Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 26 de outubro de 2022 Páx. 56462

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 14 de outubro de 2022 pola que se clasifica como de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Sailway.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Sailway, con domicilio no Peirao de Comercio (edificio O Tinglado), nave 2, Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 29 de xuño de 2022, Rubén Alfonso Pérez González, presidente do padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, a declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Sailway constituíuna a entidade Sailway, S.L., representada polo seu administrador solidario Rubén Alfonso Pérez González, mediante escritura pública outorgada o 11 de maio de 2022 en Vigo (Pontevedra), ante o notario Fernando Olmedo Castañeda, co número de protocolo 1.102.

3. A Fundación, consonte o artigo 4 dos seus estatutos, ten por obxecto «a defensa do medio natural de Galicia, en especial do seu medio ambiente mariño, realizando para iso actividades náuticas relacionadas coa preservación, conservación e gozo do mar».

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Rubén Alfonso Pérez González, como presidente; Laura Moya Fernández, como secretaria; e Francisco Javier Currás Martínez e Luís Pérez Canal, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia da Fundación Sailway, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia e a súa adscrición á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 3 de outubro de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Sailway e adscribila ao protectorado da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase interpor, no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes