Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Martes, 29 de novembro de 2022 Páx. 61508

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 21 de novembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 10 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT821A).

O 28 de xuño de 2022 (DOG núm. 122) a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou a Orde de 10 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT821A).

O artigo 5.1 desta Orde do 10 de xuño de 2022, relativo ao crédito e contía das axudas, detalla as aplicacións orzamentarias, o importe previsto e a súa distribución por anualidades. A dita convocatoria de axudas encádrase dentro do compoñente 4 do mecanismo de recuperación e resilencia da Unión Europea.

Para o financiamento das axudas convocadas, en virtude da dita orde, foi necesario asignar importes a cada unha das anualidades.

Unha vez valoradas as solicitudes presentadas dentro desta convocatoria de axudas, tendo en conta as actuacións que se poderían desenvolver e os prazos de execución previstos na orde de axudas, e co obxecto de subvencionar o maior número de proxectos posible que cumpran cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e contribúan ao cumprimento dos obxectivos do compoñente C04 do mecanismo de recuperación e resiliencia da UE, é necesario realizar a redistribución dos importes iniciais entre as anualidades das axudas que financia esta convocatoria de subvencións.

Para levar a cabo esta modificación, de acordo co establecido no artigo 5.4 da orde, e considerando que a distribución da cantidade máxima que se vai conceder ten carácter estimativo cando as normas reguladoras recollan a posibilidade dos solicitantes de optar polo pagamento anticipado, débese proceder a axustar as anualidades inicialmente previstas no momento da convocatoria ás necesidades reais na orde económica, mediante o oportuno expediente de reaxuste de anualidades, de acordo co previsto no artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 57 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Esta redistribución redundará, así, en beneficio dos colectivos destinatarios, sen prexuízo de terceiros e en beneficio do interese xeral.

Por outra parte, o artigo 31 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, relativo á distribución entre créditos orzamentarios, sinala que, cando a contía total máxima das axudas convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

De igual xeito, e coa finalidade de non alterar as condicións establecidas nas bases reguladoras e posto que as circunstancias así o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros, e para posibilitar a correcta execución das actuacións subvencionables, así como o dereito dos beneficiarios ao aboamento do único pagamento anticipado que se establece no artigo 22 desta orde, é necesario modificar o prazo de xustificación e solicitude de pagamento para esta anualidade de 2022.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 10 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT821A)

1. Modifícase o punto primeiro do artigo 5, que queda redactado como segue:

Esta orde financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.03.541B.760.2, 08.03.541B.770.2, 08.03.541B.780.2 e 08.03.541B.781.1 do código de proxecto 2022 00040 do orzamento de gastos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por un importe de 1.660.000,00 euros, coa seguinte redistribución por aplicación orzamentaria e anualidade:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Total

08.03.541B.760.2

33.333,33 €

366.666,67 €

400.000,00 €

08.03.541B.770.2

52.500,00 €

577.500,00 €

630.000,00 €

08.03.541B.780.2

16.666,66 €

183.333,34 €

200.000,00 €

08.03.541B.781.1

35.833,33 €

394.166,67 €

430.000,00 €

Totais

138.333,32 €

1.521.666,68 €

1.660.000,00 €

2. Modifícase o punto primeiro do artigo 27, que queda redactado como segue:

«1. A xustificación da subvención efectuarase en dúas anualidades:

Anualidade 2022:

a) No caso de non solicitar anticipo, a beneficiaria deberá solicitar o pagamento da anualidade correspondente ao ano 2022 (anexo VIII), unha vez executada e xustificada a actividade correspondente, e a data límite de execución e xustificación da dita anualidade será o 15 de decembro de 2022.

b) Para a anualidade de 2022 só se admitirán aqueles gastos efectivamente realizados e pagados entre a data de emisión da acta de non inicio ou, se é o caso, da presentación da declaración responsable do anexo V.

c) No caso das beneficiarias que solicitasen o anticipo, todas as actuacións deberán estar executadas e pagas con data límite do o 15 de decembro de 2022, aínda que poderán presentar a xustificación do importe anticipado na data establecida para a anualidade 2023 xunto coa xustificación final.

Anualidade 2023:

a) Unha vez executada e xustificada a actividade correspondente ao ano 2023, solicitarase o pagamento da segunda anualidade (anexo VIII). A data límite de execución e xustificación da dita anualidade é o 1 de novembro de 2023.

b) Só será subvencionable o gasto realizado que fose efectivamente pagado con data límite do 31 de outubro de 2023.».

As modificacións obxecto da presente resolución non implican a apertura dun novo prazo para presentar solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022

Angeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda