Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 26 de outubro de 2022 Páx. 56486

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 174/2022, do 13 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Meis duns treitos das estradas provinciais EP-9402, EP-9406 e EP-9407.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O día 5 de outubro de 2020, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Meis asinaron un convenio de colaboración para a execución do proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-9402 Mosteiro-Barrante, p.q. 0+000 ao p.q. 0+250. A cláusula quinta deste convenio recolle a obriga do concello de asumir o cambio de titularidade dos seguintes treitos:

– Treito da EP-9402 Mosteiro-Barrantes, entre os pp.qq. 0+000 e 0+190.

– Treito da EP-9406 Galles-A Armenteira, entre os pp.qq. 5+300 e 5+584.

– Treito antigo de 80 metros da EP-9407 A Goulla-Porráns, situado entre os pp.qq. 0+000 e 0+100 do trazado principal.

O 14 de xaneiro de 2022, o Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Meis.

Os treitos das estradas EP-9402, EP-9406 e EP-9407 cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de outubro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Meis de:

Clave

Denominación

p.q.i

p.q.f

Lonx. (km)

EP-9402

Mosteiro-Barrantes

0+000

0+190

0,190

EP-9406

Galles-A Armenteira

5+300

5+584

0,284

EP-9407

Treito antigo na súa marxe esquerda

0+000

0+100

0,162

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Meis, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil vinte e dous

O presidente
P.S. (artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade