Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 26 de outubro de 2022 Páx. 56464

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 14 de outubro de 2022 pola que se aproban os estatutos provisionais do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse mediante o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, sobre asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de colexios oficiais ou profesionais.

A Comunidade Autónoma de Galicia ditou, en virtude da dita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 16, os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar, á consellería competente en materia de colexios profesionais, os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Mediante o Decreto 146/2022, do 4 de agosto, fíxose efectiva a creación, mediante segregación, do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia, e a súa disposición transitoria primeira establece que «A Comisión Xestora, no prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor deste decreto, presentará os estatutos provisionais do Colexio resultante da segregación, nos cales se regularán o proceso electoral, a composición e o funcionamento da asemblea colexial constituínte e a forma de designación do órgano de goberno, así como as súas funcións. Os estatutos provisionais serán remitidos á consellería competente en materia de colexios profesionais para verificar a súa adecuación á legalidade e ordenar, de ser o caso, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia mediante orde».

Dando cumprimento a esta disposición, a Comisión Xestora acordou, na súa reunión do 14 de setembro de 2022, aprobar e dar traslado do texto dos estatutos provisionais do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, para os efectos da súa cualificación de legalidade e publicación.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos provisionais do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia, que figuran como anexo á presente orde.

Artigo 2. Publicación

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos provisionais do Colexio Oficial
de Ópticos-Optometristas de Galicia

CAPÍTULO I

Natureza xurídica e ámbito territorial

Artigo 1. Natureza xurídica

O Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia é unha corporación de dereito público, recoñecida e amparada pola Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Réxese, no marco da lexislación básica do Estado, polo disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, reguladora dos colexios profesionais de Galicia, e nas súas normas de desenvolvemento, e polas súas normas de creación e reguladoras da profesión, pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, polos presentes estatutos e, de ser o caso, polas súas normas de funcionamento interno e acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias, así como polas demais disposicións legais que sexan de aplicación.

O acceso e exercicio á profesión colexiada rexerase polo principio de igualdade de trato e non discriminación, en particular, por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, sexo, idade ou orientación sexual, nos termos establecidos na lexislación vixente.

O exercicio da profesión realizarase en réxime de libre competencia e estará suxeito, en canto á oferta de servizos e fixación da súa remuneración, á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal.

Artigo 2. Ámbito persoal

O Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia exerce as súas funcións para as persoas colexiadas que exercen a súa profesión dentro da súa demarcación territorial.

Artigo 3. Ámbito territorial

O ámbito territorial do Colexio correspóndese coa Comunidade Autónoma de Galicia.

O domicilio do Colexio atópase situado na praza Salvador García Bodaño, 2, 1º A, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

CAPÍTULO II

Fins e funcións

Artigo 4. Fins e funcións do Colexio

1. De acordo coa lexislación estatal reguladora dos colexios profesionais, os regulados por esta lei terán como fins esenciais a ordenación do exercicio das profesións dentro do marco legal respectivo, a representación delas, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos dos seus colexiados, todo isto sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial.

Ademais, terán os seguintes fins:

a) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio das correspondentes profesións.

b) Lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados, promovendo a formación e o perfeccionamento deles.

c) Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio das correspondentes profesións.

d) Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

2. Para o cumprimento dos seus fins, os colexios profesionais exercerán as funcións encomendadas na lexislación básica do Estado, e como propias, as establecidas na Lei 11/2001, do 18 de setembro.

CAPÍTULO III

Organización colexial

Artigo 5. Órganos colexiais

Os órganos da estrutura colexial son os seguintes:

a) A Xunta Xeral de Colexiados como órgano plenario.

b) A Xunta de Goberno como órgano de goberno.

c) A Presidencia como órgano presidencial.

Artigo 6. A Xunta Xeral

A Xunta Xeral estará integrada por todos os colexiados, é o órgano supremo da corporación e poderá convocarse con carácter ordinario ou extraordinario, segundo proceda.

Corresponden á Xunta Xeral de Colexiados as seguintes atribucións básicas:

a) A aprobación ou modificación dos estatutos do Colexio e do seu regulamento interior.

b) A aprobación das contas do exercicio económico, os orzamentos de ingresos e gastos, así como a fixación das contías das cotas de entrada, ordinarias e extraordinarias, que deban satisfacer os colexiados.

c) A aprobación da moción de censura, se procede, da Xunta de Goberno ou de calquera dos seus membros, de conformidade co procedemento establecido nos estatutos definitivos.

d) A autorización á Xunta de Goberno para adquirir, dispoñer ou gravar bens inmobles do Colexio.

e) A adopción de calquera clase de acordos conducentes á consecución dos obxectivos e finalidades do Colexio, conforme o recollido nos estatutos definitivos.

Artigo 7. Composición da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno do Colexio estará formada por:

a) Unha Presidencia.

b) Unha Vicepresidencia.

c) Unha Secretaría Xeral.

d) Unha Tesouraría.

e) Unha Contadoría.

f) Seis vogalías:

1 a 4: as persoas delegadas da Coruña, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra.

5: unha vogalía representante de formación e cultura.

6: unha vogalía representante dos colexiados non exercentes.

As persoas que integren a Xunta de Goberno deberán ter a condición de colexiadas en Galicia e atoparse no exercicio da profesión, salvo neste último caso os/as vogais 5 e 6, así como contar con cinco anos de antigüidade á data de convocatoria das eleccións, coa excepción da Presidencia, que deberá ter unha antigüidade de dez anos, e o/a vogal representante dos non exercentes, que deberá ter unha antigüidade dun ano; non poden estar inhabilitadas para o exercicio da profesión, nin estar cumprindo unha sanción firme imposta polo Colexio, ou atoparse sometidas a calquera outra prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria. Así mesmo, deberán estar ao día nas súas obrigas de carácter económico co Colexio.

A duración do cargo será de catro anos, e poderán ser reelixidos indefinidamente por iguais períodos de catro anos.

Artigo 8. Elección da Xunta de Goberno

Os membros da Xunta de Goberno, incluída a persoa titular da Presidencia, serán elixidos no marco da asemblea constituínte, de conformidade co sistema electoral regulado nestes estatutos.

Artigo 9. Toma de posesión

Feita a designación da nova Xunta de Goberno, daráselles posesión segundo o disposto no artigo 30 destes estatutos. Se algún non se achase presente tomará posesión na reunión seguinte, salvo renuncia do cargo xustificada por escrito.

Artigo 10. Competencias da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno asumirá a dirección e administración do Colexio.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Defender os dereitos profesionais dos ópticos-optometristas e do Colexio ante organismos, autoridades e tribunais e promover ante aqueles cantas cuestións xulgue beneficiosas para a profesión, o Colexio ou os colexiados.

b) Defender os colexiados no desempeño da profesión de Óptico-Optometrista.

c) Coidar que se cumpran as disposicións legais que lles afecten á profesión, ao Colexio e aos colexiados, os estatutos, o Regulamento de réxime interior e cantos acordos adopten os órganos de goberno do Colexio.

d) Adoptar calquera resolución que considere urxente en defensa dos intereses da profesión, do Colexio e dos colexiados, e deberá dar conta dela á Xunta Xeral de Colexiados na primeira reunión que se celebre.

e) Decidir respecto da admisión de solicitudes de colexiación.

f) Redactar os estatutos do Colexio e o seu regulamento de réxime interior, ou as modificacións destes, para sometelos á aprobación da Xunta Xeral de Colexiados.

g) Exercer as facultades disciplinarias respecto aos colexiados.

h) Suspender os actos que considere nulos de pleno dereito.

i) Acordar a celebración da Xunta Xeral de Colexiados, xa sexa ordinaria ou extraordinaria, e sinalar o lugar, o día e a hora, así como establecer a súa orde do día.

j) Examinar e visar a conta de ingresos e gastos que formule a Tesouraría, os orzamentos que confeccione esta, e a memoria que redacte a Secretaría, co fin de someter todo isto á preceptiva aprobación da Xunta Xeral de Colexiados, e propoñer a esta a contía das cotas de entrada e periódicas, así como propoñer o establecemento de cotas extraordinarias e sinalar a súa finalidade.

k) Decidir a periodicidade e forma de recadación das cotas colexiais.

l) Convocar eleccións dos cargos da propia Xunta de Goberno.

m) Administrar, coidar, defender, recadar e distribuír os fondos económicos do Colexio.

n) Administrar os bens patrimoniais do Colexio e realizar toda clase de actos de adquisición, disposición e gravame dos bens inmobles.

ñ) Impedir, mediante as accións legais que procedan, o exercicio da profesión de Óptico-Optometrista a quen non reúna as condicións legais establecidas para o efecto e denunciar, de ser o caso, o intrusismo profesional ante as autoridades e tribunais competentes.

o) Conceder as mencións e distincións a quen considere pertinente.

p) Crear comisións ou grupos de traballo para o estudo, xestión e resolución de calquera asunto de carácter profesional ou colexial.

q) Delegar aquelas funcións que considere pertinentes na Presidencia ou nos restantes membros da Xunta de Goberno.

r) Designar os representantes do Colexio perante o Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas.

s) Establecer as condicións e requisitos para o uso dos servicios do Colexio.

t) En xeral, as que lle sexan encomendadas pola Xunta Xeral de Colexiados ou as que non estean expresamente reservadas a esta por norma legal ou polos estatutos definitivos.

CAPÍTULO IV

Dos cargos da Xunta de Goberno

Artigo 11. Funcións da persoa titular da Presidencia

Corresponde á persoa titular da Presidencia exercer a máxima representación do Colexio e dos seus órganos de goberno, ante as administracións públicas, tribunais, entidades, corporacións e persoas físicas e xurídicas de calquera orde.

Terá, así mesmo, as seguintes facultades, atribucións e obrigas:

a) Velar polo cumprimento das disposicións legais, os estatutos do Colexio, o Regulamento de réxime interior e acordos que adopten os órganos de goberno do Colexio.

b) Dirixir o Colexio e os seus órganos reitores.

c) Autorizar coa súa sinatura as comunicacións oficiais, supervisar o funcionamento dos servizos administrativos e actuar en toda clase de asuntos en que o Colexio deba intervir, podendo delegar estas atribucións noutros membros da Xunta de Goberno.

d) Fixar a orde do día nas reunións dos órganos de goberno, convocar e presidir estas, dirixir os debates e abrir, suspender e pechar as súas sesións, así como dirimir co seu voto de calidade os empates que resulten nas votacións que nelas se produzan.

e) Autorizar co seu visto e prace as convocatorias e actas das reunións que se celebren e visar as certificacións que expida a Secretaría Xeral, así como os informes que se emitan por parte do Colexio.

f) Convocar as eleccións dos membros da Xunta de Goberno.

g) Ordenar os pagamentos que teñan que efectuarse con cargo aos fondos do Colexio, e autorizar a retirada de fondos del.

h) As facultades expresamente delegadas pola Xunta de Goberno.

i) Calquera outra que así se estableza nos estatutos definitivos.

Artigo 12. Funcións da persoa titular da Vicepresidencia

Corresponde á persoa titular da Vicepresidencia substituír a persoa titular da Presidencia en caso de vacante, renuncia, incompatibilidade, abstención, recusación, ausencia, falecemento ou calquera outro suposto de análoga natureza, así como exercer todas as funcións que esta lle confira.

Se a persoa titular da Presidencia e da Vicepresidencia non puideran exercer as funcións encomendadas, desempeñará as súas funcións o membro da Xunta de Goberno máis antigo, e se houber varios, o de maior idade.

Artigo 13. Funcións da persoa titular da Secretaría Xeral

Corresponden á persoa titular da Secretaría Xeral as seguintes funcións:

a) Executar os acordos da Xunta Xeral de Colexiados e da Xunta de Goberno, así como as resolucións que poida adoptar a Presidencia.

b) Dar conta á Presidencia das solicitudes e comunicacións que reciba o Colexio.

c) Informar a Xunta de Goberno de cantos asuntos sexan da súa competencia.

d) Redactar a memoria que recolla as actividades desenvolvidas durante o exercicio anterior.

e) Redactar, expedir e asinar, co visado da Presidencia, toda clase de certificacións e as convocatorias das reunións dos órganos de goberno do Colexio, así como as actas desas reunións.

f) Levar os libros de actas, os diferentes rexistros, incluído o de sociedades profesionais, así como os ficheiros necesarios e ter ao seu cargo o arquivo e selo do Colexio.

g) Dirixir os servizos administrativos do Colexio.

Artigo 14. Funcións da persoa titular da Tesouraría

As funcións da persoa titular da Tesouraría son:

a) Custodiar os fondos do Colexio, que recadará e administrará, ingresándoos e retirándoos conxuntamente coa Presidencia nas contas bancarias abertas para o efecto, e do mesmo xeito, constituír e cancelar depósitos cando o acorde a Xunta de Goberno.

b) Levar, coa axuda e colaboración do persoal administrativo, a contabilidade do Colexio.

c) Formalizar a conta xeral de ingresos e gastos e redactar o orzamento de ingresos e gastos para o exercicio económico, que someterá á Xunta de Goberno para a aprobación definitiva da Xunta Xeral de Colexiados.

d) Informar a Presidencia e a Xunta de Goberno do estado económico do Colexio, cando sexa requirido con este fin.

e) Exercer as funcións da persoa titular da Secretaría en caso de ausencia xustificada desta.

Artigo 15. Funcións da persoa titular da Contadoría

É competencia da persoa titular da Contadoría:

a) Inspeccionar a contabilidade do Colexio e levar o inventario detallado dos seus bens.

b) Intervir nas operacións relacionadas coas contas bancarias e as ordes de pagamento dadas pola Presidencia, con facultade en todo momento para tomar cantas medidas considere necesarias para salvagardar con eficacia os fondos do Colexio.

c) Figurar como cotitular nas contas e depósitos bancarios.

d) Confeccionar, conxuntamente coa Tesouraría, e presentar na Xunta de Goberno os orzamentos de ingresos e gastos para sometelos á aprobación definitiva da Asemblea Xeral.

e) Informar a Xunta de Goberno e a Presidencia do estado económico e financeiro do Colexio.

Artigo 16. Vogalías

As persoas titulares das vogalías terán como funcións, sen prexuízo das que lles correspondan como delegados/as provinciais:

a) Colaborar nos traballos da Xunta de Goberno, desenvolvendo as funcións que lles sexan asignadas.

b) Formar parte das comisións ou grupos de traballo que se constitúan para o apoio, estudo e desenvolvemento de cuestións específicas que demande a Xunta de Goberno.

c) Exercer as funcións da Secretaría ou Tesouraría en caso de ausencia xustificada destes, conforme a orde de vogalía correspondente, no caso de que non poidan ser substituídos de acordo co previsto nos artigos anteriores.

CAPÍTULO V

Da asemblea constituínte

Artigo 17. Convocatoria

A convocatoria da asemblea constituínte corresponde á Comisión Xestora, conforme o disposto no Decreto de creación do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia e nestes estatutos provisionais.

No prazo de dous meses, desde a publicación dos estatutos provisionais, convocarase a asemblea constituínte do colexio resultante da segregación.

A convocatoria deberá anunciarse, como mínimo, con dous meses de antelación á data da súa celebración, no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión de Galicia. Así mesmo, notificarase aos colexiados por correo electrónico e publicarase na páxina web do Colexio.

Artigo 18. Composición

Todas as persoas colexiadas que, á data de publicación no DOG da convocatoria da asemblea constituínte, estean incorporadas ao Colexio, poderán exercer o dereito de sufraxio, sempre que non se atopen inhabilitadas para o exercicio da profesión, nin estean cumprindo una sanción firme imposta polo Colexio. Así mesmo, deberán estar ao día nas súas obrigas de carácter económico co Colexio.

As persoas colexiadas que soliciten a baixa, ou se encontren inmersos nun procedemento de baixa, nun momento posterior á data de publicación da convocatoria, non poderán exercer o seu dereito de participación.

Artigo 19. Orde do día e adopción de acordos

A convocatoria contará coa seguinte orde do día:

a) Elección da Xunta de Goberno.

b) Debate e aprobación, se procede, da proposta dos estatutos definitivos do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia efectuada pola candidatura proclamada electa.

c) Aprobación da acta da asemblea constituínte e dos acordos adoptados.

A elección da Xunta de Goberno efectuarase conforme o previsto no capítulo seguinte, mentres que a aprobación dos estatutos definitivos e da acta da asemblea efectuarase por maioría dos presentes ou representados. Para estes efectos, cada colexiado poderá representar, como máximo, outro colexiado, e deberá acreditar esta circunstancia por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, que será debidamente apreciada pola Comisión Xestora.

O desenvolvemento íntegro da orde do día da asemblea constituínte levarase a cabo en unidade de acto durante o día sinalado na correspondente convocatoria.

Os acordos adoptados na asemblea constituínte serán publicados no taboleiro de anuncios, así como na páxina web do Colexio, pola Xunta de Goberno elixida, no día hábil seguinte ao da súa adopción.

Artigo 20. Reclamacións

Corresponde á Comisión Xestora resolver en primeira instancia as controversias e incidencias derivadas dos acordos adoptados na asemblea constituínte, tanto os relativos ao proceso electoral como os da aprobación dos estatutos definitivos. Os interesados poderán presentar recurso ante a citada comisión dentro dos tres días hábiles seguintes ao da adopción do acordo impugnado na asemblea constituínte. A Comisión Xestora adoptará as resolucións dos recursos no prazo dos tres días hábiles seguintes ao da súa interposición.

Para a notificación dos acordos da Comisión Xestora poderá utilizarse calquera medio legalmente admitido, incluídos os electrónicos. As resolucións da Comisión Xestora publicaranse no taboleiro de anuncios, así como na páxina web do Colexio, e notificaranse aos interesados no día seguinte hábil ao da súa adopción.

A resolución da Comisión Xestora poderá ser impugnada en alzada ante o Consello Xeral de Ópticos-Optometristas, no prazo de tres días hábiles contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo. Transcorridos dez días hábiles desde a interposición sen que recaera resolución expresa, entenderase desestimado o recurso por silencio administrativo, e quedará esgotada a vía corporativa.

CAPÍTULO VI

Das eleccións

Artigo 21. Electores

Todos os colexiados que, á data de publicación no DOG da convocatoria da asemblea constituínte, estean incorporados ao Colexio, poderán exercer o dereito de sufraxio, sempre que non se atopen inhabilitados para o exercicio da profesión, nin estean cumprindo una sanción firme imposta polo Colexio. Así mesmo, deberán estar ao día nas súas obrigacións de carácter económico co Colexio.

Os colexiados que soliciten a baixa, ou se encontren inmersos nun procedemento de baixa, nun momento posterior á data de publicación da convocatoria, non poderán exercer o dereito de sufraxio.

Artigo 22. Publicidade

A Comisión Xestora, dentro dos tres primeiros días hábiles seguintes ao da data de publicación da convocatoria, deberá inserir no taboleiro de anuncios, e na páxina web do Colexio, o texto da convocatoria, así como a listaxe de colexiados con dereito a voto. Neste caso, faranse constar soamente os datos de coñecemento público, de acordo coa lexislación vixente.

Os colexiados que queiran presentar reclamacións contra a súa exclusión deberán facelo dentro do prazo de cinco días hábiles seguintes ao da publicación do censo electoral.

A Comisión Xestora, no caso de haber reclamacións por exclusión, resolverá no prazo de tres días hábiles seguintes e notificará a súa resolución a cada reclamante nos tres días hábiles seguintes ao da data da resolución.

Artigo 23. Elixibles

Para ser proclamado candidato a calquera cargo da Xunta de Goberno será requisito ter domicilio na demarcación territorial do Colexio, ter unha antigüidade de polo menos cinco anos na súa condición de colexiado, excepto para a Presidencia, que deberá ter unha antigüidade de polo menos 10 anos, e o vogal representante dos non exercentes, que deberá ter unha antigüidade de polo menos un ano; estar ao día en todas as súas obrigas co Colexio, estar incluído no censo electoral, non estar inhabilitado para o exercicio da profesión, nin estar cumprindo una sanción firme imposta polo Colexio.

Artigo 24. Presentación de candidaturas

As candidaturas, que deberán cubrir a totalidade dos postos da Xunta de Goberno e indicar a que posto aspira cada candidato, deberán presentarse na sede do Colexio con, polo menos, un mes de antelación á data sinalada para o acto electoral. Nas listas poderanse incorporar os suplentes que se consideren oportunos.

Cada candidatura deberá presentar a súa proposta de estatutos definitivos, que serán sometidos a debate, de ser o caso, na asemblea constituínte.

Deberán indicarse o nome e o correo electrónico do seu representante, quen actuará en nome da candidatura e recibirá por ese medio a notificación dos acordos relativos ao proceso electoral. De non figurar esta designación, entenderase que é o candidato á Presidencia, e de non figurar o seu correo electrónico, notificarase ao correo electrónico do que se dispoña no Colexio.

Artigo 25. Proclamación de candidatos

Ao día seguinte hábil de acabar o prazo de presentación das candidaturas, a Comisión Xestora proclamará as candidaturas que reúnan os requisitos exixidos nestes estatutos.

Seguidamente, publicarase o acordo de proclamación no taboleiro de anuncios do Colexio e na súa páxina web, notificándoo, así mesmo, ás diferentes candidaturas. Do mesmo xeito, publicaranse as propostas de estatutos definitivos remitidas polas candidaturas.

No caso de existir unha soa candidatura, será proclamada electa, sen necesidade de celebrar elección ningunha, no marco da asemblea constituínte.

Artigo 26. Exclusión e recursos

A resolución conforme á cal se acorde pola Comisión Xestora a exclusión dalgunha candidatura, ou dalgún candidato, deberá estar motivada e notificarase aos interesados no día hábil seguinte ao da súa adopción, e poderase presentar recurso ante a citada comisión dentro dos tres días hábiles seguintes ao da notificación.

A Comisión Xestora deberá resolver no prazo dos tres días hábiles seguintes ao da presentación do recurso, e notificará a súa resolución a cada reclamante no día hábil seguinte ao da súa adopción.

No caso de conformidade coa exclusión dalgún candidato, poderá completarse a candidatura co mesmo número de candidatos que foran obxecto de exclusión.

A resolución da Comisión Xestora poderá ser impugnada en alzada ante o Consello Xeral de Ópticos-Optometristas, no prazo de tres días hábiles contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo. Transcorridos dez días hábiles desde a interposición sen que recaera resolución expresa, entenderanse desestimado o recurso por silencio administrativo, e quedará esgotada a vía corporativa.

Artigo 27. Campaña electoral

As candidaturas poderán realizar, ao seu cargo, as actividades de campaña electoral axustadas ao ordenamento xurídico. Non obstante, non se poderán servir, para os efectos anteriores, dos medios materiais nin persoais do Colexio, coa excepción das instalacións colexiais para realizar reunións ou outros actos relacionados coa campaña electoral.

Os representantes das candidaturas poderán solicitar ao Colexio unha copia do censo electoral, así como os datos de contacto dos colexiados, de acordo coa lexislación vixente. O uso por parte dos candidatos destes datos queda estritamente limitado á campaña electoral concreta.

O Colexio publicará o programa das candidaturas na súa páxina web, no prazo máximo de tres días hábiles desde a súa recepción.

Artigo 28. Celebracións de eleccións

Para a celebración de eleccións, constituirase unha mesa para facer efectivas as votacións, en que estarán presentes os membros da Comisión Xestora e os interventores das diferentes candidaturas.

Cada candidatura poderá designar, de entre os colexiados, ata dous interventores que a representen nas operacións electorais.

Na mesa estará a urna, que deberá pecharse e precintarse co selo do colexio, e deixará só unha abertura para a introdución da papeleta.

Na correspondente convocatoria incluirase a hora prevista para o inicio da votación e a prevista para a súa finalización, pechándose nese intre a urna que conteña os votos depositados polos colexiados.

A continuación, logo de comprobación, introduciranse na urna electoral os votos que se achegasen ata aquel momento por voto anticipado e que cumpran cos requisitos establecidos.

As papeletas e os sobres da votación deberán ser todos do mesmo tamaño e da mesma cor. O Colexio será o encargado de confeccionar as papeletas e enviará unha de cada candidatura aos colexiados, sen excluír que as candidaturas tamén as poidan facer coas características exactas das confeccionadas polo Colexio.

As candidaturas poderán solicitar ao Colexio que lle facilite as papeletas e sobres, neste caso, a candidatura solicitante correrá cos gastos necesarios.

No lugar da votación facilitaranse, en cantidade suficiente, sobres e papeletas co nome de cada candidatura presentada.

Artigo 29. Votación

A elección dos membros da Xunta de Goberno farase por votación directa e secreta dos colexiados ou por voto por correo.

En caso de voto directo, os votantes deberán acreditar a súa identidade ante a mesa, a cal comprobará que está incluído no censo. O presidente da Comisión Xestora dirá en voz alta o nome e os apelidos do votante e, no momento de introducir a papeleta na urna, farase mención de que fixo efectivo o voto. A secretaria da Comisión Xestora anotará esta cuestión no censo para os efectos de constancia rexistral.

En caso de voto por correo, realizarase da seguinte forma:

a) Introducirase a papeleta nun sobre, e este sobre, á súa vez, noutro de maior tamaño, en que se incluirá unha copia do DNI e se xuntará un documento en que se fagan constar o nome, a sinatura e o número de colexiado.

b) Remitirase ese sobre por correo certificado, ou entregarase na sede do Colexio, ata o día hábil anterior ao das eleccións, coa indicación: «Para as eleccións á Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia».

c) Computaranse os votos anticipados recibidos ata o día hábil anterior ao da data da votación. Os sobres serán rexistrados nun rexistro aberto para o efecto que levará a persoa designada pola Comisión Xestora. Este rexistro estará sempre á disposición das candidaturas e daqueles colexiados que así o soliciten.

d) A mesa recibirá os sobres de voto anticipado e cotexará a sinatura coa do DNI, e deste xeito identificará o votante. Os votos serán introducidos na urna unha vez finalizado o período establecido na convocatoria para a votación directa.

Se un colexiado vota anticipadamente e de xeito presencial, o voto anticipado non se computará.

e) Finalmente, depositarán o seu voto os interventores e os membros da Comisión Xestora.

Artigo 30. Escrutinio

Unha vez finalizada a votación e introducidas as papeletas recibidas por voto anticipado, iniciarase o escrutinio, en acto público e sen interrupción, no transcurso do cal se lerán en voz alta todas as papeletas.

Terase en conta, para os efectos do escrutinio, o seguinte:

a) Consideraranse votos nulos:

• Os emitidos nun modelo diferente do oficial asignado ao sobre ou á papeleta.

• Os sobres que conteñan máis dunha papeleta de distintas candidaturas (si se incluíren varias papeletas da mesma candidatura, computarase como un único voto válido).

• Os emitidos en papeletas nas cales se modificasen, engadisen ou riscasen nomes de candidatos comprendidos nelas ou se alterase a súa orde de colocación, así como naquelas en que se introducise calquera lenda ou expresión ou se producise calquera outra alteración de carácter voluntario ou interesado.

b) Consideraranse votos brancos:

• Os sobres que non conteñan papeletas.

Finalizado o escrutinio, o presidente da Comisión Xestora anunciará o resultado e quedará proclamada electa a candidatura que obtivese o maior número de votos. En caso de empate, entenderase elixida a lista na cal a persoa candidata á Presidencia teña maior antigüidade no Colexio.

Do resultado da votación estenderase acta, dándolle copia a todos os interventores que a soliciten.

As papeletas de votación gardaranse en sobres lacrados e asinados pola mesa, e farase referencia a se o sobre contén votos válidos, nulos ou en branco. Transcorridos seis meses da proclamación definitiva da Xunta de Goberno, sempre que non haxa litixio ningún pendente de resolver, destruiranse os sobres coas papeletas.

Os resultados das eleccións serán comunicados pola Comisión Xestora ao Consello Xeral de Ópticos-Optometristas, así como á consellería competente en materia de colexios profesionais, para os efectos rexistrais que procedan.

Artigo 31. Proclamación dos membros electos e toma de posesión

Unha vez finalice o escrutinio, proclamaranse aos membros electos.

A Xunta de Goberno constituirase no mesmo acto e os candidatos elixidos tomarán posesión dos seus cargos, e deste xeito o Colexio adquirirá a capacidade de obrar.