Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Mércores, 23 de novembro de 2022 Páx. 60723

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 17 de novembro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2022 (código de procedemento MT975M).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou, no Diario Oficial de Galicia número 87, do 5 de maio de 2022, a Orde do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2022 (código de procedemento MT975M).

Mediante a Resolución da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do 20 de outubro de 2022 (DOG núm. 208, do mércores 2 de novembro), por delegación da persoa titular da Consellería, resolveuse o procedemento de concesión destas subvencións.

De acordo co disposto no número 4 do artigo 21 das citadas bases reguladoras, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será do 30 de novembro do ano correspondente á anualidade a que se impute o orzamento, da seguinte maneira:

a) O 30 de novembro de 2022 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2022.

b) O 30 de novembro de 2023 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023.

c) O 30 de novembro de 2024 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2024.

d) O 30 de novembro de 2025 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2025.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. Pola súa banda, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

En consecuencia, tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas e as solicitudes de ampliación do prazo de xustificación formuladas por parte das entidades beneficiarias, motivadas polas dificultades que están atopando para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, debido tanto a cuestións orzamentarias como de procedemento de contratación das obras e/ou demora nas entregas de materiais polos provedores, considérase necesario modificar o número 4 do artigo 21 da Orde do 28 de abril de 2022, co obxecto de ampliar o prazo de xustificación previsto inicialmente, sen que con iso se ocasionen prexuízos a terceiros e sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa indicada.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2022 (código de procedemento MT975M)

O punto 4 do artigo 21 queda redactado da seguinte maneira:

«4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de decembro do ano correspondente á anualidade a que se impute o orzamento, da seguinte maneira:

a) O 30 de decembro de 2022 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2022.

b) O 30 de decembro de 2023 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023.

c) O 30 de decembro de 2024 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2024.

d) O 30 de decembro de 2025 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2025».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda