Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 26 de outubro de 2022 Páx. 56483

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 17 de outubro de 2022 pola que se establecen as condicións para a repartición do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para o ano 2022 entre os concellos resultantes dun proceso de fusión.

O impulso de medidas incentivadoras da xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos dos municipios galegos é un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia, que ten como finalidade contribuír a que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida que satisfagan as súas necesidades, á vez que se reducen os custos que a prestación destes servizos traslada á carga impositiva que soporta a veciñanza. Como unha das medidas máis eficaces para acadar estes obxectivos, a Xunta de Galicia pretende promover e apoiar os proxectos de fusión municipal que inicien os concellos da nosa Comunidade Autónoma.

O artigo 13.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, dispón que a Xunta de Galicia establecerá unha serie de medidas de fomento para as fusións de municipios ou para a incorporación doutros, que supoñen, entre outras, tanto o dereito ao incremento da porcentaxe de participación que corresponde no Fondo de Cooperación Local como a adopción de medidas de fomento para que se fusionen os concellos.

Nesta liña, a Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 (DOG núm. 251, do 31 de decembro), establece no Fondo de Cooperación Local para o ano 2022 un fondo adicional con destino exclusivo e finalista aos concellos fusionados.

Concretamente, é o artigo 58 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, o que establece os conceptos de distribución dos novos recursos que se integran no fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, e inclúe, entre outras, unha dotación para os concellos resultantes dun proceso de fusión.

A repartición do fondo adicional correspondente aos municipios resultantes dun proceso de fusión dentro do Fondo de Cooperación Local para 2022 realizarase nas condicións que estableza a consellería competente en materia de Administración local.

Resulta, pois, preciso establecer e precisar as condicións de repartición do citado fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local do ano 2022, considerando como criterio determinante a participación en procesos de fusión ou de incorporación voluntaria a outros concellos.

O artigo 29 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, establece que o órgano encargado da xestión das competencias que se lle atribúen á Xunta de Galicia en materia de administración local é a Dirección Xeral de Administración Local.

Segundo o artigo 1 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, este é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de Administración local.

Polo exposto e de conformidade co establecido no punto catro do artigo 58 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, do orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o órgano competente para determinar as condicións de repartición para os municipios resultantes dun proceso de fusión do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para o ano 2022.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Por medio desta orde regúlanse as condicións de participación no Fondo de Cooperación Local do ano 2022 dos municipios resultantes dun proceso de fusión para a repartición do fondo adicional.

2. O Fondo de Cooperación Local para o ano 2022 ten un fondo adicional cunha dotación de 1.500.000 euros, destinados na súa totalidade ao cumprimento do sinalado no artigo 13.Un, letras a) e f), da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

Serán beneficiarios do fondo adicional os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia resultantes dun proceso de fusión municipal.

Artigo 3. Destino

As achegas procedentes deste fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local terán carácter non finalista e poderá ser aplicado polos concellos ao financiamento de programas de gasto de natureza produtiva ou xeradora de emprego, obras ou servizos, gastos de persoal, gastos correntes en bens e servizos, amortización de débeda ou calquera outro gasto ou investimento acorde coas competencias municipais.

Artigo 4. Distribución

1. O fondo adicional de 1.500.000 euros dotado na aplicación orzamentaria 21.01.811B.460.1 será distribuído a partes iguais entre os municipios fusionados nos últimos dez anos.

2. A Dirección Xeral de Administración Local comunicaralle á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos os concellos que participarán no Fondo de Cooperación Local por estes conceptos, no prazo de tres días desde a publicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes