Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 4 de novembro de 2022 Páx. 57940

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2022, conxunta da Dirección Xeral de Formación Profesional e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

O Decreto 58/2022, do 15 de maio, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, en que se configura a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Esa estrutura desenvolveuse mediante o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, na cal se determina o nivel organizativo de órganos superiores e dirección e as diversas entidades do sector público adscritas á consellería.

No ámbito educativo créase a Dirección Xeral de Formación Profesional, co obxectivo de impulsar as políticas públicas vinculadas á educación e formación permanente que permita a todas as persoas unha cualificación adecuada para o seu pleno desenvolvemento e unha mellor inserción laboral, contribuíndo a un maior desenvolvemento económico e cohesión social. En particular, correspóndelle exercer as competencias e funcións seguintes:

a) A dirección, a ordenación e a planificación da formación profesional orientada á adquisición e ao incremento das cualificacións profesionais ao longo da vida, en coordinación e coa colaboración dos departamentos e organismos competentes en materia de formación profesional para o emprego, e da formación profesional nos ámbitos agroforestal e náutico-pesqueiro.

b) O desenvolvemento das estratexias de formación profesional, en coordinación e colaboración con outros departamentos da Xunta de Galicia.

c) O fomento de relación entre os centros que imparten ofertas de formación profesional con empresas, organizacións e institucións para identificar as competencias e cualificacións necesarias no sistema produtivo de Galicia, definir a formación necesaria para elas e formular propostas para a súa incorporación no Catálogo nacional de estándares profesionais, así como para o desenvolvemento cooperativo das ofertas formativas, especialmente na modalidade dual, a formación de persoas formadoras, o desenvolvemento de proxectos de innovación profesional, a avaliación e o recoñecemento de competencias profesionais, e a divulgación da formación profesional como instrumento favorecedor da inserción laboral das persoas.

d) A ordenación e o desenvolvemento dun sistema de aprendizaxe permanente que, en coordinación cos diferentes departamentos e órganos competentes na aprendizaxe formal, non formal e informal, favoreza o desenvolvemento da cidadanía responsable e a cualificación das persoas para a súa inserción laboral, de xeito que poidan desenvolver o seu proxecto vital, particularmente no medio rural.

e) A promoción e a implantación do uso de tecnoloxías avanzadas en centros con ofertas formativas de formación profesional e de aprendizaxe permanente, orientadas á mellora das competencias do profesorado e do alumnado en contextos dun sistema produtivo en cambio permanente.

f) A ordenación e o desenvolvemento das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas dado o seu carácter profesionalizante e o seu valor competencial para a inserción laboral dos/das profesionais.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en adiante Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Dirección Xeral de Formación Profesional:

a) Emisión dos certificados de acreditación das competencias profesionais.

b) Emisión dos certificados de realización das probas de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional.

c) Emisión dos certificados de realización das probas de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Formación Profesional, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral de Formación Profesional, como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «Dirección Xeral de Formación Profesional» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderá á Dirección Xeral de Formación Profesional.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Dirección Xeral de Formación Profesional.

c) Nome do selo: Dirección Xeral de Formación Profesional.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico “Dirección Xeral de Formación Profesional” sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

María Eugenia Pérez Fernández

Julián Cerviño Iglesia

Directora xeral de Formación Profesional

Director da Axencia para a Modernización

Tecnolóxica de Galicia