Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Martes, 29 de novembro de 2022 Páx. 61476

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 17 de novembro de 2022 pola que se habilitan na sede electrónica da Xunta de Galicia determinados procedementos de prazo aberto do órgano competente en materia de calidade ambiental, sustentabilidade e cambio climático e se establecen os modelos normalizados.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen un novo escenario normativo para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, por tanto, tamén na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia. Con ela dáse continuidade ao recoñecemento legal do dereito da cidadanía a relacionarse coa Administración por medios electrónicos, que xa realizaba a actualmente derrogada Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

O artigo 12 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que as administracións públicas deberán garantir que as persoas interesadas poden relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, para o cal porán á súa disposición as canles de acceso que sexan necesarias, así como os sistemas e as aplicacións que, en cada caso, se determinen.

Así, a tramitación electrónica, con carácter xeral, é optativa para as persoas físicas, que poderán elixir, en todo momento, se se comunican coas administracións públicas para o exercicio dos seus dereitos e obrigas a través de medios electrónicos ou non. Pola contra, están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, as persoas traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregadas públicas.

De acordo co establecido no artigo 66 da referida Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando a Administración nun procedemento en concreto estableza expresamente modelos específicos de presentación de solicitudes, estes serán de uso obrigatorio para as persoas interesadas.

A cidadanía ten que ser a primeira e principal beneficiaria do acceso electrónico e a Administración queda obrigada a transformarse nunha Administración electrónica rexida polo principio de eficacia que proclama o artigo 103 da Constitución.

Por outro lado, o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva das normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23.

De conformidade co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, correspóndenlle a esta as competencias e as funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados na Constitución española e no propio estatuto.

En definitiva, a regulación dos procedementos administrativos obxecto desta norma realízase en diversa normativa sectorial; a presente orde limítase a habilitar a presentación electrónica das correspondentes solicitudes, mediante a súa incorporación á sede electrónica da Xunta de Galicia, co obxecto de que as persoas usuarias poidan relacionarse coa Administración con medios electrónicos.

Así pois, en cumprimento da normativa citada, un total de sete procedementos estarán dispoñibles telematicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e a cidadanía.

En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto aprobar, regular e dar publicidade aos modelos normalizados para determinados procedementos de prazo aberto do órgano competente en materia de calidade ambiental, sustentabilidade e cambio climático.

2. Así mesmo, tamén é obxecto desta orde habilitar os procedementos na Guía de procedementos e servizos da sede electrónica da Xunta de Galicia, coa denominación e cos códigos sinalados a seguir:

a) Actividade de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en materia de residuos (MT203B).

b) Actividade de recollida de residuos perigosos sen instalación asociada (MT203C).

c) Actividade de recollida de residuos non perigosos sen instalación asociada (MT203D).

d) Actividade de compostaxe comunitaria de biorresiduos (MT203E).

e) Información de xestión de residuos comerciais (MT203F).

f) Modificación da inscrición de recollida de residuos perigosos sen instalación asociada (MT203G).

g) Modificación da inscrición de recollida de residuos non perigosos sen instalación asociada (MT203H).

3. A regulación establecida nesta orde é de aplicación ás persoas físicas e xurídicas que realicen algunha das actividades indicadas nos artigos 26 e 35 da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

Artigo 2. Forma e lugar de presentación

As comunicacións previas presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación previa presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación previa aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das comunicacións previas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 3. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa comunicación previa, a documentación complementaria que se sinala na sección segunda para a tramitación de cada un dos procedementos.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración.

Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou a outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación previa, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da comunicación previa e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos previstos na presente orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa comunicante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade comunicante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación da comunicación previa

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da comunicación previa deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación previa. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Inscrición

Os procedementos de actividades suxeitas ao réxime de comunicación non están suxeitos ao prazo, esta terá efectos desde o momento en que se presenta, non obstante, a Administración ten que comprobar o cumprimento dos requisitos por parte do comunicante, de modo que, no caso de que o comunicante non os cumpra, notificaráselle que non procede a inscrición en canto non emende as deficiencias detectadas. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a dirección xeral con competencia en materia de residuos emitirá un escrito en que se lle comunique ao interesado o número da súa inscrición.

Sección 2ª. Procedementos

Artigo 8. Actividade de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en materia de residuos (MT203B)

1. A comunicación previa da actividade de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en materia de residuos está prevista no artigo 35.1.f) da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

2. O modelo para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo I desta orde co código de procedemento MT203B.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación previa a seguinte documentación complementaria:

a) Certificación do proxecto de investigación, desenvolvemento e innovación en materia de residuos.

b) Memoria descritiva das actividades.

c) Xustificante do pagamento da taxa xerada pola tramitación da comunicación, agás que este proceso se inicie e finalice electronicamente a través da sede electrónica (código da taxa 32.52.28).

d) Acreditación da representación legal da empresa con copia da escritura notarial de representación debidamente inscrita no Rexistro Mercantil (só persoas xurídicas).

Artigo 9. Actividade de recollida de residuos perigosos sen instalación asociada (MT203C)

1. A comunicación previa da actividade de recollida de residuos sen instalación asociada está prevista no artigo 35.1.a) da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

2. O modelo para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo II desta orde co código de procedemento MT203C.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación previa a seguinte documentación complementaria:

a) Copia dos contratos da concesión do servizo público.

b) Memoria descritiva das actividades que inclúan o Plan de recollida dos residuos, lugares de recollida e os seus destinos.

c) Xustificante do pagamento da taxa xerada pola tramitación da comunicación, agás que este proceso se inicie e finalice electronicamente a través da sede electrónica (código da taxa 32.52.04).

d) Acreditación da representación legal da empresa con copia da escritura notarial da representación debidamente inscrita no Rexistro Mercantil (só persoas xurídicas).

Artigo 10. Actividade de recollida de residuos non perigosos sen instalación asociada (MT203D)

1. A comunicación previa da actividade de recollida de residuos sen instalación asociada está prevista no artigo 35.1.a) da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

2. O modelo para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo III desta orde co código de procedemento MT203D.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación previa a seguinte documentación complementaria:

a) Copia dos contratos da concesión do servizo público.

b) Memoria descritiva das actividades que inclúa o Plan de recollida dos residuos, lugares de recollida e os seus destinos.

c) Xustificante do pagamento da taxa xerada pola tramitación da comunicación, agás que este proceso se inicie e finalice electronicamente a través da sede electrónica (código da taxa 32.52.04).

d) Acreditación da representación legal da empresa con copia da escritura notarial da representación debidamente inscrita no Rexistro Mercantil (só persoas xurídicas).

Artigo 11. Actividade de compostaxe comunitaria de biorresiduos (MT203E)

1. A comunicación previa da actividade de compostaxe comunitaria de biorresiduos está prevista no artigo 35.1.h) da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

2. O modelo para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo IV desta orde co código de procedemento MT203E.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación previa a seguinte documentación complementaria:

a) Memoria descritiva das actividades.

b) Xustificante do pagamento da taxa xerada pola tramitación da comunicación, agás que este proceso se inicie e finalice electronicamente a través da sede electrónica (código da taxa 32.52.25).

c) Acreditación da representación legal da empresa con copia da escritura notarial da representación debidamente inscrita no Rexistro Mercantil (só persoas xurídicas).

Artigo 12. Información de xestión de residuos comerciais (MT203F)

1. A comunicación da información de xestión de residuos comerciais está prevista no artigo 26.4 da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

2. O modelo para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo V desta orde co código de procedemento (MT203F).

3. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación previa a seguinte documentación complementaria:

a) Documentación acreditativa da xestión dos residuos comerciais (documentos de identificación dos traslados dos residuos a xestor/a autorizado/a ou acordo coa entidade local para a xestión dos residuos comerciais, segundo proceda).

b) Acreditación da representación legal da empresa con copia da escritura notarial da representación debidamente inscrita no Rexistro Mercantil (só persoas xurídicas).

Artigo 13. Modificación da inscrición de recollida de residuos perigosos sen instalación asociada (MT203G)

1. A comunicación previa da modificación da inscrición de recollida de residuos perigosos sen instalación asociada está prevista no artigo 35.1.a) da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

2. O modelo para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo VI desta orde co código de procedemento MT203G.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación previa a seguinte documentación complementaria:

a) Copia dos contratos da concesión do servizo público (no caso de modificación por ampliación de puntos de recollida).

b) Memoria descritiva das actividades que inclúa o Plan de recollida dos residuos, lugares de recollida e os seus destinos.

c) Xustificante do pagamento da taxa xerada pola tramitación da comunicación, agás que este proceso se inicie e finalice electronicamente a través da sede electrónica (código da taxa 32.52.06).

d) Acreditación da representación legal da empresa con copia da escritura notarial da representación debidamente inscrita no Rexistro Mercantil (só persoas xurídicas).

Artigo 14. Modificación da inscrición de recollida de residuos non perigosos sen instalación asociada (MT203H)

1. A comunicación previa da modificación da inscrición de recollida de residuos non perigosos sen instalación asociada está prevista no artigo 35.1.a) da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

2. O modelo para realizar as actuacións previstas no parágrafo anterior é o que consta no anexo VII desta orde co código de procedemento (MT203H).

3. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación previa a seguinte documentación complementaria:

a) Copia dos contratos da concesión do servizo público (no caso de modificación por ampliación de puntos de recollida).

b) Memoria descritiva das actividades que inclúa o Plan de recollida dos residuos, lugares de recollida e os seus destinos.

c) Xustificante do pagamento da taxa xerada pola tramitación da comunicación, agás que este proceso se inicie e finalice electronicamente a través da sede electrónica (código da taxa 32.52.06).

d) Acreditación da representación legal da empresa con copia da escritura notarial da representación debidamente inscrita no Rexistro Mercantil (só persoas xurídicas).

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file