar oportuno, poderá acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballen en Galicia con competencias directas na materia que se vai desenvolver, e reservaranse expresamente prazas para eles.
Se as solicitudes para participar nun curso non superan as dez (10) persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.
Segunda. Solicitudes
1. O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal), pois non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.
É preciso que todas as persoas que desexen participar manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o número de teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.
2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano contado desde o momento en que se detecte o feito.
3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.
4. No caso de encontrarse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa consta en poder da Agasp; neste caso, deberá comunicalo na propia solicitude).
a) Profesionais que estean a desfrutar ou desfrutasen nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.
5. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 5 de decembro de 2022.
Terceira. Solicitudes
Os criterios xerais de selección son os que a continuación se indican:
1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.
2. Por orde de inscrición.
O 50 % das prazas ofertadas, mediante esta resolución, ao Corpo Nacional de Policía e á Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma estará reservado aos afiliados ao Sindicato Unificado de Policía.
Cuarta. Lugar e datas
O curso desenvolverase nas instalacións da Agasp.
A data do curso é o día 13 de decembro. Esta data poderá sufrir variacións, que se comunicarán a todas as unidades de destino dos corpos afectados para coñecemento de todos/as os/as interesados/as.
Quinta. Asistencia
1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade ao curso.
Durante a realización deste levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, e poderanse realizar controis de asistencia extraordinarios.
Só se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas, e en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas.
A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas supoñerá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior; en todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de doce meses entre unha edición e a seguinte.
A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada non só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.
2. O alumnado asistirá ao curso co uniforme regulamentario. No caso de non o facer, e de non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo ningún.
3. As unidades de destino do persoal seleccionado en cada acción formativa facilitarán, na medida do posible, a súa participación nela.
Quinta. Certificación
Para poder superar o curso, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que levará a cabo ao final deste.
Sexta. Desenvolvemento
1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.
2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento do curso, así como resolver todas as continxencias e incidentes que poidan xurdir, sen necesidade dunha nova publicación no DOG.
3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así o exixan por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.