Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 4 de novembro de 2022 Páx. 57938

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 20 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404E).

BDNS (Identif.): 656222.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Establécense dúas categorías de entidades beneficiarias desta convocatoria:

Categoría 1. As persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas titulares, arrendatarias ou posuidoras de calquera outro título de dispoñibilidade de espazos escénicos e/ou musicais abertos ao público, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente para organizar espectáculos escénicos e musicais ao vivo con público.

Categoría 2. As entidades públicas que integran a Administración local, de conformidade co disposto no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e os seus organismos dependentes titulares, arrendatarios ou posuidores de calquera outro título de dispoñibilidade de espazos escénicos e musicais abertos ao público situados en Galicia, habilitados legalmente para organizar espectáculos escénicos e musicais ao vivo con público.

Segundo. Finalidade

Estas axudas están destinadas a cubrir o investimento dedicado á transición verde e transformación dos espazos escénicos e musicais que impulsen un crecemento intelixente e sustentable da súa xestión.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 20 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404E).

Cuarto. Importe

As axudas relativas ao obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 880.046,81 euros, dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais de 2023, código de proxecto 2021 00003, distribuído:

600.000 euros da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.760.1.

280.046,81 euros da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.1.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais