Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Martes, 29 de novembro de 2022 Páx. 61512

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de novembro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención, reutilización e recollida en proximidade de residuos municipais, cofinanciadas polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT975N).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou, no Diario Oficial de Galicia número 118, do 21 de xuño de 2022, a Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención, reutilización e recollida en proximidade de residuos municipais, cofinanciadas polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT975N).

De acordo co disposto no artigo 21 das bases reguladoras das axudas, o período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de novembro de 2023, ambos incluídos, tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado neste mesmo artigo. Así mesmo, prescríbese que non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para solicitar o aboamento da axuda e a súa xustificación consonte o establecido no parágrafo seguinte. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será:

a) O 30 de novembro de 2022, para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2022.

b) O 30 de novembro de 2023, para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023.

Cómpre significar, non obstante, que o artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Pola súa banda, o procedemento para a concesión da ampliación réxese polo establecido no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

Mediante a Resolución da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, do 11 de novembro de 2022 (DOG núm. 219, do 17 de novembro), por delegación da persoa titular da Consellería, resolveuse o procedemento de concesión destas subvencións.

En consecuencia, tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, así como as solicitudes de ampliación do prazo de xustificación formuladas por parte dalgunhas das entidades beneficiarias, por mor das dificultades que están atopando para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, debido tanto a cuestións orzamentarias como de procedemento de contratación das obras e/ou demora nas entregas de materiais polos provedores, sen que con iso se ocasionen prexuízos a terceiros e sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada, acórdase a ampliación que a seguir se sinala.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención, reutilización e recollida en proximidade de residuos municipais, cofinanciadas polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT975N).

Modifícase o punto 4 do artigo 21 da orde, que queda redactado como segue:

«4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será:

a) O 30 de decembro de 2022 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2022.

b) O 30 de decembro de 2023 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda