Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 7 de outubro de 2022 Páx. 53649

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2022 pola que se aproba a proposta motivada do Concello de Vigo de declaración de dúas áreas do municipio como zonas de grande afluencia turística, para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, e se autoriza a apertura durante todo o ano en horario comercial ata as 22.00 horas.

Logo de examinar a solicitude presentada polo Concello de Vigo para a inclusión de determinadas áreas do dito concello como zonas de grande afluencia turística de acordo co disposto no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ten en consideración os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Con data do 11 de xullo de 2022, ten entrada un escrito do Concello de Vigo para solicitar da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a declaración de dúas áreas do municipio de Vigo como zonas de grande afluencia turística, para os efectos previstos no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, durante todo o ano en horario comercial ata as 22.00 horas, e conforme os planos que achega coa proposta, que comprende:

1. A zona histórica de Bouzas: territorio comprendido dentro do ámbito definido entre a avenida Atlántida, a rúa Camilo Veiga, a rúa Simancas e a avenida Beiramar.

2. A zona coñecida como Vigo Histórico: territorio comprendido dentro do ámbito definido entre as rúas San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Pontevedra, rúa Areal, Concepción Arenal, Montero Ríos, e Cánovas del Castillo ata a rúa San Francisco.

Xunto coa proposta, o Concello de Vigo achega certificación do acordo plenario en que se recolle a declaración de Vigo como zona de grande afluencia turística, así como a súa delimitación xeográfica e horaria, a memoria motivada e descritiva en que basea a súa proposta para a declaración de Vigo como zona de grande afluencia turística, informe da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e informe das asociacións e federacións de comerciantes e hostaleiros que a seguir se relacionan: Zona Náutico, Asociación de Comerciantes del Entorno del Xeral, Asociación de Comerciantes de Torrecedeira, Asociación de Comerciantes y Empresarios Travesas-Vigo (Aetravi), Asociación de Comerciantes del PAU de Navia, Asociación de Comerciantes Zona Teis, Asociación de Comerciantes Zona Centro de Vigo CCA, Asociación de Comerciantes e Empresarios do Calvario (Aceca), Federación de Comercio de Pontevedra, Federación de Comercio de Vigo, Federación de Mercados Centrales de la Comarca de Vigo (Mercacevi).

Así mesmo, achega informe da Asociación de Amas de Casa y Consumo Agarimo e informe das organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG.

Segundo. Con data do 21 de xullo de 2022, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación achega á Axencia Turismo de Galicia copia da documentación, ao tempo que solicita informe sobre o devandito expediente, de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

Terceiro. Con data do 13 de setembro de 2022, a Axencia Turismo de Galicia emite informe favorable sobre esta cuestión.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de declaración de zona de grande afluencia turística, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. O artigo 5.5 da Lei 1/2004, do 21 decembro, de horarios comerciais, establece, en relación coa determinación de zonas de grande afluencia turística que: «En todo caso, nos municipios con máis de 100.000 habitantes que rexistrasen máis de 600.000 pernoitas no ano inmediatamente anterior ou que conten con portos en que operen cruceiros turísticos que recibisen no ano inmediato anterior máis de 400.000 pasaxeiros, declararase, polo menos, unha zona de grande afluencia turística aplicando os criterios previstos no punto anterior. Para a obtención destes datos estatísticos consideraranse fontes as publicacións do Instituto Nacional de Estatística e de Portos do Estado.

Se no prazo de seis meses a partir da publicación destes datos, as comunidades autónomas competentes non declarasen algunha zona de grande afluencia turística no municipio en que concorran as circunstancias sinaladas no parágrafo anterior, entenderase declarada como tal a totalidade do municipio e os comerciantes dispoñerán de plena liberdade para a apertura dos seus establecementos durante todo o ano».

Terceiro. De conformidade cos datos provisionais publicados o 25 de xaneiro de 2022, polo Instituto Nacional de Estatística, a través da enquisa de ocupación hostaleira, que analiza as pernoitas en todos os establecementos hoteleiros de cada comunidade autónoma, a cidade de Vigo, rexistrou, durante o ano 2021, 654.089 pernoitas.

Isto pon de manifesto a obriga legal de declaración de, polo menos, unha zona de grande afluencia de turística no municipio de Vigo.

Cuarto. O artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, establece que:

«1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano a que se circunscribe a solicitude e máis a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e á cal deben achegarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta a que se refire o número 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesariedade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido no número 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta a que se refire o número 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo tres meses, contados desde a súa presentación xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no número 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo».

Quinto. A proposta motivada do Concello de Vigo, aprobada por maioría absoluta do Pleno da corporación local, con data do 25 de maio de 2022, sinala que, de acordo coas posibilidades da normativa sinalada, delimita espacialmente a súa proposta acoutando os lugares que reciben os turistas, de acordo co establecido no artigo 7 do Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, concretamente no que se refire ás seguintes circunstancias, que motivan suficientemente a declaración de zona de grande afluencia turística:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa e cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos, ou ben no número de segundas residencias, respecto ás que constitúen a residencia habitual.

b) Que fose declarado patrimonio da humanidade ou no que se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

c) Realicación de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

d) Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

e) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras.

f) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen.

g) Que limiten ou constitúan áreas de influencia de zonas fronteirizas.

Sexto. A solicitude complétase no expediente cun informe proposta coas áreas solicitadas de declaración de zona de grande afluencia turística e mais os planos con rúas de cada unha delas, concluíndo que:

«Logo das citadas consultas e mesas de traballo, acordouse a seguinte proposta de consenso, comunicada ás devanditas entidades:

1. Que a zona histórica de Bouzas: o territorio comprendido dentro do ámbito perimetral definido entre a avenida Atlántida, a rúa Camilo Veiga, a rúa Simancas e a avenida Beiramar, forme parte da zona de grande afluencia turística.

2. Que parte da zona coñecida como Vigo Histórico: o territorio comprendido dentro do ámbito definido entre as rúas San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Pontevedra, rúa Areal, Concepción Arenal, Montero Ríos, Cánovas del Castillo ata a rúa San Francisco, forme parte da zona de grande afluencia turística.

3. Que ambas as zonas de grande afluencia turística podan abrir todo o ano en horario comercial ata as 22.00 horas.

Na memoria xustificativa presentada, detállanse pormenorizadamente os criterios en que o Concello de Vigo e as organizacións afectadas se basearon para definir a delimitación xeográfica e horaria da zona de grande afluencia turística.

As áreas referidas, Vigo Histórico e barrio histórico de Bouzas, constitúen o principal foco turístico da cidade e albergan importantes valores comerciais, artísticas, culturais e monumentais que fomentan o incremento do número de visitantes. En especial, tense en conta o comercio, a gastronomía, a paisaxe e a calidade dos seus servizos.

O Concello de Vigo conta con boas condicións de seguridade e oferta de comercio e lecer nos lugares públicos que se ven reflectidas nas excelentes infraestruturas e aloxamentos, oficinas de información turística, áreas portuarias, zonas de praias urbanas e espectáculos con repercusión nacional e internacional. Características que propician que a cidade olívica sexa un destino turístico de calidade no ámbito consensuado con todas as organizacións do sector do comercio».

Sétimo. Así mesmo, cómpre salientar que a proposta formulada acadou, no referente á súa delimitación territorial e horarios, o apoio de once asociacións e federacións de comerciantes e hostaleiros, respectando desta forma a proposta presentada os intereses locais que a entidade representa.

Oitavo. O informe para a determinación do Concello de Vigo como zona de grande afluencia turística, do 13 de setembro de 2022, emitido pola Axencia Turismo de Galicia, sinala:

«O artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, indica que a consellería de Comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a devandita solicitude, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de Turismo.

Segundo o establecido no artigo 1 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia, terá como obxectivo impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade e a conservación e promoción dos camiños de Santiago.

Unha vez consultadas estas fontes por parte da Área de Estudos Turísticos da Axencia Turismo de Galicia, compróbase que Vigo rexistrou 656.000 pernoitas no pasado ano 2021, dato referido ao ámbito hoteleiro. Supera, en consecuencia, a cifra determinada na lei para poder solicitar e delimitar o ámbito territorial e temporal da zona de grande afluencia turística. A súa desagregación por meses é a seguinte:

Xaneiro

22.713

Febreiro

21.669

Marzo

24.410

Abril

25.314

Maio

33.571

Xuño

54.259

Xullo

91.193

Agosto

108.405

Setembro

75.605

Outubro

67.353

Novembro

57.216

Decembro

74.220

En canto aos datos de pasaxeiros de cruceiros turísticos, os datos do ano 2021 recollen un total de 34.656 pasaxeiros, unha cantidade que está por debaixo da prevista na lei, ben que queda moi condicionada polos efectos negativos da pandemia COVID-19 neste segmento turístico.

No concello de Vigo concorren, ademais, moitas das circunstancias previstas no artigo 5.4 da Lei 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, para declarar unha zona de grande afluencia turística. A saber:

– Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos, ou ben no número de segundas residencias respecto ás que constitúen a residencia habitual.

– Que se localice nela un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

– Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

– Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

– Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras.

– Que limiten ou constitúan áreas de influencia de zonas fronteirizas.

Ademais da súa privilexiada situación xeográfica, Vigo conta cunha gran variedade de recursos turísticos entre os que destacan a Zona Vella, o Parque de Castrelos, co pazo Quiñoñes de León e o seu xardín de camelias, o Castro ou as Illas Cíes, declaradas parque nacional marítimo-terrestre cuxas praias e fondos mariños son unha icona no turismo de natureza de Galicia.

Vigo é tamén un referente do turismo urbano e industrial dentro da Comunidade Autónoma, destacando o contorno do centro histórico, a zona Bouzas, ou o porto pesqueiro coa súa lonxa.

Todos estes recursos, xunto coa súa dinámica actividade comercial e oferta cultural e de lecer, fan que Vigo sexa un importante destino turístico tanto vacacional como de negocios, e incremente o seu número de turistas ano tras ano. Cómpre subliñar tamén a chegada de grandes cruceiros, cuxa actividade estimula a creación de postos de traballo nos sectores comercial, hostaleiro e de diversos servizos turísticos.

Consideramos que o ámbito xeográfico para a aplicación do horario comercial é apropiado, xa que conta co informe favorable da maioría das asociacións de comerciantes do concello, da Cámara de Comercio, asociacións de consumidores e sindicatos máis representativos.

Con base no exposto nos puntos anteriores, este centro directivo emite informe favorable á declaración de zona de grande afluencia turística no concello de Vigo, nos termos mencionados no punto cuarto».

Vistos os precedentes citados, especialmente o disposto no artigo 5 números 4 e 5 da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a proposta motivada do Concello de Vigo de declaración de dúas áreas do municipio de Vigo como zonas de grande afluencia turística para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, durante todo o ano en horario comercial ata as 22.00 horas:

1. Zona histórica de Bouzas: o territorio comprendido dentro do ámbito perimetral definido entre a avenida Atlántida, a rúa Camilo Veiga, a rúa Simancas e a avenida Beiramar, forme parte da zona de grande afluencia turística.

2. Zona coñecida como Vigo Histórico: o territorio comprendido dentro do ámbito definido entre as rúas San Francisco, Poboadores, Falperra, Cachamuíña, Paseo de Granada, II República, Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Pontevedra, rúa Areal, Concepción Arenal, Montero Ríos, Cánovas del Castillo ata a rúa San Francisco, forme parte da zona de grande afluencia turística.

A delimitación espacial das áreas figura especificada nos planos que se anexan.

Segundo. A declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Unha vez que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no número 1, do artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas); ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigo 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente.

Comuníquese aos interesados.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación
P.D. (Orde do 21.3.2022; DOG nº 63)
Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia Primeira
e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file